NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA
Publicamos o número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) cun ensaio de Miguel Penas, filósofo galego que comeza a súa colaboración con Euseino? Editores con este texto titulado “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións“.
Neste ensaio, Miguel Penas fai un achega ao debate entre os obxectos, os individuos ou as substancias, por unha banda, e os procesos, os fluxos ou o devir pola outra. A presenza deste debate —un dos máis interesantes da filosofía continental— no seo do novo movemento filosófico coñecido como realismo especulativo é unha proba máis do seu carácter non dogmático e do vizoso que este novo tipo de materialismo pode resultar para o pensamento e a estética actuais.
Penas propón un encontro entre a filosofía orientada aos obxectos de Graham Harman e a filosofía da individuación de Gilbert Simondon. O obxectivo é superar o erro, presente xa nas exposicións académicas do pensamento grego, consistente en supoñer que os procesos e os obxectos, a individuación e o individuo, non poden ser pensados conxuntamente:
“Posto que todos os obxectos teñen o seu particular proceso de individuación, ¿por que unha filosofía orientada aos obxectos debería ter problema para ofrecer unha explicación filosófica do devandito proceso? Da mesma maneira, posto que todos os procesos de individuación producen uns individuos coa súa particular hecceidade, ¿por que unha filosofía do proceso debería ter interese en negala?”
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.
Para descargar gratuitamente o ensaio de Miguel Penas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
“Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesoso e relacións”
Pingback: “Indagacións sobre a produción do real”, por Miguel Penas | Filosofías del proceso