Antes de falar de Heinrich Lefler e de Joseph Urban como ilustradores cómpre falar do final dunha época que, en Viena, deu paso ao inicio da modernidade.
A Secesión vienesa formou parte dun movemento coñecido como modernismo. Xestado no lexendario Café Griensteidl en 1897, lugar de encontro de numerosos artistas, naceu como un proxecto de renovación da Arte para tratar de rachar co ilusionismo estético das Academias de Belas Artes, para abrirse ás artes “primarias” (os obxectos) e ás artes gráficas, inspirados por William Morris e o movemento inglés Arts&Crafts.
Baixo o acubillo de Gustav Klimt, o seu presidente e principal figura do escenario artístico do momento, dezanove artistas trataban de reinterpretar estilos do pasado ante o auxe da produción industrial. Entre eses “inxurxentes” estaban Koloman Moser (cofundador dos Obradoiros de Viena), os pintores Carl Moll e Max Kurzweil, o arquitecto Otto Wagner, Alfons María Mucha (coñecido como “O checo de París”), Heinrich Lefler e o seu cuñado, o arquitecto Joseph Urban.
Estilisticamente, a Secesión foi erroneamente vista como sinónimo do movemento Jugendstil, a versión alemá do Art Nouveau. Aínda que incorporou moitos elementos do Art Nouveau, a Secesión desenvolveu o seu propio estilo, centrado en torno á simetría e a repetición, sendo recorrentes motivos xeométicos coma o damero e o enreixado, influencia do escocés Charles Rennie Mackintosh.
Aínda que a Secesión se inclúa no modernismo, presenta algunhas diferenzas cos movementos da época e respecto doutros países, xa que predominan o equilibrio e a xeometrización formais. Os integrantes do movemento, recoñecidos arquitectos, pintores e escenógrafos dan á tipografía unha grande importancia como elemento compositivo.
O cartel da primeira exposición da Secesión foi realizado por Klimt, convertido tamén en grafista e ilustrador. En realidade foron dúas versións dun mesmo cartel xa que tivo que modificar a primeira proposta debido á censura, que obrigou ao artista a ocultar o espido de Teseo detrás dunhas árbores.
En 1903, Josef Hoffmann e Koloman Moser, co apoio do empresario Fritz Wärndorfer, forman a Wiener Werkstätte, unha agrupación integrada por artistas visuais, arquitectos e deseñadores que tiña como finalidade a formación en diferentes disciplinas artísticas. Oskar Kokoschka e Egon Schiele participarían nestes obradoiros, nos que chegaron a colaborar máis de medio cento de artistas. En 1909 e 1910, tamén se abrirían obradoiros dedicados á arte téxtil. Despois da Primeira Guerra Mundial, a falta de materias primas daría paso á experimentación con materiais menos duradeiros e menos custosos.
Heinrich Lefler e Joseph Urban
A obra do artista vienés Heinrich Lefler (Moravia, 1863- Viena, 1919) está unida profesionalmente á do seu cuñado, o tamén vienés Joseph Urban (Viena, 1872-Nova York, 1933).
Destacados artistas do Jugendstil, ambos os dous eran tamén escenógrafos e pintores. O equipo formado por Lefter e Urban realizou murais e carteis promocionais para empresas e escenografías teatrais tanto para adultos coma para nenos, figurando entre os fundadores do Hagenbund, que traballa case durante unha época ao abeiro da Secesión.
Urban estuda arquitectura na Academia de Belas Artes de Viena baixo a tutela do arquitecto historicista Karl von Hasenauer. En 1912, emigra aos Estados Unidos para exercer de director artístico da Compañía da Ópera de Boston. Máis tarde, mudaríase a Nova York, onde realizaría produccións para Ziegfeld Follies e para o Metropolitan.
Heinrich Lefler estudou tamén na Academia de Belas Artes de Viena entre 1880 e 1884, amais de na Academia das Artes de Munich.
O primeiro contacto entre os dous artistas foi o seu amigo en común, o cantante e tenor moravo Leo Slezak. En 1904 realizan para a editorial Munk unha serie de doce ilustracións baseadas nos temas dos contos dos irmáns Grimm, ilustracións que ían acompañadas de versos do poeta e escritor alemán Ludwig Fulda e que serían reeditadas como calendario en 1905.
Ilustraron tamén o conto Marienkind, dos irmáns Grimm, conto que, pese a ter unha temática relixiosa, está considerado como conto de fadas. A versión recollida polos irmáns Grimm ten certo parentesco con Facce de crapa (“Cara de cabra”), que figura no Pentamerón de Giambattista Basile e trata dunha rapaza criada por unha fada.
Aínda que non sempre era así, Lefler realizaba as ilustracións e Urban encargábase do enmarcamento decorativo das mesmas.
Moitos dos debuxos recordan os de Iván Bilibin tanto na elegancia dos seus traballos coma nos ornamentos. Destaca neles tamén o coidado posto na concepción escenográfica da ilustración, herdanza do seu traballo para o teatro.