“Propedéutica do realismo especulativo”, por Carlos Lema

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 17 de Anotacións publicamos “Propedéutica do realismo especulativo, da resistencia correlacional á realidade transfinita”, de Carlos Lema. Trátase da versión galega dun ensaio publicado orixinalmente en francés na revista Cahiers critiques de philosophie como parte dun monográfico dedicado a “Le réalisme: spéculation, problèmes et enjeux” (O realismo: especulación, problemas e desafíos).

“Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismoespeculativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.

Se a filosofía kantiana elaboraba unha primeira crítica da metafísica como absoluto, xa que o en-si podía ser pensado mais non se podía coñecer, dando como resultado unha primeira versión do correlato, é dicir, da relación suxeito-obxecto como única posibilidade de coñecemento do mundo, a filosofía do século XX pecharía o círculo correlacionista ao limitar a accesibilidade do mundo á dependencia entre o pensado e quen o pensa.

Dese xeito, a crítica feita por esa última, ou forte, filosofía correlacionista terá como consecuencia un reforzo da correlación suxeito-mundo, unha relativización da realidade, que queda reducida á realidade da correlación, un nihilismo producido como consecuencia do construtivismo —a realidade é feita polo suxeito, a Historia ou a sociedade— e un relativismo, ou negación de calquera absoluto, de calquera razón, que volverá dar azos á relixión e ao pensamento salvífico.

A crítica feita por ese último correlacionismo sería, entón, a crítica de toda metafísica e de todo pensamento dogmático. Malia iso, trataríase menos dunha crítica da posición da humanidade no mundo ca dunha crítica ampla do suxeito cartesiano. A humanidade continuaría a ser o centro do pensamento filosófico e, polo tanto, a realidade inferida soamente sería un correlato do pensamento humano. Nese senso, tanto a fenomenoloxía coma o estruturalismo, a deconstrución coma o pensamento posmoderno constitúen exemplos perfectos da tendencia antirrealista da filosofía contemporánea.

Ese é o motivo polo que a filosofía adopta hoxe en día “unha posición eminentemente defensiva, en gran parte debida á posición reticente na que a deixou a actividade intensa levada a cabo pola antedita ‘crítica da Crítica’, que contestou a pregunta sobre o senso da filosofía cunha crítica feroz da filosofía mesma, exemplificada na razón” e “permanecendo na resistencia dese paradigma sen responder as preguntas ­suscitadas pola nova ciencia da complexidade, arrombando esta última xunto coa a técnica e o pensamento racional”.

Velaí a resistencia correlacional á que o xiro especulativo pretende dar cabo:

Desa mesma xinea, unha parte da filosofía ­actual continúa a manter a resistencia fronte á razón, estigmatizada como instrumental desde o mesmo momento en que se decretou a súa incapacidade para pensar a liberación do ser humano. Da razón xorde a idea de liberdade mais a razón seica incapacita para a praxe consecuente con esa idea. De aí a resistencia fronte á instrumentalización da filosofía; de aí a desactivación do pensamento racional como tekhne e o seu exilio forzoso no mundo académico, na ideoloxía, na teoría como arrabalde do mundo. A filosofía sitúase así na resistencia permanente por incapacidade de acceder de xeito directo ao mundo, pola súa dependencia do suxeito e do seu desexo exclusivo de liberación. Mais a liberación non é resistencia nin procede dela […].

O ensaio de Carlos Lema que publicamos neste número de Anotacións sobre literatura e filosofía relata e describe ese xiro cara ao realismo e cara ao materialismo, un dos feitos máis relevantes acontecidos na filosofía durante a primeira década deste século.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Propedéutica do realismo especulativo

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Mario Regueira sobre “Capitalismo e fascismo”

No semanario Sermos Galiza, acábase de publicar unha recensión do crítico e escritor Mario Regueira sobre Capitalismo e fascismo, de Rebeca Baceiredo. Baixo o título “As engrenaxes da besta”, Regueira salienta a “análise ambiciosa” dos mecanismos de dominación desenvolvida pola autora no libro, no que o crítico atopa unha continuidade coa obra anterior, singularmente coa Revolución non vai ser televisada.

Dentro desta perspectiva ampla, existe tamén un tratamento específico da cuestión de xénero, unha análise que parte da diverxente subxectivación que a sociedade capitalista definiu para homes e mulleres […] “Capitalismo e fascismo” [é] unha achega que conta co engadido que ten a forma de escribir de Rebeca Baceiredo, con frecuentes referencias a elementos da cultura popular, como as series televisivas ou o cinema […]

Crítica Regueira Capitalismo e fascismo

No seu diálogo crítico coa obra de Rebeca Baceiredo, Regueira non deixa de sinalar as súas discrepancias, tanto no método coma en determinados aspectos da tese exposta por esta, aínda que non chega a analizar, malia mencionalo, o apartado final do libro no que ten non tanto de “proposta de resistencia” coma de “alternativa real”, cuestión que consideramos non trata no seu excelente artigo debido a falta de espazo, malia aludir a ela cando se refire á relación entre esta obra e a proposta realizada pola autora especialmente na Revolución non vai ser televisada. Habería que preguntarse se a proposta feita por Baceiredo ao redor da elaboración da noción de devir deleuziana é unha proposta de “resistencia” ou unha proposta dirixida cara a un realismo positivo malgré elle.

Encontro de pensadores novos

Os días 6, 7 e 8 de xullo celébrase en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Novos Pensadores, organizado polo Proxecto Derriba. O marco teórico establecido para os relatorios e mesas redondas que se han expoñer durante estas tres xeiras defínese na “Xustificación” publicada a canda o programa, onde se indica o seguinte:

“Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña aos intentos de facer pensamento filosófico en Galicia para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico […].”

Díptico-The_Woods_that_Hears_and_Sees_Bosch

Hieronymus Bosch, “A fraga que escoita e o campo que ve” (anverso e reverso), ca. 1470-1516. Inscrición superior: “miserimi quippe est ingenii semper uti inventis et numquam inveniendis”.

Tres autores do catálogo de Euseino? van intervir con cadanseu relatorio. O luns, día 6, Abraham Rubín ha ler unha conferencia sobre “Común vs. Comunidade. O diferendo entre a potencia e o poder”; na tarde dese mesmo día, Beatriz Blanco moderará, entre outras actividades, un debate arredor da “Subalternidade” e o obradoiro sobre “Outra(s) (da) Filosofía: matriarcados imaxinarios e patri-arquivos de facto?”.

Pola súa banda, o martes, día 7, Miguel Penas vai disertar sobre “Filosofías do proceso: cartografía dunha liña menor do pensamento contemporáneo”. Nese mesmo día, á tarde, Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, ha falar arredor de “A edición como potenciación do pensamento”.

Coincidindo con este encontro de pensadores, o xornal dixital Praza pública publica unha noticia titulada “A filosofía a debate” e un artigo de Carlos Lema no que, baixo o título “¿Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)”, se propón un debate crítico sobre a filosofía centrada exclusivamente en pensar a realidade en función da relación humano-mundo para, en concreto, abandonar o que denomina “resistencia correlacional”, concepción situada na resistencia permanente dunha filosofía negativa, ou construtivista.