Caleidoscopio dos contos, 11

Concibía o libro como obxecto de arte total, o que lle permitía escribir poemas, ilustralos, musicalos, coidar da calidade do papel, da cor da cuberta, da distribución da masa impresa no branco da páxina, das filigranas das orlas, da tipografía e do deseño da encadernación. Entre os libros que ilustrou Apel·les Mestres, destacan Vobiscum, con debuxos de espírito medieval propios dos incunables, e Liliana, no que a técnica naturalista se serve da fantasía. Está considerado o precursor dos modernistas e o impulsor do deseño editorial.

tarxeta persoal de presentación  cap

Apel·les Mestres i Oñós nace en Barcelona en 1854. Ao rematar o bacherelato matricúlase na Escola de Belles Arts de la Llotja. Froito das súas viaxes por Francia e Suíza, descobre a balada romántica e a poesía de Heinrich Heine, de quen posteriormente traduciría para o catalán a súa obra Intermezzo. Debuxante,  escritor, ilustrador, poeta, caricaturista, dramaturgo e músico. Como escritor tratou diversos xéneros: poesía, teatro e prosa. Moitos dos seus textos ían acompañados por ilustracións de seu.

Entre os galardóns obtidos polo seu traballo destacan o de Mestre en Gai Saber dels Jocs Florals de Barcelona (1908), a Cruz da Légion d´Honneur do goberno francés (1920) e a Medalla de Ouro da cidade de Barcelona (1935).

Apel·les Mestres contribuiu á publicación de novas pezas narrativas acompañadas de caricaturas e textos breves chamados auca, historias en estampas ou contos vivos. Aínda que non se trata de historietas propiamente ditas, poderíanse definir como protohistorietas, xa que aínda están pouco desenvolvidas e carecen de globos de texto, aparecendo este ao pé de imaxe. Unha auca é un tipo de documento artístico propio da cultura catalá; cada auca trata dun tema específico explicado a través dunha historia. Está composta por corenta e oito imaxes encaixadas en viñetas, cada unha delas acompañada de dous versos ao pé de cada viñeta, facendo un rodolí. Hai auques de temas diversos: asuntos zoolóxicos, xogos de infancia e festas do ano. As aucas represéntanse nunha páxina única.

libro verde 2

Na primeira década dos anos XX, os traballos de Apel·les Mestres como ilustrador centraríanse en obras de Cervantes, Dumas, Andersen, Bulwer-Lytton, Ebbers e Perrault.

Escribiu tamén obras musicais e, ao estourar a Primeira Guerra Mundial, ocuparíase na recuperación da cultura catalana recompilando, no ano 1922, cancións da tradición popular catalana. Apaixonado do naturalismo e do medievo, ambos os dous aparecen reflectidos na súa obra Liliana (1907). Tamén algúns dos seus traballos están influenciados polo romantismo, os modernistas e por un dos grandes ilustradores, Gustave Doré. Morreu en xullo de 1936, coincidindo co comezo da Guerra Civil.

Jessie Willcox Smith: as cores da mirada

O pase de diapositivas require JavaScript.

Caleidoscopio dos contos, 10

A biografía da ilustradora Jessie Willcox Smith (1863-1935) está unida á fascinante historia de amizade e arte de tres mulleres, ela mesma e as súas compañeiras de estudos Elizabeth Shippen Green (1871-1954), cartelista e ilustradora que traballou durante moitos anos para a revista Harper, e Violet Oakley (1874-1961), a primeira muller americana en recibir a encarga dun mural para un edificio público. As tres, que foran alumnas de Howard Pyle, fixéronse cargo en 1902 dunha propiedade, The Red Rose Inn, unha casa de campo na que durante quince anos compartiron as súas vidas profesionais e domésticas. Henrietta Cozens, amiga delas, levaría a administración da casa e o coidado do xardín.

As catro mulleres en 1901

Recoñecida ilustradora americana, Jessie Willcox Smith naceu en Pensilvania, onde estudou deseño no que agora se coñece como o Moore College of Art & Design. Ampliou a súa formación na academia de Belas Artes de Pensilvania, onde se graduaría en 1888.

Dous dos seus grandes mestres foron o pintor realista Thomas Eakins e o ilustrador Howard Pyle. Xunto con Maxfield Parrish e N.C. Wyeth, participou nun influente movemento para reivindicar o traballo dos libros ilustrados nos Estados Unidos.

Willcox Smith foi unha artista prolífica e colaborou en moitas revistas da época, aínda que  tamén realizou traballos como cartelista, retratista e ilustradora de libros infantís. Moitos dos seus debuxos están inspirados nos traballos dos prerrafaelitas malia que sexan claras as referencias ao impresionismo americano e, concretamente á obra da pintora Mary Cassat (1844-1926), principalmente nos retratos de nenos e nas composicións realizadas para ás portadas da revista Good Housekeeping. Ademais, para realizar as ilustracións do libro At the Back of the North Wind, de George MacDonald, inspiraríase no modernismo.

Ilustrou case setenta libros, corenta deles infantís. Entre os seus traballos cabería destacar Heidi de Johanna Spyri e The Little Mother Goose. Pero, sen lugar a dúbidas, Os nenos da auga, de Charles Kingsley, na edición de 1916, sería a súa obra mestra.

PrincessGoblin_title_page

Son tamén seus os debuxos para o libro A Child´s Book of Stories, recompilados e adaptados por Penrhyn W. Coussens para a editorial Duffield & Company en 1911. Un libro con máis de cincocentas páxinas no que se recollen oitenta e seis contos populares de Inglaterra, Noruega e  a India, ademais dos mellores contos de fadas de Grimm, Andersen e Perrault. Os sesenta e catro poemas de Robert Louis Stevenson publicados co título de Xardín de Versos para nenos levan a súa sinatura.

Cómpre salientar o seu abundante traballo na revista Good Housekeeping, para a que Jessie Willcox Smith realizou, mes a mes, a portada durante máis de quince anos, desde decembro de 1917 ata marzo de 1933.

Legou a súa obra á Biblioteca do Congreso.