Tres críticos literarios galegos seleccionan este mes Tempo sen devir, o libro de Quentin Meillassoux e Anna Longo publicado na colección Casabranca, entre os recomendados na Tabela dos Libros do blogue Criticalia. Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela e Armando Requeixo sitúan este libro nos postos quinto, cuarto e quinto, respectivamente, das súas preferencias como lectores. A característica principal da “Tabela dos Libros” é que se elabora a través dunha votación pública, isto é, que os votos recibidos por cada un dos títulos seleccionados polos cinco críticos literarios que participan nesta sección da bitácora de Armando Requeixo se publican a carón do resultado final da votación. Dese xeito pódense saber as preferencias de cada crítico e, polo tanto, comparar entre si os distintos títulos seleccionados e as escollas de cada un dos críticos e críticas participantes, ou mesmo contrastalas coas doutros lectores ou lectoras.
No libro Tempo sen devir reúnense o ensaio de Quentin Meillassoux que lle dá título e o texto “Continxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental“, do que é autora Anna Longo. O ensaio de Meillassoux é unha síntese eficaz da súa estratexia filosófica, denominada polo autor materialismo especulativo; pola súa banda, no ensaio de Anna Longo proponse unha comparación entre ese mesmo materialismo especulativo e a ciencia contemporánea.
Ambos os textos amosan a importancia da filosofía actual na súa estreita vinculación co pensamento científico.