Lucía Castro en Compostela e na Coruña

Na Biblioteca Ánxel Casal (Santiago de Compostela) e no Fórum Metropolitano (A Coruña)

Conferencias de Lucía Castro

Os próximos días 13  e 19 de outubro, ás 19’30 na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e ás 19 horas na Biblioteca do Fórum Metropolitano da Coruña respectivamente, a filósofa Lucía Castro ha dar senllas conferencias dentro do ciclo Filosofía nas Bibliotecas, organizado pola Fundación Euseino? en colaboración con bibliotecas públicas galegas. A autora de “É nosa a terra? Polo acontecemento da non-propiedade” vai falar de:

Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda

“Propiedade e débeda son dous conceptos afianzados no imaxinario colectivo que median dunha maneira determinante nas nosas relacións co que nos rodea. É tal o poder que lles outorgamos para facermos intelixible o mundo que dificilmente se abren fendas que poñan en cuestión a súa hexemonía. Atendendo ás tentativas filosóficas que veñen explorando esas fendas, trataremos de visibilizar outros xeitos de relacionármonos que sobreviven ás lóxicas dominantes. O común é o termo co que saen á luz esas experiencias, vellas e novas, e a través do cal se pretende, desde diferentes eidos da sociedade, ir construíndo unha alternativa vital.”

Máis información nas páxinas web da Biblioteca Ánxel Casal e do Fórum Metropolitano.

 

mary-pickford-hartsook-photo-pormenor

 

 

Filosofía nas Bibliotecas

Na Biblioteca Ánxel Casal (Santiago de Compostela)

Conferencia de Roberto Abuín

Mañá, xoves, día 6 de outubro, ás 19’30, comeza o ciclo de conferencias Filosofía nas Bibliotecas, organizado pola Fundación Euseino? en colaboración con bibliotecas públicas galegas. Na Biblioteca Ánxel Casal, de Santiago de Compostela, o filósofo e editor Roberto Abuín vai falar de:

Axeitarse á cerna do —noso— dicir: retallos para un pensar galego

“Habituados a reflectir discursos académicos, o pensamento como acción, verbalidade e proceso viuse reducido a unha simple continuación mimética das doutrinas baixo os caprichos da moda. Nun contexto coma o noso e tentando ir cara a un filosofar que cuestiona (baixo o prisma da racionalidade), ¿podemos inaugurar unha andaina do pensamento que se poida dicir “galego” sen perder o seu recendo particular? ¿Que se proxecte ao universal sen por iso converterse nun absoluto? ¿É un anacronismo pensar así? ¿Ou ben hai algo no —noso— dicir, expresado como iso que denominamos “o galego”, que poida devir unha forma de pensar propia, unha sorte de etnosofía? Esa forma de sabedoría, ¿pode ser un modo singular de percepción e de relación coa realidade? ¿Un saber que poida chegar a expresarse conceptualmente? ¿Vincúlase ese noso ser galego cunha forma de pensar de seu?”

Máis información na páxina web da Biblioteca Ánxel Casal
leon_cogniet_-_autoportrait_recorte