“O azul morpho, a cor tímbrica das feras”, por Beatriz Fraga

Durante o ano 2015, en euseino.org publicamos unha serie de tres artigos de Beatriz Fraga sobre a cor azul. No primeiro deses artigos, sobre a Teoría do azul, realizábase un compendio das investigacións sobre a percepción do azul, especialmente a partir do efecto Tyndall de reflexión e refracción da luz branca do sol; no segundo —A materia do azul—, expoñíanse os métodos de síntese material da cor azul, para, no último artigo da serie —”Azul Parrish“—, rematar cunha introdución á obra do ilustrador Maxfield Parrish e o seu traballo sobre esa mesma cor.

Publicamos agora un artigo novo, no que a autora do libro O Rei Portador e outras historias nos introduce na noción de cor tímbrica, que relaciona coa bolboreta Morpho azul e coa concepción cromática de pintores coma Matisse, O’Keeffe e Rothko. Salientamos que estes artigos sempre parten dun obxecto, ou da materia, para estudar a súa transformación cando é percibido polo suxeito; dese xeito, mediante a representación, os efectos da correlación mundo-pensamento achegan a estética a un novo tipo de ontoloxía.

Segundo o pintor, crítico de arte e filósofo italiano Gillo Dorfles denomínase tímbrico o emprego das cores practicado por algunhas escolas e correntes pictóricas a partir do fauvismo. Esas cores, na súa máxima saturación, saídas do tubo sen mesturar, contrapoñíanse ao uso e emprego das cores formais. Empregadas polos fauvistas, as cores tímbricas xeneralizaríanse posteriormente co dominio da arte abstracta.

No Grand Palais de París, a comezos do século XX, celebrábase anualmente, entre o 18 de outubro e o 25 de novembro, o Salón de Outono. O obxectivo daquelas mostras era ofrecer apoio aos artistas novos diferenciándose doutras exposicións realizadas en grandes salóns de máis prestixio tal como La Nationale e os Artistes Français, que tiñan lugar na primavera.

No Salón do ano 1905, algunhas obras de Matisse, Derain, Marquet e De Vlaminck foron expostas nunha sala arredor dun busto clásico e italianizante do escultor Albert Marque. O crítico da revista Gil Blas exclamou ao ver a exposición: “Tiens! Un Donatello parmi des fauves! [Vaites, un Donatello entre as feras!]”. A partir de aí, os pintores que participaron nesa exposición, acabaron adoptando o cualificativo, en orixe despectivo, de fauves, denominación que posteriormente sería empregada, xa sen ese matiz pexorativo, na historia da arte.

Martin_Johnson_Heade_-Blue_Morpho_Butterfly_ATC

Durante este verán e ata o 4 de setembro, a National Gallery de Londres organiza “Painters’ Paintings: From Freud to Van Dyck”, unha exposición que permite achegarse ás coleccións privadas de grandes pintores coma Matisse, Degas e Frederic Leighton. Entre outras curiosidades, a mostra desvela que Henri Matisse adquiriu obras coma o cadro de Cézanne “As tres bañistas”. Pero, o que non se recolle nesta exposición e que resulta ben curioso é que, entre os obxectos máis prezados da súa colección, o pintor posuía un exemplar da bolboreta Morpho, da que Matisse apreciaba a cor do azul das súas ás.

Ese azul da bolboreta Morpho aparece ben reflectido nun cadro de Martin Johnson Heade, pintor norteamericano pertencencente á escola do río Hudson, que aparece neste artigo.

A bolboreta Morpho azul, xunto coa Atlas, é a bolboreta de maior tamaño, que varía entre os 12,5 e os 20 centímetros. Pertence á familia Nymphalidae e, dentro desta, ao xénero Morpho. Paradoxalmente, o termo Morpho (“cambiado, ou modificado”) indica que estas bolboretas son percibidas polo ollo humano cunha cor diferente á que posúen, xa que realmente as súas ás non están pigmentadas. A cor destas bolboretas neotropicais non é pigmentaria senón estrutural, froito da disposición das escamas coa que está cuberta a superficie alar e da refracción e reflexo da luz sobre elas. Esta modificación das propiedades ópticas é o que fai que se perciba a súa cor dun azul intenso e brillante.

Cando Matisse fai a serie das mulleres espidas para o libro Jazz, emprega ese mesmo azul puro influenciado polo azul da bolboreta Morpho.

 

O azul morpho noutros pintores

Partindo da idea de Gillo Dorfles sobre as cores, poderiamos considerar o azul da bolboreta Morpho unha cor tímbrica, tal como nos indica o emprego do azul sen mesturar na obra de Matisse e doutros pintores coma Georgia O’Keeffe e Mark Rothko.

A pintora norteamericana é autora da serie de acuarelas Blue 1, Blue 2, Blue 3 e Blue 4, de 1916, e de cadros coma Starlight Night, de 1917, que poden ser claros exemplos dun azul tímbrico. Nas acuarelas, parte dunnha cor primaria que vai degradando co emprego da auga mais sen mesturar o azul para acadar outras tonalidades.

Blue_3_-_Georgia_O'Keeffe

En Azul dividido por azul, Mark Rothko emprega un cromatismo puro no que as pinceladas marcan unha orientación no espazo e onde só se percibe a luz e a cor. O crítico de arte Clement Greenberg fixo referencia a Rothko como un dos artistas membro do Color Field, xa que a súa obra é de gran formato, cun cromatismo puro no que as pinceladas aparecen para marcar unha orientación no espazo. Espazos baleiros, sen figuras. Color Field é un estilo de pintura abstracta que xurdiu na cidade de Nova York durante durante as décadas de 1940 e 1950, caracterizábase polo emprego de amplos campos de cor, lisa e sólida, que tinguen o lenzo creando áreas de superficie uniforme e un único plano da imaxe.

O azul na obra de Rothko e de O’Keeffe tamén podería estar relacionado coa cor tímbrica de Dorfles e co azul morpho da bolboreta que tanto influíu en Matisse.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s