“A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura”, por Xosé Monteagudo

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 14 de Anotacións publicamos un artigo que reproduce o texto da conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. En A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, o autor de Todo canto fomos pescuda na “orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” coa finalidade de intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”

A preocupación de Xosé Monteagudo neste ensaio céntrase na procura dos motivos, ou das causas, que promoven a relación entre a obra literaria e quen a le:

[…] hai outra realidade […]. Do que estou a falar agora é da recepción, que está indisolublemente unida ao público lector, o cal á súa vez ten un horizonte de espera ante cada obra. Pode parecer contraditorio a primeira vista falar dun horizonte de espera no público ao mesmo tempo que se proclama para a narración un carácter transgresor. Non o é. Entre unha cousa e a outra establécese unha conexión íntima, non visible, e case non previsible. Aínda que, por outra parte, dotada de toda lóxica. Unha obra narrativa que aspire a conquistar novos públicos ten que ofrecer algo diferente ao que o público ten á súa disposición e non proba.

A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un escritor que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Xosé Monteagudo en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura

Para ver o vídeo coa intervención de Xosé Monteagudo, calque na ligazón seguinte:

Vídeo da conferencia

 

Caleidoscopio dos contos, 2

Cabinet des fées

Os cento vinte debuxos incluídos nos corenta e un volumes de Cabinet des fées (1785-1789), reunidos polo chevalier Charles-Joseph de Mayer (1751-1825) a partir da recompilación de corenta “contadores de historias” (Perrault, Madame d’Aulnoy e Jean-Jacques Rousseau, entre outros) representan unha evolución no mundo da ilustración. Cada volume vai acompañado de tres gravados realizados por Clément-Pierre Marillier (1740-1808).

Gran de millo

Posteriormente, no periodo do romantismo, o uso da xilografía permitirá xustapoñer texto e imaxe na mesma páxina. Un exemplo disto é a edición de Curmer dos Contes du temps passé (1843) que, aplicando a modalidade do gravado integral en cobre de texto e ilustración, inclúe a imaxe en todas as páxinas, ofrecendo dese xeito dúas lecturas paralelas.

Curmer

Cabinet des fées publícase en Ámsterdam a véspera da Revolución, reunindo os contos do século anterior e seguindo a tendencia das grandes coleccións que aparecen por subscrición durante o século XVIII. Mayer persegue dous obxectivos esenciais: salvagardar os contos que están en perigo de esquecerse e fornecer ás xeracións futuras modelos e fontes de inspiración. A escolma tamén selecciona e xerarquiza, pois deixa de lado os contos libertinos e, entre os autores escollidos, Perrault ocupa o primeiro lugar.

Imaxe

Este Nadal, ler para …

tny 11.8.04 cvr

Ao seu dispor
Na internet
Nas librerías