Na historia do libro ruso, Iván Bilibin (1876-1942) foi o primeiro en conseguir sintetizar os principios da pintura e os das artes gráficas impresas. Para a evocación das paisaxes que ilustran os contos rusos, Bilibin asocia un compoñente decorativo e simbólico, independente do suxeito da ilustración propiamente dito, servindo de pano de fondo, e outro compoñente, que sitúa o decorado específico da historia. Esta asociación caracteriza o estilo moderno, tanto ruso coma occidental.
Iván Iakovlevich Bilibin foi influenciado pola obra do pintor Viktor Mikhailovich Vasnetsov (1848-1926), membro da Academia Imperial de Artes, especialista en temas históricos e mitolóxicos.
Bilibin compaxinou os estudos de dereito cos de arte, ingresando na Escola da Sociedade para o Avance das Artes. Como parte da súa formación, viaxou a Munich e alí foi onde entrou en contacto co modernismo centroeuropeo do Jugendstil, inspirado no movemento Arts&Crafts británico e as Ukiyo-e (estampas producidas no Xapón entre os séculos XVII e XX).
De volta a súa cidade natal, San Petersburgo, Bilibin continuou a súa formación no estudo do pintor realista Iliá Repin (1844-1930). A revista Mir Isskusstva encargoulle unha serie de debuxos para un dos seus números. Pola súa banda, o Departamento de Producción de Documentos de Estado louvou esas acuarelas e contratou a Bilibin para ilustrar unha edición dos Contos rusos recompilados por Aleksandr Afanásiev.
Os debuxos, perfilados cun trazo negro e enmarcados con reberete, lembran as vidreiras do movemento Arts&Crafts. As liñas negras ornamentais delimitan nidiamente as masas de cor, engadindo volume e perspectiva aos planos. Perfilado o debuxo en negro, o pintor complétao engadindo a acuarela, dese xeito destacan aínda máis as liñas do contorno.
Entre 1902 e 1904, o pintor viaxa polo norte de Rusia. Fascinado pola arquitectura e o folclore eslavo, Bilibin publica en 1904 a monografía Artesanía do Norte de Rusia.
Colabora tamén como escenógrafo co director artístico da compañía itinerante, con sede en París, Ballets Russes, fundada por Sergei Diaghilev. Entre estes traballos destaca a escenenografía e vestiario da ópera composta por Rimski-Korsákov O galo de ouro (1909), baseada no poema de Pushkin “O conto do galo de ouro”, un conto de fadas escrito en verso.
Ilustra os Contos de fadas, de Alekxandr Serguéievich Pushkin. Algúns destes contos, coma o de “A tsarina morta e os sete guerreiros”, son versións dos recompilados polos irmáns Jacob e Wilheim Grimm. Concretamente, o devandito conto corresponde ao de Brancaneves.
Entre 1905 e 1906, Bilibin publicou debuxos satíricos en revistas. Por un deses debuxos, que aludía ao tsar Nicolás, recibiu un apercibimento administrativo
O estoupido da Primeira Guerra Mundial en 1914, a Revolución de 1917 e a guerra civil fixeron que Bilibin abandonase o país e se dedicase a viaxar por Europa e África. Recibiu encargas para pintar igrexas ortodoxas e tamén se dedicou a pintar frescos en mansións da nobreza rusa exiliada en París, onde se instala en 1925, traballando para as editoriais Flammarion e Boivin.
Voltou ao seu país en 1936, morrendo no sitio de Leningrado en 1942.