O monográfico da revista francesa inclúe un artigo de Carlos Lema
Co título de “Le réalisme: spéculation, problèmes et enjeux” (O realismo: especulación, problemas e desafíos), acábase de publicar un número de Cahiers critiques de philosophie dedicado ao realismo especulativo. Coordinado por Anna Longo, o monográfico inclúe unha entrevista de Ben Woodard a Alain Badiou e, entre outros, un artigo de Carlos Lema titulado “Propédeutique du réalisme spéculatif: de la résistance corrélationnelle à la réalité transfinie, ou comme penser un absolu non-dogmatique”.
No artigo de presentación do dossier da revista publicada en París por Éditions Hermann, Ana Longo indica que o monográfico é “un traballo de problematización do papel da dimensión especulativa da filosofía contemporánea, un debate que non concerne a verdade como contido accesible ao coñecemento senón a verdade do discurso filosófico como actividade comprometida coa revisión, a renovación e a xustificación dos a priori que estruturan a nosa experiencia da realidade”. A finalidade do realismo novo é “combater o relativismo e a súa aceptación pasiva da condición subxectiva do coñecemento” para pensar “as ideas problemáticas da razón” como principios de reflexión.
No próximo número de Anotacións sobre literatura e filosofía vaise publicar a tradución galega do ensaio de Carlos Lema recollido agora en Cahiers critiques de philosophie. “Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismo especulativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.
Outros artigos do monográfico que publica Cahiers critiques de philosophie son “L’échelle de la nature: Mesurer la Conceptualisation entre Brassier et Grant”, no que Ben Woodard realiza unha comparación entre a obra de dous filósofos contemporáneos Ray Brassier e Iain Hamilton Grant, ambos os dous situados desde os inicios no realismo especulativo, o primeiro cunha articulación minuciosa do realismo e o segundo coa súa reactivación do idealismo, adheríndose así e todo os dous a unha forma singular de naturalismo.
Pola súa banda, Louis Morelle, en “Spéculation et comparaison: sur les formes contemporains de l’ontologie”, analiza a recente reavaliación da metafísica no seo da filosofía e fóra dela, interrogándose sobre cal pode ser a significación dunha proclamación semellante diante da perspectiva da pregunta polo realismo ou pola verdade, ademais da controversia a propósito da natureza dos conceptos e das abstraccións. Mentres que Pierre-Alexandre Fradet, en “Sortir du cercle corrélationnel” leva a cabo un exame crítico da tentativa filosófica de Quentin Meillassoux.
En conclusión, este monográfico coordenado por Anna Longo é un paso máis na difusión das ideas do realismo novo, difusión que para ser efectiva leva emparellada o seu debate coa vista sempre posta nun horizonte non dogmático.