Mario Regueira escribe sobre “A monstruosidade moderna”

Na edición impresa do semanario Sermos Galiza con data 12-9-19, o crítico literario, poeta e narrador Mario Regueira escribe unha recensión da Monstruosidade moderna, o libro de Carlos Lema recentemente publicado na colección Casabranca. O artigo comeza dedicándolle unhas liñas ao labor editorial de Euseino? para centrarse logo na análise da obra.

[…] cun estilo esixente, á altura do tema e do enfoque escollido, Lema ocúpase da figura do artista na modernidade, marcado particularmente pola mudanza de concepto en canto á produción de obras. Moi relacionado con isto, especialmente a través das reflexións sobre a loucura, pero desde un ángulo diferente, a segunda parte do libro fálanos da relación entre a poesía e o discurso infantil […]

A seguir, Regueira repara especialmente nos ensaios sobre o acceso das mulleres á cultura e, singularmente,

[…] nuns capítulos brillantes polo seu interese e o relativamente innovador do seu tema, atopamos unha análise do papel dos contos de fadas na emancipación da literatura da muller.

Para concluír o artigo cunha consideración sobre o ensaio final do libro, no que Lema desenvolve, no contexto da tardomodernidade, a noción de “consunción tardomoderna” en relación co paso da representación política a unha política como consumo e lugar de concreción da soberanía do suxeito mediante a súa relación coa autorrepresentación. Segundo Regueira, esta parte final da Monstruosidade moderna

nos tempos convulsos que vivimos […] sen dúbida aceptaría outras visións máis rupturistas. Unha característica que non é necesariamente un defecto e se cadra si unha evidencia de escola ou de diálogo colectivo.

Aludindo así seguramente ao marco do materialismo especulativo, no que desde o inicio se sitúa a obra de Lema, isto é, o dunha concepción filosófica que establece a “ruptura” precisamente no denominado xiro especulativo, na superación do correlacionismo e, polo tanto, do relativismo construtivista que todo o fía á dominación do suxeito como dador único de senso.

 

Mario Regueira sobre “Capitalismo e fascismo”

No semanario Sermos Galiza, acábase de publicar unha recensión do crítico e escritor Mario Regueira sobre Capitalismo e fascismo, de Rebeca Baceiredo. Baixo o título “As engrenaxes da besta”, Regueira salienta a “análise ambiciosa” dos mecanismos de dominación desenvolvida pola autora no libro, no que o crítico atopa unha continuidade coa obra anterior, singularmente coa Revolución non vai ser televisada.

Dentro desta perspectiva ampla, existe tamén un tratamento específico da cuestión de xénero, unha análise que parte da diverxente subxectivación que a sociedade capitalista definiu para homes e mulleres […] “Capitalismo e fascismo” [é] unha achega que conta co engadido que ten a forma de escribir de Rebeca Baceiredo, con frecuentes referencias a elementos da cultura popular, como as series televisivas ou o cinema […]

Crítica Regueira Capitalismo e fascismo

No seu diálogo crítico coa obra de Rebeca Baceiredo, Regueira non deixa de sinalar as súas discrepancias, tanto no método coma en determinados aspectos da tese exposta por esta, aínda que non chega a analizar, malia mencionalo, o apartado final do libro no que ten non tanto de “proposta de resistencia” coma de “alternativa real”, cuestión que consideramos non trata no seu excelente artigo debido a falta de espazo, malia aludir a ela cando se refire á relación entre esta obra e a proposta realizada pola autora especialmente na Revolución non vai ser televisada. Habería que preguntarse se a proposta feita por Baceiredo ao redor da elaboración da noción de devir deleuziana é unha proposta de “resistencia” ou unha proposta dirixida cara a un realismo positivo malgré elle.

De Orfeo á Ilustración

Na edición impresa de Sermos Galiza (7 de novembro de 2013, núm. 72), o escritor e crítico literario Mario Regueira publica unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema recentemente editado por Euseino? Extraemos unhas pasaxes do artigo, que se pode ler íntegro na primeira das ligazóns anteriores:

“Se cadra o primeiro que haxa que destacar sexa precisamente a ambición dunha obra que brillaría en calquera sistema cultural […] Este ensaio preséntanos unha visión ampla que apunta problemas xerais, imbricados na historia da filosofía occidental, pero ao tempo deixando cuestións abertas e interrogantes necesarias para a reflexión de cara ao futuro. A música das esferas analiza a evolución na concepción do mundo partindo dos primeiros filósofos gregos até as deturpacións feitas polo cristianismo […] A última parte vai formular unha tese que aínda hoxe pode entenderse como de vital importancia no desenvolvemento político da cultura occidental: a transformación que a Revolución francesa tería feito sobre a tese cristiá [..] unha formulación que acabaría implicando conceptos como o progreso ou a revolución […]

[…] o ton e a profundidade das súas análises afástanse moito do divulgativo. A pesar diso, [o novo libro de Carlos Lema] é unha lectura recomendábel para persoas curiosas e sen dúbida representa unha peza necesaria na construción dun discurso filosófico na nosa lingua.”

Mario Regueira, Sermos Galiza