“Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor”: 2ª edición corrixida

Logo da publicación en edición dixital (PDF) dos Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor en Arquitectura e Artes Decorativas, de Owen Jones, atopamos algúns erros tipográficos e lingüísticos que corriximos nesta segunda edición non venal do libro que as lectoras e os lectores poden descargar gratuitamente na ligazón seguinte:

Principios xerais (2ª ed.)

Pregamos que o lector ou a lectora non se deixe levar pola aparencia do texto, pola fomalidade das proposicións escritas por Owen Jones, e estea atento ao que as proposicións din. Cómpre ler o texto, non deixar que a lectura se enfoque soamente no contexto: o ornamento é unha linguaxe, non un aparentar.

O interese filosófico polas cores ten relación coa percepción e coas súas consecuencias metafísicas, que atinguen ao vencello entre a realidade física (physis) e a mental (os eíde). Isto é, en que medida a cor forma parte dunha realidade mental independente (linguaxe) ou depende da experiencia sensible. O corolario da percepción das cores ten, daquela, unha importancia considerable para a epistemoloxía.

Malia que os primeiros estudos sobre a cor aparecen nos escritos do arquitecto Leone Battista Alberti (c. 1435) e nos cadernos de notas de Leonardo da Vinci (c. 1490), a “teoría das cores” elabórase fundamentalmente no século XVIII arredor da controvertida obra de Isaac Newton titulada Opticks (1704) e arredor tamén da natureza das chamadas cores primarias.

394px-Goethe,_Farbenkreis_zur_Symbolisierung_des_menschlichen_Geistes-_und_Seelenlebens,_1809  Chevreul / Eugène / 1786-1889 / 0070. Cercles chromatiques de M

A teoría das cores formulouse orixinalmente a partir de tres cores “primarias” ou “primitivas” (vermello, amarelo e azul), xa que coa mestura desas cores se cría posible obter todas as outras. As cores primarias constitúen, daquela, o alicerce das teorías da visión da cor elaboradas durante o século XVIII do mesmo xeito ca as calidades sensibles estaban presentes na percepción de todas as cores e igualmente na combinación de pigmentos e tinturas. De por parte, as investigacións desenvolvidas durante o século XVIII introduciron a variante dos efectos puramente psicolóxicos da cor, especialmente a do contraste da cor “complementaria” e a da oposición dos matices ou tons producidos polas imaxes remanentes (ilusión óptica que continúa a aparecer despois de que a exposición do orixinal xa rematou) e mais a causada polo contraste das sombras na luz coloreada.

As devanditas consideracións e outras observacións inclúense en dúas das obras precursoras da teoría das cores: Zur Farbenlehre (“Teoría das cores”) (1810), do escritor Johann Wolfgang Goethe e De la loi du contraste simultané des couleurs (“Da lei dos contrastes simultáneos de cor”) (1839), do químico Michel-Eugène Chevreul.

A obra de Owen Jones recolle e desenvolve este conxunto de ideas aplicándoas ás Artes Decorativas precisamente no momoento en que estas comezan a ser consideradas como parte da cultura e non só como unha técnica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s