“As posibilidades emancipatorias da música groove” [1], por Steven Shaviro

O pasado mes de novembro, o filósofo Steven Shaviro publicaba no seu blogue The Pinocchio Theory un artigo sobre a música groove que agora ofrecemos aos nosos lectores e lectoras en tradución para o galego e en dúas entregas sucesivas. Ao fío do libro Groove: An Aesthetics of Measured Time, de Mark Abel, Shaviro fai neste artigo unha serie de reflexións de grande importancia sobre a teoría da música especialmente no que se refire ao emprego do ritmo e da medida, á súa vinculación co pensamento baseado na medición do tempo como valor e coa sociedade capitalista erguida sobre ese alicerce. De especial interese son as súas reflexións sobre a relación entre a música “clásica” contemporánea e a música denominada popular; a defensa desta última e os criterios empregados para xebrala da música composta ou interpretada con fins exclusivamente mercantís. Todo isto co pano de fondo da obra de Theodor W. Adorno, un dos grandes filósofos da música, e da crítica da sociedade tardomoderna como contexto.

En euseino.org, continuamos dese xeito a achegar aos lectores e lectoras galegos colaboracións de pensadores doutras partes do mundo. Desta volta, cunha reflexión singular sobre a relación entre tempo musical e tempo cronolóxico na Idade Moderna, Steven Shaviro analiza as múltiples funcións da música popular hoxe para deterse tamén no caso específico da música afrofuturista que ten por obxectivo criticar a situación actual da diáspora africana, revisando e cuestionando os acontecementos do pasado. A súa análise chega a formular a hipótese de como a música groove pode supoñer a liberación da escravitude métrica precisamente ao intensificar o ritmo, ao converter o presente eterno da sociedade tardomoderna nunha experiencia ateigada de instantaneidade, unha proposta teórica esbozada a partir da noción de Jetztzeit (tempo-actual, ou tempo-agora) de Walter Benjamin.

 

O libro Groove: An Aesthetics of Measured Time, de Mark Abel, recentemente publicado na colección Materialismo Histórico, ofrece unha análise musicolóxica e filosófica nova da música groove —o que quere dicir, pouco máis ou menos, de toda a música popular nos EUA e nas Américas, ademais doutras partes do mundo, durante os cen anos últimos—, polo menos desde o comezo do século XX. Basicamente, Abel propón unha defensa adorniana da música producida industrialmente e de xeito masivo, precisamente aquilo que o propio Adorno desprezaba. Nese senso, resulta extraordinariamente útil explicar como o pensamento de Adorno foi durante décadas un condicionamento enorme á hora de pensar sobre a música —non se trata de desbotalo senón de dar boas razóns para superalo.

Así e todo, o libro de Abel non deixa de ser exhaustivo, o que significa que realmente é moito máis ca rigoroso —malia que eu mesmo teño certas dificultades en seguilo, coido que me axuda considerablemente a pensar sobre a música (dado que, naturalmente, non son un músico e carezo da máis rudimentaria iniciación musical).

Abel comeza por dar unha definición completa da música groove —indo alén dos relativamente febles intentos de definila que el mesmo tira de enciclopedias musicais e de investigadores anteriores. Segundo Abel, son catro os elementos fundamentais que caracterizan a música groove:

  1. O compás, ou tempo metronímico.
  2. A síncope.
  3. A “profundidade métrica”, ou disposición da medida en múltiples niveis.
  4. A acentuación rítmica, ou backbeat. [Un backbeat é a acentuación sincopada dun pulso que vai a continuación do tempo forte do compás, ou a contratempo; refírese aos pulsos segundo e cuarto, que proxectan un acento débil. (N. dos eds.)]

Todas estas características son fundamentais. A maioría da música tradicional de todo o mundo é rítmica mais non métrica. Abofé que a música tradicional da África Occidental tamén é polirrítmica (varios ritmos seguen o mesmo tempo) mais non métrica; pode haber un pulso implícito mais non hai compases e tampouco existe unha organización subxacente dos pulsos fortes e débiles. Só a música europea dos últimos cincocentos anos está realmente dividida en compases, cunha énfase forte no primeiro pulso da cada compás (un-dous-tres-catro). E a música occidental tende a seguir modelos fractais (aínda que Abel non chega a empregar a verba fractal) de organización métrica en niveles múltiples (penso nos catro compases do blues e nas cancións coa forma ABAB). Alén disto, nin a síncope (a diferenza da distribución regular do pulso) nin o backbeat (realmente unha forma particular da síncope) sería posible: se a música non fose ante todo métrica, non se podería tocar fóra do metro regular. O que quere dicir que os polirritmos no funk e noutros tipos de música afroamericana realmente funcionan de xeito diferente á polirritmia na música tradicional africana, esta última sen regularidade métrica en primeiro plano nin tampouco violacións sincopadas desa regularidade.

Baseándose niso, Abel rexeita as afirmacións máis comúns sobre unha fonte fundamentalmente africana da música popular da América, argumentando que hai múltiples fontes híbridas e que se converteu nunha especie de esencialismo defender insistentemente a súa orixe exclusiva nos sons de África. Esta é unha das cuestións nas que Abel pon unha énfase excesiva, criticando se cadra dun xeito esaxerado a atribución africana da procedencia do blues, do jazz, o funk, etc. Unha das cuestións subxacentes ten que ver coa premisa marxista (coa que non estou en desacordo) de que, en última instancia, o modo de produción é determinante, aínda que neste punto Abel é ao cabo un chisco máis flexible. De feito, esaxera a súa negación de que exista calquera tipo de resonancia africana na música groove, o que o fai ir lonxe de máis na clasificación da Average White Band a carón de James Brown nun dos casos raros do libro nos que menciona un músico en concreto. Debido a este tipo de afirmacións, moitos lectores poderían considerar xustificado abandonar a lectura neste punto, decisión que sería equivocada xa que o libro aínda ten moito que ofrecer.

A definición que fai Abel da música groove é extremadamente ampla e iso convértese simultaneamente nun defecto e mais nunha virtude. Nunha virtude porque lle permite facer unha serie de observacións de grande alcance sobre a música popular dos séculos XX e XXI, abranguendo xéneros moi variados; nunha debilidade porque iso significa que non é quen de recoñecer, ou de entender, moitos dos achados que, no que atingue un marco común, lograron diversificar de xeito salientable a música popular dos últimos cen anos.

Outro dos puntos sobranceiros e que para min resulta absolutamente convincente no libro de Abel é a súa demostración —citando un amplo abano de historiadores e teóricos— de como a medida do tempo —tempo concibido como unha sucesión lineal homoxénea e baleira— é un produto non soamente da tecnoloxía científica moderna (como é o caso dos cada vez máis exactos reloxos feitos desde o século XVII) senón especificamente do capitalismo, coa súa organización ubicua da produción de bens de consumo e a súa necesidade de medir o tempo dunha maneira exacta tanto para disciplinar os obreiros coma para, máis frecuentemente, calcular o valor do traballo, tendo en conta que, en última instancia, o valor da forza de traballo e o de todos os bens de consumo está determinado pola “necesidade social do tempo laborable”.

Abel sitúa o feito histórico da exactitude da medida do tempo como unha cuestión central para as relacións capitalistas, ata o punto que o capitalismo non podería funcionar sen esa medición. Este argumento é un lugar común ao que Abel lle dedica moita atención e unha morea de páxinas sen que sexa estritamente necesario (aínda que eu sospeito que, malia ser un lugar común para intelectuais de formación semimarxista, pode non o ser para todos os demais). A importancia do argumento ten que ver con que esa estrutura subxacente no capitalismo pode explicar por que a organización métrica é fundamental na música occidental dos últimos cincocentos anos, máis ou menos, mentres que está ausente nas outras formas históricas e tradicionais da música. A organización métrica é central na música clásica europea, cousa que se aproveita, como revancha, na música groove e na música popular sobre todo desque as técnicas de gravación se espallan amplamente.

Imperial Valley-Charles O'Rear

 

Chegamos así á cerna da argumentación de Abel con e contra Adorno. Durante os séculos XX e XXI, a filosofía da música está vencellada necesariamente cun tipo de metafísica do tempo que foi fundamental para a modernidade. Abel asegura que as teorías de Bergson, Husserl e outros sobre o tempo son idealistas porque non remiten ás condicións xeradas polo capitalismo. Eu estou moito máis disposto ca Abel a aceptar certo tipo de metafísica; pensadores coma Bergson e Husserl son de vital importancia pola maneira en que articularon a experiencia do tempo e por como esa experiencia subxectiva se vincula con outros modos “obxectivos” de rexistrar o tempo (incluíndo os modos científico e industrial-capitalista). A experiencia musical necesariamente abrangue a experiencia do tempo a un nivel profundo; e Abel, en efecto, sábeo pois detense moi pormenorizadamente nas descricións da temporalidade feitas por Bergson e mais pola fenomenoloxía.

Ambos os dous, Bergson e Husserl (as ideas deste último sobre o tempo tomáronse en consideración na música especialmente grazas a Alfred Schutz) contrapoñen un senso interior e auténtico do tempo coa medición obxectiva, externa e espacializada, a do tempo baleiro das ciencias. Abel argumenta que as observacións de Adorno sobre a arte musical moderna e sobre a música popular (as dúas metades eivadas do que debería ser un todo) están organizadas, de feito, a partir desa distinción metafísica. (Uso aquí a palabra metafísica nun senso non pexorativo malia que Abel faga o contrario.) A autenticidade do tempo interior persoal é violada porque o monopolio industrial do capitalismo sométeo todo incesantemente á mercantilización estandarizada que, no seu nivel máis profundo, consiste na homoxeneización da medida do tempo. Adorno entende a música clásica do século XX (sobre todo Beethoven) como unha oposición ao tempo homoxéneo e, consecuentemente, como unha apertura á experiencia do tempo real interior (que, en última instancia, é a duración bergsoniana) e tamén ao tempo histórico (que o capitalismo suprime ao instalar un presente eterno e unha repetición temporal que nega a posibilidade de que o futuro vaia ser, en senso real, diferente do presente).

[A cuestión de como o tempo interior en tanto que duración e o tempo histórico en tanto que experiencia colectiva se poden relacionar con outro tempo é en si mesma unha dificultade engadida —non considero que Abel dea resolto isto de xeito convincente e tampouco dou pensado en alguén que realmente o resolvese. Os máis dos marxistas optaron por desprezar a Bergson baseándose en que a súa idea da duración é ahistórica mais eu coido que Abel atina ao suxerir —aínda que non o di endexamais expresamente e ben podería non estar de acordo— que ningunha concepción complexa e moderna do senso do tempo que non sexa o tempo baleiro do capitalismo pode obviar nin sequera parcialmente a achega de Bergson. (N. do A.)]

Para Adorno, a música clásica do século XX loita, con maior ou menor suceso, coa mesma cuestión da experiencia temporal. Simplificando un pouco, segundo Adorno, a música clásica do século XX, nas súas obras de meirande suceso (por exemplo, no Schoenberg temperá), resístese á imposicion capitalista e universal da medida do tempo xa que, cando é posible, rexeita a métrica e delimita (ou retírase a elas) as poucas áreas da cultura que non están completamente sometidas á regularidade da métrica. Para Adorno, toda a música popular —todo o que se refire á música groove, na terminoloxía de Abel— capitula fronte á regularidade do metro; velaí o que, en última instancia, subxace na crítica que Adorno fai da música popular como conformista e repetitiva, simple utilización dun molde previo, como aquilo que soamente ofrece variacións menores, gastadas e insignificantes, que endexamais afectan a básica e primaria tiranía do metro como tempo mercantilizado, taylorizado, etc.

O contraargumento de Abel é que a vinganza consiste precisamente no uso da métrica; ao usar a métrica dun xeito moito máis intenso ca a música clásica e, en consecuencia, ao proliferaren as síncopes fronte ao pulso medido, cúmprese a condición dialéctica para que se poida infrinxir a lóxica da métrica. Dese xeito, a música groove, nas súas mellores obras, é capaz de subverter o tempo cronometrado e homoxéneo, ou tempo mercantilizado.

Polo tanto, Abel defende as posibilidades emancipatorias da música groove empregando a lóxica dialéctica do propio Adorno; mesmo suxire que a música clásica do século XX que, ao cabo, Adorno defende dunha maneira ambivalente, soamente representa unha retirada conservadora pois simplemente se desvincula da métrica do tempo, sen chegar a desafiala traballando desde o seu interior. A mellor música groove, ao dedicar a súa atención ás posibilidades de fractura desde dentro, fornece un antídoto á posición pesimista de Adorno, e abofé tamén á de Jameson, segundo a cal a resistencia á reificación só pode xurdir de esferas da humanidade que aínda non caeron totalmente baixo o control da mercantilización, daquelas poucas que conservan a súa excelencia.

[O argumento de Abel é paralelo ao meu propio argumento de que películas accesibles e de ritmo áxil coma Gamer e Detention son moito mellores respostas á situación dos medios de comunicación no século XXI ca as películas lentas de moitos outros directores. (N. do A.)]

 

O pulso da fenomenoloxía

Euseino? Editores publica o nº 3 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), no que incluímos por primeira vez traducións de textos escritos noutras linguas. Desta volta trátase dun ensaio de Michael Marder, filósofo canadense que actualmente é profesor na Universidade do País Vasco.

Cun estilo punzante e suxestivo, Marder expón en “O pulso da fenomenoloxía” a súa concepción dunha filosofía crítica coa que reavivar os latexos dos sistemas de pensamento mortos (sedimentados). Trátase dunha achega ao que o autor de Plant-Thinking: A Philosophy of Vegetal Life denomina fenomenoloxía crítica. Pois esta corrente de pensamento, que marcou gran parte da filosofía do século XX, de Husserl e Heidegger a Derrida, ábrese neste ensaio a unha busca, a da “razón do infrarracional”, que implica o desacougo do eu dividido, a inquedanza que non deixa descansar.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Michael Marder en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
O pulso da fenomenoloxía

O pulso da fenomenoloxía