As conferencias da Sorbona: “Poéticas e políticas do corpo”

As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?

 

 

Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.

Puntos no tempo

Ao achegarse o Aninovo, parécennos acaídas unhas reflexións de Friedrich Nietzsche sobre o tempo. Forman parte dos chamados “Fragmentos póstumos” e estas que escolmamos e traducimos a seguir escribiunas o autor da Xenealoxía da moral na primavera de 1873.

A idea inicial é que todos os puntos temporais que constitúen o tempo se poden ocupar desde un único punto do espazo: o corpo. Este último estaría así constituído á súa vez por puntos temporais distintos, isto é, por ese único punto espacial disposto a certos intervalos de tempo. Poderíase concibir así todo un mundo de corpos, todos sostidos en cadanseu punto mais de tal xeito que se disociasen os corpos en liñas temporais discontinuas. Soamente habería continuidade na representación deses puntos, na cronoloxía.

View_from_the_Window_at_Le_Gras,_Joseph_Nicéphore_Niépce

Velaquí as anotacións de Nietzsche:

“A constitución do corpo depende entón de que maneira e de cantas veces ese punto único se atope sucesivamente situado.

A realidade do mundo consistiría daquela nun único punto constante. A multiplicidade viría de que habería seres dotados dunha facultade de representación que, no pensamento, reproducirían ese punto a intervalos de tempo extremadamente breves: uns seres para os que ese punto non permanecería igual en momentos diferentes e que logo considerarían eses puntos diferentes dun xeito simultáneo.

[…] a representación constrúe [esas figuras temporais] a partir do modo da contigüidade espacial e explica despois segundo esa contigüidade a marcha do mundo: pura tradución para outra linguaxe, a do devir.

A orde do mundo sería a regularidade das figuras temporais: mais entón deberíase, en todos os casos, considerar que o tempo actúa cunha forza constante, segundo unhas leis que nós só podemos explicar a partir da contigüidade. Actio in distans temporis punctum.
[…]

Admítese decote na física atomista a existencia de forzas atómicas inmutables no tempo, é dicir, uns onta no senso parmenidián. Estes, así e todo, non poden exercer unha acción.

Soamente as forzas absolutamente modificables poden actuar, as forzas que non permanecen nin un instante idénticas a si mesmas.
Todas as forzas soamente son unha función do tempo.

1) Unha acción entre dous momentos consecutivos é imposible: pois dous puntos temporais consecutivos coincidirían. Toda acción é daquela actio in distans, é dicir, que efectúa un salto.

2) Non sabemos como unha acción deste tipo é posible in distans.

3) Os diferentes graos de velocidade inscritos na natureza propia deste tipo de acción. É dicir, que as forzas, como funcións do tempo, maniféstanse nas relacións de puntos temporais próximos ou afastados, isto é, rápida ou lentamente. A forza reside no grao de aceleración. A aceleración máis forte correspondería á acción dun momento do tempo sobre o momento inmediatamente seguinte, quere dicir que este sería entón = infinitamente grande.

Canto máis lenta é a acción, máis importantes os intervalos de tempo e meirande a distancia.

A relación entre puntos teporais afastados é daquela a lentitude; toda lentitude é naturalmente relativa.

Nietzsche tempo-texto

Non é necesario falar de tempo senón soamente de puntos temporais.

Un punto temporal actúa sobre outro punto temporal, cómpre entón presupoñer unhas propiedades dinámicas.
Teoría dos átomos temporais.

É posible, 1) volver a levar o mundo existente a un atomismo dos puntos do espazo,
2) levalo á súa vez a un atomismo temporal,
3) o atomismo temporal, ao cabo, coincide cunha teoría da sensación. O punto temporal dinámico é idéntico ao punto da sensación. Pois non hai simultaneidade nas sensacións.”

[Pódese ler o texto orixinal íntegro en alemán na ligazón seguinte: fragmento 26 [12].]