A Fundación Euseino? convoca o Programa Filosofía nas Bibliotecas co obxectivo de fomentar e apoiar a organización de actividades e conferencias para a difusión do pensamento filosófico nas Bibliotecas Públicas galegas.
Seis filósofas e filósofos galegos propoñen senllas conferencias sobre temas diversos, entre eles, a construción do xénero e as súas relacións cos réximes de propiedade, a diferenza como unha posibilidade de chegar ao suxeito despotenciado, a posibilidade dun pensar “galego” non totalizador nin exclusivo, a intelixencia artificial e a súa influencia na vida colectiva humana, outros xeitos de relacionarnos para sobrevivir ás lóxicas dominantes e a idea de comunidade como algo inacabado, que non remata nunca, son algunhas das propostas que desde Euseino? diriximos ás bibliotecas públicas galegas e, através delas, ás lectoras e lectores do país.
Os filósofos e filósofas participantes son Roberto Abuín, Brais Arribas, Rebeca Baceiredo, Lucía Castro, Miguel Penas e Abraham Rubín. Algúns son autores habituais de Euseino? Editores, outras colaboran por primeira vez connosco. Agradecémoslles o seu apoio a esta iniciativa coa que comeza as súas actividades a Fundación Euseino?.
Estamos certos de que no ámbito da cultura e do pensamento é esencial, ademais da existencia dunha plataforma de publicación de obras, o fomento de actividades coas que difundir na sociedade galega as ideas expostas polos pensadores e pensadoras na súa obra para logo poder debater libremente sobre elas coa finalidade de consolidar un pensamento non dogmático. Ademais, a colaboración coas bibliotecas públicas tamén incentiva a realización de actividades complementarias ao Programa e posibilita a participación de destinatarios de diferentes sectores sociais, culturais e educativos.
Convocatoria de 2016 [aberto o prazo]
Participantes e sinopse das conferencias