Publícase “Todo ser humano é un artista”, de Roberto Abuín

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 23-24 de Anotacións publicamos “Todo ser humano é un artista”, de Roberto Abuín, ensaio no que o filósofo e editor realiza unha interpretación do libro A monstruosidade moderna, de Carlos Lema. A partir do dito no que Joseph Beuys declaraba que todo ser humano é un artista (“Jeder Mensch ist ein Künstler.”), Abuín introdúcese na idea de monstruosidade e na súa relación coa Idade Moderna a través da arte, a poesía e a política, trazando con moita agudeza o horizonte conceptual e experiencial que detecta no libro de Lema mentres aproveita para situalo sobre o pano de fondo do principal revulsivo filosófico das dúas primeiras décadas do século XXI: o realismo especulativo.

Pensadores pertencentes a esta liña especulativa que, segundo escribe Abuín, “­dalgún xeito case emparentaría esta emerxencia contemporánea do pensamento co agromar filosófico no tempo dos presocráticos. Pensadores que van desde o propio Meillassoux até Markus Gabriel, pasando por Maurizio Ferraris, Ray Brassier, Katerina Kolozova, Iain Hamilton Grant ou, con matices, Catherine Malabou, chegando até o autor do libro que aquí tratamos, tamén inmiscuído de xeito heterodoxo e independente no condominio do realismo especulativo”.

“o autor [Carlos Lema] usa unha fonda bagaxe erudita ao longo de todo o ensaio, procedente da filosofía, da arte e da literatura, […]. Centrarase en especial na figura do artista, figura na que se concentra a metamorfose do Antigo Réxime na Idade Moderna, e desde esta no tempo tardomoderno no que definitivamente todos os seres humanos son artistas creadores de si mesmos e do seu propio mundo.”

Número duplo no que o percorrido realizado no ensaio de Abuín non soamente é unha excelente introdución a un libro no que a filosofía galega se achega á nova corrente do materialismo especulativo senón que amosa de xeito sumamente atractivo a capacidade interpretativa dunha lectura atenta e a distancia que é quen de percorrer o pensamento en pleno uso da súa facultade analítica.

O ensaio de Roberto Abuín que incluímos neste número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía é, como demostración dunha posibilidade aberta e factible, un paso importante no desenvolvemento dun ámbito de pensamento autónomo, no que pensadoras e pensadores galegos, escritoras, poetas e narradores poidan encontrar unha recepción acaída da súa obra, un esforzo interpretativo sobre o seu alcance e necesidade e unha plataforma de proxección no medio social no que escriben.

“desde o punto de vista intelectual tentamos establecer xenerativamente, nos ámbitos culturais nos que estamos inmersos, algún tipo de diálogo, algún tipo de meditación compartida que sirva non só como xustificación dun mesmo, do propio pensamento, senón como reificación simbólica dun copensar —e compensar— colectivo no que se abran e establezan patróns de visión que poden ser adecuados para o fortalecemento teórico e tamén, por suposto, práxico.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Roberto Abuín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“Todo ser humano é un artista”

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s