“Da causación vicaria”, por Graham Harman

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

O número 9 de Anotacións (ISSN 2340-8537) inclúe Da causación vicariaun dos ensaios fundamentais da obra de Graham Harman, o fundador da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO). A carón de Quentin Meillassoux, Harman é un dos pensadores máis influentes do realismo especulativo e un dos filósofos máis interesantes do que vai de século.

Neste ensaio, o autor parte da constatación de que os obxectos reais existen alén do acceso sensitivo humano a eles:

“Cando unha sarabiada bate nas vides ou cando as ondas atravesan un estanque, esas relacións son tan admirables para a filosofía coma a disputa incesante sobre a existencia ou non dunha fenda entre ser e pensamento.”

“Os cans non entran en contacto coa realidade completa dun óso nin as lagostas coa do millo, tampouco os virus coa das células, as pedras coas ventás nin os planetas coas lúas. Non é a consciencia humana a que distorsiona a realidade das cousas senón a relacio­nalidade per se.”

Harman rexeita neste artigo calquera privilexio do acceso humano ao mundo e sitúa os asuntos da consciencia humana exactamente ao mesmo nivel “da condición dos microbios, dos terremotos, os átomos e o alcatrán” sen que iso implique “unha defensa dese naturalismo científico que todo o reduce a un asunto físico”. O obxectivo deste filósofo é rescatar a filosofía da dedicación exclusiva ás relacións do suxeito co mundo:

“Durante varios séculos, a filosofía estivo á defensiva fronte ­ás ciencias naturais, actualmente ocupa unha posición inferior no prestixio social e, sorpren­dentemente, acabou sendo un asunto de importancia limitada. Unha ollada rápida á historia amosa que non foi sempre así. Para concretar unha ofensiva, soamente é necesario inverter as persistentes tendencias de renuncia a toda especulación sobre obxectos e a voluntaria retirada ao cada vez máis reducido gueto das realidades exclusivamente humanas: linguaxe, textos, poder político. A causación vicaria céibanos de semellante encarceramento ao devolvernos á cerna do mundo inanimado, quer natural quer artificial. A singularidade da filosofía está asegurada non por murar unha zona da preciosa realidade humana que a ciencia non pode tocar senón por atinguir o mesmo mundo que atinguen as diversas ciencias mais facéndoo dun xeito diferente.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Graham Harman en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Da causación vicaria

 

Cuberta+lombo

Anna Longo: sobre os realismos novos e as condicións do pensamento

Recentemente, Anna Longo publicaba na súa páxina de academia.edu o texto co que iniciou o debate no Coloquio “Realismos novos”, celebrado na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París en decembro pasado. Neste blogue demos noticia da celebración dese coloquio (véxase nesta ligazón ) mais agora interésanos a reflexion de Anna Longo en concreto. A autora de “Continxencia e liberdade” é quen de expoñer, nun texto sintético e sumamente esclarecedor, un problema que é fundamental cando se trata de elaborar unha achega realista nova: estamos a falar da cuestión da xénese do transcendental, é dicir, das condicións do pensamento e do coñecemento.

“Se hai un realismo novo, a novidade non atingue, de feito, á redescuberta da existencia da realidade, cousa que nunca negou ninguén, senón á redefinición das súas propiedades a fin de xustificar a posibilidade de coñecer esa realidade.”

1431967710555a17de0c162

Así, o grao de realismo dos sistemas de pensamento non ten que ver cos límites que estes lle apoñen á capacidade do intelecto de acceder á realidade última, ao que é en si, senón coas condicións do pensamento e coa maneira na que esas condicións se producen. Esta cuestión xa caracterizaba o idealismo alemán, que a solucionou ao considerar o real como un proceso durante o cal se producen as condicións de comprensión do proceso mesmo. Así e todo, segundo o idealismo, ese proceso iniciábase a partir da maneira na que o suxeito se postulaba a si mesmo e, como consecuencia dese acto, postulaba o seu obxecto, é dicir, facendo do obxecto aquilo que está condicionado polo suxeito.

Mais é obvio que esta concepción non é compatible co coñecemento científico, para o cal é esencial que o obxecto se considere independente do suxeito. Polo tanto, a cuestión filosófica principal consiste en determinar como debe ser o real para permitir o coñecemento das súas producións, tendo en conta que preceden o pensamento e que, daquela, non se poden definir como aquilo que postula o suxeito. Segundo Anna Longo, é a relación con esta cuestión filósofica a que caracteriza os realismos novos. Dependendo da maneira en que se obteñen solucións á cuestión esencial das condicións do pensamento, pódense distinguir diferentes tipos de realismos novos:

1) A solución de Quentin Meillassoux consiste en demostrar que é a absoluta continxencia do real o que explica, por unha banda, a posibilidade de dar unha descrición matemática dos feitos, é dicir, unha descrición independente das calidades secundarias que só existen para un suxeito e, por outra banda, a continxencia explica tamén por que se poden considerar a natureza e o pensamento como completamente exteriores un con respecto do outro; de feito, se a natureza fose xa pensamento ou se o pensamento fose xa natureza, volveríase caer no idealismo, isto é, na concepción que considera que o obxecto é postulado polo suxeito.

“Por iso, para Meillassoux, as condicións do pensamento non residen no inorgánico, na legalidade da natureza, senón que son o resultado dunha actualización independente: o pensamento é un feito cuxa condición única é a posibilidade de que as leis da natureza cambien sen razón.”

2) Para intentar comprender como o pensamento e os obxectos están determinados polo real, Ray Brassier —outro dos filósofos do realismo especulativo— sostén que a razón non é un instrumento ao servizo dos intereses da vida, que a razón non atopa as súas condicións nas necesidades do vivente que debería satisfacer senón na completa indiferenza do obxecto con respecto á existencia do suxeito. De aí que as condicións do coñecemento obxectivo veñan dadas pola completa falta de senso, de valor e de significación dun real que só se pode definir “sendo nada”.

Polo tanto, estas dúas maneiras de enfrontarse á cuestión da xénese do transcendental implican a exclusión da continuidade entre as producións da natureza e as producións do pensamento, é dicir, que non se pode considerar o pensamento como un produto natural ou como unha propiedade compartida —quer en diferentes graos quer en potencia— pola totalidade do existente.

A este xeito de concibir as condicións do pensamento opóñense outras concepcións que se esforzan en xustificar unha continuidade entre o pensamento e a natureza, entre o pensamento e as cousas, ao postular que son estas últimas as que condicionan a maneira de pensar:

3) Nesa liña, Iain Hamilton Grant amosa como, contrariamente aos demais idealistas da súa época, Schelling intentou explicar a xénese das condicións do pensamento como un efecto da potencia do devir natural ao demostrar que o obxecto determina unha razón que, malia todo, non é quen de adecuarse completamente á totalidade do proceso.

4) Outro xeito completamente orixinal de enfrontarse á cuestión é, segundo apunta Anna Longo, o da filosofía de Graham Harman, quen sostén que as condicións do pensamento non se poden buscar na especificidade do suxeito humano senón na maneira en que cada obxecto se fai sensible para cada un dos outros obxectos sen chegar a desvelarse completamente.

A conclusión á que chega Anna Longo é que estes sistemas que acabamos de describir se poden considerar como realismos novos precisamente porque se trata de esforzos que intentan atopar solucións novas ao problema da determinación das condicións do coñecemento, pois parten da maneira en que o real determina o pensamento e non tanto da maneira en que o suxeito determina o real.

A cuestión da xénese do transcendental é, daquela, o problema cuxa formulación continúa a ser esencial se se quere producir unha aproximación filosófica nova á cuestión vella do coñecemento do real. Para Anna Longo, “unha filosofía que sexa capaz de responder, de dialogar ou, ao cabo, de rexeitar os sucesos evidentes da ciencia e as súas pretensións recentes de explicación das condicións do pensamento e do coñecemento” deber ser “unha filosofía que, ao se esforzar en criticar os logros do criticismo, tamén se esforce en non recaer no dogmatismo que caracteriza a metafísica clásica”.

Hipóteses sobre obxectos literarios e formas de representación

Desde a publicación do artigo “Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia“, chegáronnos algunhas obxeccións referidas a pasos determinados dese texto; para afondar nas anteditas obxeccións, elaboramos neste artigo novo unha serie de hipóteses nas que, fundamentalmente, se trata de sacar o obxecto literario fóra da influencia das formas a priori kantianas como formas de representación da correlación suxeito-mundo.

En consecuencia, estas hipóteses só pretenden indicar algunhas das posibles liñas de reflexión sobre os obxectos retóricos non vencellados exclusivamente á representación do mundo dependente do suxeito. Simondon —cuxa filosofía expuxo tan atinadamente Miguel Penas no número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía— pensou a individuación a partir dos cristais, collendo a cristalización como caso da individuación dos obxectos; ¿por que non escribir, entón, a novela dos cristais ou un poema-cristal prescindindo do mundo percibido polo suxeito? ¿Por que non unha literatura da cousa en si ou a literatura como cousa en si?

Jheronimus_Bosch_exterior

Eis estas hipóteses iniciais sobre os obxectos literarios realistas e o seu arredarse das formas a priori de representación:

1) O obxecto literario ou retórico, como obxecto que é, é real. Mais esta noción de obxecto implica unha autonomía total (cómpre lembrar que, segundo Harman, as relacións non contan), polo tanto o obxecto no realismo especulativo non é obxecto porque haxa un suxeito que o percibe, non é res extensa respecto dun cogito que a apreixa.

“[…] Ese lógos irrazoable, na obra literaria, mesmamente sería o que a función da obra fixe sempre tendo en conta que deberá respectar outro principio, o de non contradición, xa que se a obra literaria, como todo obxecto, é continxente e non necesaria, a súa función de representación endexamais pode ser contraditoria, pois un obxecto ou cousa contraditoria, isto é, que contén esa mesma cousa e tamén o que esa cousa non é, sería algo necesario, logo non continxente. A obra literaria non pode incluír a alteridade ou deixaría de ser tal para se converter no que non é, nunha realidade necesaria.” [En todos os casos, agás indicación en contra, citamos do artigo “Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia“]

Nesta primeira hipótese, non sei fai distinción ningunha no tocante ao xénero literario, xa que os obxectos literarios non dependen das súas relacións con respecto aos outros obxectos retóricos; como tales, non se vencellan ás categorías.

2) Isto quere dicir que “as formas a priori da representación quedarían liberadas da prohibición de seren identificadas coas propiedades da cousa en si“. Logo o obxecto literario xa non ten por que representar o fenoménico ou percepción do suxeito: por iso falamos de realismo ou materialismo especulativo (do absoluto). Sublíñase aquí “propiedades”, porque o obxecto literario non se tería que identificar coas características de ningunha cousa en si que supostamente representaría senón que sería —de seu— unha cousa en si independente das súas relacións. Iso non a convertería en algo necesario, nun transcendental kantiano, por exemplo; pola contra, transformaríaa en algo totalmente continxente.

“En efecto, como apunta Meillassoux, ‘a esfera do para-nós é esencialmente perecedeira xa que é correlativa á existencia de seres pensantes e/ou viventes’ mentres que ‘o mundo en-si subsistiría á abolición de toda relación-co-mundo’ (Après la finitude, páx. 109). De aí que se poida afirmar que hai unha cousa en-si —unha esfera do en-si— e non soamente unha esfera fenoménica do para-nós. Polo tanto, esta continxencia do fenoménico supoñería tamén a mesma continxencia da súa representación. O obxecto literario, entón, xa non tería por que ser soamente unha forma de representación do fenoménico ou representación do subxectivo na súa relación co mundo (estética) senón que podería ser un obxecto en si, autónomo e continxente e, consecuentemente, emancipado do principio de razón, isto é, ‘un racional especulativo que xa non sería unha razón metafísica’ (ibid., páx. 116).”

3) A obra literaria é real como ficción, e como tal é un obxecto. Nese senso é no que o obxecto literario é real, pois a ficción forma parte da realidade, non se pode excluír desta. Mais tamén é real porque non ten por que representar as propiedades da cousa en si; non ten por que limitarse a representar o mundo fenoménico do suxeito senón que pode ser independente deste.

¿Será esta a pretensión da poesía?: véxase a lectura que fai Meillassoux de “Un coup de dés”, de Mallarmé, como poema que deixa ao azar a posibilidade de que se descubra o código numérico a partir do que foi escrito; dese xeito amosa a súa continxencia. Ou, tamén, respecto da música, a combinatoria numérica  que organiza os sons con autonomía absoluta fronte ao senso dado pola interpretación humana; de tal maneira que a música non representa, é.

4) O obxecto-novela sería unha novela que prescinde de toda relación fóra da ficción propia, que prescinde de calquera tipo de mímese, co obxectivo de funcionar autonomamente. Como un autómata, como unha máquina. A novela-maquina que xera os seus propios códigos, só comprensibles desde dentro da novela mesma: a autoficción do obxecto retórico.

 

—¿Decatouse vostede de que todo o esforzo da música moderna está destinado a facer soportables, mesmo agradables, certos acordes que nós considerabamos en principio discordantes? […] [Polo tanto,] ¿non ha pretender vostede restrinxir a música á soa expresión da serenidade? Nese caso, un único acorde había abondar: un acorde perfecto e continuo. […]

—Un acorde perfecto e continuo, si, abofé que si: un acorde perfecto e continuo… Mais todo o noso universo está entregado á discordancia —engadiu el tristemente.
André Gide, Les Faux-monnayeurs