NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA
O número 9 de Anotacións (ISSN 2340-8537) inclúe “Da causación vicaria“, un dos ensaios fundamentais da obra de Graham Harman, o fundador da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO). A carón de Quentin Meillassoux, Harman é un dos pensadores máis influentes do realismo especulativo e un dos filósofos máis interesantes do que vai de século.
Neste ensaio, o autor parte da constatación de que os obxectos reais existen alén do acceso sensitivo humano a eles:
“Cando unha sarabiada bate nas vides ou cando as ondas atravesan un estanque, esas relacións son tan admirables para a filosofía coma a disputa incesante sobre a existencia ou non dunha fenda entre ser e pensamento.”
“Os cans non entran en contacto coa realidade completa dun óso nin as lagostas coa do millo, tampouco os virus coa das células, as pedras coas ventás nin os planetas coas lúas. Non é a consciencia humana a que distorsiona a realidade das cousas senón a relacionalidade per se.”
Harman rexeita neste artigo calquera privilexio do acceso humano ao mundo e sitúa os asuntos da consciencia humana exactamente ao mesmo nivel “da condición dos microbios, dos terremotos, os átomos e o alcatrán” sen que iso implique “unha defensa dese naturalismo científico que todo o reduce a un asunto físico”. O obxectivo deste filósofo é rescatar a filosofía da dedicación exclusiva ás relacións do suxeito co mundo:
“Durante varios séculos, a filosofía estivo á defensiva fronte ás ciencias naturais, actualmente ocupa unha posición inferior no prestixio social e, sorprendentemente, acabou sendo un asunto de importancia limitada. Unha ollada rápida á historia amosa que non foi sempre así. Para concretar unha ofensiva, soamente é necesario inverter as persistentes tendencias de renuncia a toda especulación sobre obxectos e a voluntaria retirada ao cada vez máis reducido gueto das realidades exclusivamente humanas: linguaxe, textos, poder político. A causación vicaria céibanos de semellante encarceramento ao devolvernos á cerna do mundo inanimado, quer natural quer artificial. A singularidade da filosofía está asegurada non por murar unha zona da preciosa realidade humana que a ciencia non pode tocar senón por atinguir o mesmo mundo que atinguen as diversas ciencias mais facéndoo dun xeito diferente.”
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.
Para descargar gratuitamente o ensaio de Graham Harman en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte: