“Decálogo da crítica literaria”, por Manuel Forcadela

Conxunto de Mandelbrot, por Wolfgang Beyer.
Conxunto de Mandelbrot, por Wolfgang Beyer.

Continuamos co Decálogo da Crítica Literaria, desta volta escrito por Manuel Forcadela. Despois dos decálogos publicados por Inma Otero Varela e Xosé Manuel Eyré, agora é o autor de Fábula das aves quen executa un percorrido que parte dunha tabula rasa e un punzón para perseguir e proseguir o trazo, a raiadura, a marca que o estilo deixa na linguaxe e, seica, na Historia. O crítico enuncia á sombra dun espectro, obsesionado por esa presenza que parece ausencia mais non o é. Transmútase nese eremita que desde a distancia contempla os desfiles, as raias, os trazos, as liñas das palabras: liña e punto, gramática e posición, sintaxe. O crítico debuxa un horizonte de expectativas. É un paisaxista da interpretación.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Un percorrido circular

1) Revolta. Toda enunciación é unha ficción. Falar e escribir son formas do devir e, tamén, consecuencias da Historia. A letra é unha mancha e o stylo, un punzón. O único texto inmaculado, a páxina en branco, o silencio. Escritor e pintor executan o mesmo acto: manchan, enchen de borralla, lixan e tisnan. O escritor é un pintor castrado pola gramática e a ortografía. Mais o escritor é, antes, un músico fracasado. Canso dos significantes sen referente da melodía, namorado dos sentidos que ligan o simbólico ao imaxinario, botouse a compoñer outra música. Escribe porque escoita. E o que escoita é un rumor da conciencia. O carácter vocativo da conciencia e o carácter durativo da conciencia. Quen escribe activa o devir e interpela a Historia. Cando a letra ten lugar, algo acontece e unha parte do que acontece é unha revolta de letras e de manchas.

2) Castración. O crítico, que é un enunciador e, por tanto, un ficcionista, compón unha música distinta á do escritor porque limita os seus referentes. Se o escritor é un pintor castrado pola gramática e a ortografía, o crítico é un escritor castrado tamén pola historia e a teoría. Por iso o crítico teoriza. Ao mirar para atrás o crítico ve a sombra dun eunuco. Velaí o seu oráculo: a sombra inabarcable da castración presente no simbólico. Mais maticemos, o crítico é un eunuco ficcionista. Como o libro, sagrado e profano, divino e diabólico. O crítico dialoga no teatro da historia.

3) Subxectividade. Ao mirar cara atrás, ao mirar para a Historia, o crítico o que ve é a sombra do Suxeito. A longa sombra do suxeito suxeitado pola enunciación na Historia. O relato da subxectividade. Por iso o autor non é máis que un fantasma transparente. Unha néboa que se esvae, un combinado físico e químico que marcou unha posición no azar da combinación das palabras. Aínda que para iso precisase formarse e construírse como significante. E adoptar o rol de autor no relato delirante da Historia da Literatura.

4) No deserto. Mais o seu non foi máis que unha areíña de pó na construción do Suxeito, no relato da subxectividade. Unha formiguiña que xace por debaixo das palabras. A que está deitada e quieta mentres pasa por enriba a enxurrada inesgotable de elefantes das palabras. O crítico, un eremita distanciado a contemplar os desfiles dos himenópteros e dos paquidermos. Suxeitos e linguaxes.

5) Misión. Delimitar na actualidade a voz e a mirada do autor non é, necesariamente, unha tarefa do crítico. O acto do actual e da actualidade é tarefa do xornalista, daquel que sinala os límites do obxecto da súa mirada en termos cronolóxicos, de xornadas, de períodos diurnos, de días. O crítico, aínda que sexa historiador, mira menos para Cronos e moito máis para Aión e Kairós. Máis para a dynamis que para a energeia; máis para a potencia que para o acto. A xestión dos egos, significantes do suxeito suxeitados pola enunciación, non é tarefa do crítico senón de psicólogos e mediáticos. O crítico non está na actualidade. A voz nunca está rouca. Nin a mirada, miope.

6) Auga do cano. O autor é como o dono dunha fonte. Pode posuír o cano mais a auga non é súa. Nin antes nin despois. O crítico, que é un enunciador e, por tanto, un ficcionista, mira para a auga. Esquece o cano e o dono do cano. Moita sede por saciar.

7) O mundo como elipse. Cada segundo os relatos deben ser renovados. A primacía do misterio. As luces que achegamos non abondan para iluminar a sombra. E as letras, como manchas, a formaren parte da tebra. A luz reside no sentido, na faísca que se prende, no momento de iluminación e de inspiración. O resto é elipse, o que nunca daremos contado. O que é preciso iluminar. Porque cada falar é un obxecto máis do que falar.

8) Horizontes. O crítico, que é un enunciador e, por tanto, un ficcionista, debuxa un horizonte de expectativas. Déixase levar ou non pola palabra. Escoita as harmonías e os acordes. Percibe o ton. Fai súa, como lector, a subxectividade que emana, que tende a impregnalo ou non. E constata a diferenza co horizonte de expectativas do autor, ese fantasma transparente, establecendo unha distancia estética.

9) Paisaxista. O crítico é un pintor de horizontes feitos de palabras. Se o escritor é un pintor castrado pola gramática e a ortografía, o crítico é agora xeómetra, agrimensor, calcula distancias e horizontes. Mais hai unha diferenza: esas distancias, eses horizontes, non son nunca mensurables, porque están ocupados pola desmesura do sentido. Porque o sentido, perverso polimorfo, non para quieto nin fala calado e non ten ponderación nin mesura.

10) A interpretación. A interpretación, non esquezamos, que é a irrupción no discurso do inconsciente do analista, non do analizado. É o minuto de gloria do crítico, o momento en que se fusiona co autor. O texto do autor fecundado polo Outro rexenera no discurso crítico. O seu herdo e o seu ascendente. O final dun percorrido circular no que o crítico se institúe como autor e o autor vira crítico.

A loita co infinito

O ensaísta, poeta e crítico literario Manuel Forcadela publica no suplemento ProTexta, do número 220 da revista Tempos Novos, unha recensión da Música das esferas, o libro de Carlos Lema editado por Euseino? na colección Casabranca, dedicada á filosofía.

O profesor Forcadela, logo de trazar de xeito sintético as principais liñas argumentais do libro, compara o pensamento exposto nesta “Xenealoxía da orde do mundo” cunha viaxe; incide dese xeito no carácter peripatético da filosofía e na concepción da historia como un deambular que non necesariamente ha de levar a un progreso predeterminado teleoloxicamente senón máis ben a un progreso caracterizado pola “indeterminación do seu curso”, aínda que progreso ao cabo.

Trátase, por tanto, de ver de que maneira a Idade Moderna foi traducindo as ideas do mundo antigo, desde o cristianismo ao platonismo, adaptándoas á Ilustración e á idea do saber científico como saber verdadeiro. Lévasenos, por tanto, de viaxe: desde a Grecia antiga á Revolución Francesa, desde os mitos e a descrición do mundo no Timeo, desde a teúrxia e a teoloxía dos primeiros séculos da Era Cristiá, desde Agostiño de Hipona e Descartes ao culto do Ser Supremo na Francia de Robespierre.

[…] Libro […] que nos axuda a entender canto de humano hai tamén nesta vontade titánica de comprender o mundo até a súa derrota final e definitiva. Unha loita nin máis nin menos que co infinito.