Desde o día 2 de setembro pode atopar nas librerías e na Internet A monstruosidade moderna, o novo libro de Carlos Lema. Na colección Casabranca, Euseino? Editores pon nas mans de lectoras e lectores a máis novidosa achega do filósofo galego. Seis anos despois da publicación de A música das esferas, o seu libro anterior, o tamén poeta e editor achéganos agora a unha nova concepción da realidade que deixa de depender da escisión entre suxeito e mundo.
A argumentación que segue Lema neste libro organízase en tres partes, cada unha delas arredor dunha idea: comeza cunha teoría do suxeito como cidadán e artista, continúa cunha parte central sobre a representación como mediación que fai posible a relación entre a singularidade do cidadán-artista e o pacto moderno, e remata cunha reflexión sobre a política como consunción tardomoderna e sobre a absolutización da subxectividade na que se inclúe o que o autor denomina “o contrafío das mulleres”.
A primeira parte de A monstruosidade moderna centra o debate en torno á figura do artista. O paso do artista como xenio ao artista como ser humano corrente trae consigo a deturpación pragmática da arte, tendo como resultado a produción da cousa mesma, é dicir, a representación como cousa que se emancipa de quen a pensa.
Na segunda parte, o libro introdúcese no siloxismo da representación a través da poesía, da infancia e da alma. O suxeito é porque di algo de si mesmo; nesa autorrepresentación é onde reside a potencia do enunciado da autopoiese como causa mundi. Chégase á terceira e última parte facendo unha historia da emancipación das mulleres por medio da cultura. O bios triunfa sobre a zoé feminina; a determinación de xénero reelabórase como identidade cultural.
A conclusión que se dá no ensaio final é que a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán, como acontecía desde a Grecia arcaica, senón a partir das súas decisións verbo da representación. Unicamente o suxeito ten poder constituínte, o dunha autosoberanía que, en forma de consunción, fai as veces de salvación. Nese labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible, a consagración do ser humano como artista sinala definitivamente o triunfo da monstruosidade moderna.
Para máis información: consulte o índice do libro.
Consiga o seu exemplar:
Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)