A percepción da regularidade na contemplación do mundo faise moi nidia na xeometría. Mesmo nos modernos modelos fractais e na xeometría hiperbólica, que se afastan da xeometría euclidiana e pretenden achegarse á ausencia de orde, aparece a autonomía da representación: o contemplado estabilízase, fíxase nunha forma; esa forma, ao ser conceptuada, acada a autonomía.
Representacións da regularidade, coma o disco de Poincaré, outorgan estatuto estético, isto é, perceptivo, a aquilo que ao contemplar o mundo é imperceptible. Velaí a a regulación da regularidade como nomos ou lei do percibido. Desa regularidade, e da súa función na potencialidade do discurso, escribiu Michel Foucault caracterizándoa como aquilo que domina a “historia tradicional das ideas” e que determina a súa significatividade. A noción de “discurso” é a dun conxunto de técnicas ou enunciados que se establecen respecto de un referencial, un tipo de distancia enunciativa, unha rede interpretativa e un campo de estratexias posibles. Unha hipótese parella á da regularidade foucauldiá, formulouna Thomas Kuhn na súa obra The Structure of Scientific Revolutions (1962) ao observar que, historicamente, a maioría dos progresos científicos acontecen en épocas nas que se dá un acordo case total arredor dun “paradigma” consensuado nun subcampo da ciencia concreto.
Se extrapolasemos eses modelos xeométricos de representación da regularidade ao mundo do social, xurdirían preguntas do tipo: ¿ata que punto esa regularidade dos modelos perceptivos nos que se basea o coñecer serve de ancoraxe ás relacións de poder? A pregunta debe de ter algo de xeito, se temos en conta o modelo do panóptico como sistema de control tal como o analizou tamén Foucault. ¿Hai relación entre esa regularidade representada no pensamento e na retórica perceptiva e científica coa regularidade dos enunciados discursivos nos que se asentan os dispositivos de poder? Poida que si. ¿Poderíase tratar, se cadra, dun efecto asumido como impensado por quen contempla o mundo?