“Propedéutica do realismo especulativo”, por Carlos Lema

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 17 de Anotacións publicamos “Propedéutica do realismo especulativo, da resistencia correlacional á realidade transfinita”, de Carlos Lema. Trátase da versión galega dun ensaio publicado orixinalmente en francés na revista Cahiers critiques de philosophie como parte dun monográfico dedicado a “Le réalisme: spéculation, problèmes et enjeux” (O realismo: especulación, problemas e desafíos).

“Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismoespeculativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.

Se a filosofía kantiana elaboraba unha primeira crítica da metafísica como absoluto, xa que o en-si podía ser pensado mais non se podía coñecer, dando como resultado unha primeira versión do correlato, é dicir, da relación suxeito-obxecto como única posibilidade de coñecemento do mundo, a filosofía do século XX pecharía o círculo correlacionista ao limitar a accesibilidade do mundo á dependencia entre o pensado e quen o pensa.

Dese xeito, a crítica feita por esa última, ou forte, filosofía correlacionista terá como consecuencia un reforzo da correlación suxeito-mundo, unha relativización da realidade, que queda reducida á realidade da correlación, un nihilismo producido como consecuencia do construtivismo —a realidade é feita polo suxeito, a Historia ou a sociedade— e un relativismo, ou negación de calquera absoluto, de calquera razón, que volverá dar azos á relixión e ao pensamento salvífico.

A crítica feita por ese último correlacionismo sería, entón, a crítica de toda metafísica e de todo pensamento dogmático. Malia iso, trataríase menos dunha crítica da posición da humanidade no mundo ca dunha crítica ampla do suxeito cartesiano. A humanidade continuaría a ser o centro do pensamento filosófico e, polo tanto, a realidade inferida soamente sería un correlato do pensamento humano. Nese senso, tanto a fenomenoloxía coma o estruturalismo, a deconstrución coma o pensamento posmoderno constitúen exemplos perfectos da tendencia antirrealista da filosofía contemporánea.

Ese é o motivo polo que a filosofía adopta hoxe en día “unha posición eminentemente defensiva, en gran parte debida á posición reticente na que a deixou a actividade intensa levada a cabo pola antedita ‘crítica da Crítica’, que contestou a pregunta sobre o senso da filosofía cunha crítica feroz da filosofía mesma, exemplificada na razón” e “permanecendo na resistencia dese paradigma sen responder as preguntas ­suscitadas pola nova ciencia da complexidade, arrombando esta última xunto coa a técnica e o pensamento racional”.

Velaí a resistencia correlacional á que o xiro especulativo pretende dar cabo:

Desa mesma xinea, unha parte da filosofía ­actual continúa a manter a resistencia fronte á razón, estigmatizada como instrumental desde o mesmo momento en que se decretou a súa incapacidade para pensar a liberación do ser humano. Da razón xorde a idea de liberdade mais a razón seica incapacita para a praxe consecuente con esa idea. De aí a resistencia fronte á instrumentalización da filosofía; de aí a desactivación do pensamento racional como tekhne e o seu exilio forzoso no mundo académico, na ideoloxía, na teoría como arrabalde do mundo. A filosofía sitúase así na resistencia permanente por incapacidade de acceder de xeito directo ao mundo, pola súa dependencia do suxeito e do seu desexo exclusivo de liberación. Mais a liberación non é resistencia nin procede dela […].

O ensaio de Carlos Lema que publicamos neste número de Anotacións sobre literatura e filosofía relata e describe ese xiro cara ao realismo e cara ao materialismo, un dos feitos máis relevantes acontecidos na filosofía durante a primeira década deste século.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Propedéutica do realismo especulativo

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Cahiers critiques de philosophie: sobre o realismo especulativo

O monográfico da revista francesa inclúe un artigo de Carlos Lema

Co título de “Le réalisme: spéculation, problèmes et enjeux” (O realismo: especulación, problemas e desafíos), acábase de publicar un número de Cahiers critiques de philosophie dedicado ao realismo especulativo. Coordinado por Anna Longo, o monográfico inclúe unha entrevista de Ben Woodard a Alain Badiou e, entre outros, un artigo de Carlos Lema titulado “Propédeutique du réalisme spéculatif: de la résistance corrélationnelle à la réalité transfinie, ou comme penser un absolu non-dogmatique”.

No artigo de presentación do dossier da revista publicada en París por Éditions Hermann, Ana Longo indica que o monográfico é “un traballo de problematización do papel da dimensión especulativa da filosofía contemporánea, un debate que non concerne a verdade como contido accesible ao coñecemento senón a verdade do discurso filosófico como actividade comprometida coa revisión, a renovación e a xustificación dos a priori que estruturan a nosa experiencia da realidade”. A finalidade do realismo novo é “combater o relativismo e a súa aceptación pasiva da condición subxectiva do coñecemento” para pensar “as ideas problemáticas da razón” como principios de reflexión.

No próximo número de Anotacións sobre literatura e filosofía vaise publicar a tradución galega do ensaio de Carlos Lema recollido agora en Cahiers critiques de philosophie. “Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismo especulativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.

Outros artigos do monográfico que publica Cahiers critiques de philosophie son “L’échelle de la nature: Mesurer la Conceptualisation entre Brassier et Grant”, no que Ben Woodard realiza unha comparación entre a obra de dous filósofos contemporáneos Ray Brassier e Iain Hamilton Grant, ambos os dous situados desde os inicios no realismo especulativo, o primeiro cunha articulación minuciosa do realismo e o segundo coa súa reactivación do idealismo, adheríndose así e todo os dous a unha forma singular de naturalismo.

Pola súa banda, Louis Morelle, en “Spéculation et comparaison: sur les formes contemporains de l’ontologie”, analiza a recente reavaliación da metafísica no seo da filosofía e fóra dela, interrogándose sobre cal pode ser a significación dunha proclamación semellante diante da perspectiva da pregunta polo realismo ou pola verdade, ademais da controversia a propósito da natureza dos conceptos e das abstraccións. Mentres que Pierre-Alexandre Fradet, en “Sortir du cercle corrélationnel” leva a cabo un exame crítico da tentativa filosófica de Quentin Meillassoux.

En conclusión, este monográfico coordenado por Anna Longo é un paso máis na difusión das ideas do realismo novo, difusión que para ser efectiva leva emparellada o seu debate coa vista sempre posta nun horizonte non dogmático.

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Antirrealismo

Na obra de Lee Braver titulada A Thing of this World : A History of Continental Anti-Realism, pódese atopar unha análise do que denominariamos tradición filosófica antirrealista. Tradición que se establecería por unha continuidade no pensamento que abrangue de Kant a Derrida, incluíndo entremedias a Hegel, Nietzsche, Heidegger e Foucault.

Segundo Braver, o antirrealismo desenvólvese a partir dun esquema conceptual común que serve de base ao que nos países anglosaxóns se adoita denominar filosofía continental —en referencia á Europa continental—, para diferenciala así da filosofía analítica, dominante naqueloutros países.

O antirrealismo poderíase sintetizar en “seis posibles teses acumulables”:

1. Rexeitamento da verdade-correspondencia.
2. Rexeitamento da independencia respecto do espírito.
3. Pluralismo ontolóxico.
4. Rexeitamento da bivalencia.
5. Papel activo do suxeito en relación co seu saber.
6. Pluralidade do suxeito.
Goethe_am_fenster_tischbein

Esa coherencia conceptual do antirrealismo filosófico sería a receptora principal da crítica dirixida por Quentin Meillassoux ao correlacionismo e, posteriormente, ao subxectalismo, este último como forma máis sutil, se cabe, de correlacionismo. Tal como a definiu nunha conferencia pronunciada na Universidade Libre de Berlín o 20 de abril de 2012, segundo Meillassoux o subxectalismo “consiste na absolutización do pensamento”, unha “nova tendencia especulativa” que abrangue ao mesmo tempo “todas as formas de idealismo e todas as formas de vitalismo” —v. g., Nietzsche e Deleuze. O subxectalismo, malia falar paradoxalmente dunha “crítica do suxeito”, identifica toda realidade cun dos modos sensibles da subxectividade, que dese xeito é absolutizada por riba de todas as cousas. A crítica que fai o subxectalismo “consiste en criticar […] certo modo de subxectividade que foi situada nunha posición fundacional […] mais soamente en tanto que, simultaneamente, hipostatiza unha ou varias características da subxectividade humana, mesmo con respecto á realidade inorgánica. Esta tendencia produciu dese xeito conceptos tipicamente subxectalistas coma ‘vontade de poder’ ou ‘vida inorgánica das cousas’.”

A partir do subxectalismo, elaboraríase o que poderiamos denominar “resistencia correlacional” (vid. “Que é a filosofía?”): unha forma perfeccionada de correlación suxeito-mundo que encadra en si mesma a crítica do suxeito transcendental e a reformulación do consensus moderno, alicerzado desta volta na noción de diferenza como unha aplicación máis do devir da economía desenvolvida polo cristianismo.

Respecto desta cuestión, no número 10 de Anotacións sobre literatura e filosofía imos publicar proximamente un ensaio no que a filósofa Anna Longo realiza unha lúcida interpretación comparativa dos pensamentos de Quentin Meillassoux e Gilles Deleuze.

Como diciamos, é polo tanto a partir da crítica ao correlacionismo cando a división entre filosofía analítica e continental comeza a carecer de senso, xa que o materialismo especulativo de Meillassoux sinala definitivamente ambas as filosofías, continental e analítica, como pertencentes á mesma tradición correlacionista. Pois, malia que algúns autores do realismo especulativo intenten reconducir e reinterpretar a obra de filósofos subxectalistas coma, por exemplo, Deleuze, Meillassoux deixa clarificada perfectamente esta cuestión no seu ensaio Tempo sen devir.

De aí a importancia que ten a posición do materialismo especulativo fronte á dun realismo especulativo que semella non se distanciar abondo das diferentes formas de correlacionismo. No seu ensaio “Le réalisme spéculatif: après la finitude, et au-delà ? Un vademecum”, Louis Morelle apuntábao de xeito claro:

“Ao cabo, a metafísica producida polo realismo especulativo seguramente é unha metafísica continental na medida en que non se afasta dun dos puntos centrais da tradición continental, a saber, o estatuto problemático que se outorga á racionalidade, especialmente á discursiva. Por ese motivo, autores ‘tipicamente continentais’, coma Heidegger, Laruelle, Deleuze, ou incluso Derrida […], no canto de ser arredados, son referencias completamente aceptables nos debates metafísicos.”

Así e todo, Morelle valora positivamente ese intento de recuperar para o realismo especulativo obras coma a de Deleuze, ou mesmo algúns aspectos de Heidegger retomados e interpretados intelixentemente por Graham Harman; trataríase dunha demostración da potencia filosofante do realismo especulativo e da súa disposición antidogmática.

O que fai Braver no seu libro é, entre outras cousas, propoñer unha caracterización do antirrealismo que resulta especialmente esclarecedora; estamos a falar do que el denomina “Guía das matrices do antirrealismo”, que damos deseguido en tradución galega:

A1. Dependencia da mente: “Ao pular cara á súa existencia verdadeira, a consciencia ha chegar a un punto no que se ceibe da súa aparencia de estar cargada con algo alleo, co que só é para iso, e cunha especie de ‘outro’, ha chegar a un punto no que a aparencia se transforma en idéntica á esencia”. (Hegel, Fenomenoloxía do espírito, § 89)

A2. Rexeitamento da correspondencia da verdade: “O criterio de verdade reside no incremento do sentimento de poder.” (Nietzsche, Vontade de poder).

A3. Pluralismo ontolóxico: “Hai moitos tipos de ollos… En consecuencia, hai moitos tipos de ‘verdade’ e, polo tanto, non hai verdade” (Nietzsche, Vontade de poder).

A4. Rexeitamento da bivalencia: “Se o Obxecto, produto desta transición, se acaba poñendo en relación coa noción que, no que á súa forma especial atingue, desapareceu en si, podemos dar unha expresión axeitada ao resultado ao dicir que noción (ou, se se prefire, subxectividade) e obxecto se implican de todos os xeitos. Mais é igualmente correcto dicir que son diferentes. En resumo, os dous modos de expresión son igualmente correctos e incorrectos. O verdadeiro estado da cuestión non se pode presentar con expresións deste tipo.” (Hegel, Ciencia da Lóxica, §193, itálicas finais engadidas).

A5. Coñecedor activo: “A orde e regularidade das aparencias, que denominamos natureza, presentámolas nós mesmos. Endexamais as podemos atopar nas aparencias, tampouco en nós mesmos nin na natureza da nosa mente, orixinariamente poñémolas aí”. (Kant, Crítica 1 A125).

A6. Suxeito plural: “A asunción dun suxeito único se cadra é innecesaria; se cadra só é permisible asumir unha multiplicidade de suxeitos. ¿A interacción e a loita non son a base do noso pensamento e da nosa consciencia en xeral? ¿Unha especie de aristocracia de “células” na que reside a dominación? …A miña hipótese: o suxeito como multiplicidade.” (Nietzsche, Vontade de poder)

Mandato empírico: “Ese eu, ou el, ou iso (a cousa) que pensa… soamente se coñece a través dos pensamentos que son os seus predicados e, diso, á parte deles, non se pode ter concepto ningún, calquera que sexa este.” (Kant, Crítica 1 A346/B404).

Haberá que preguntarse se, despois da crítica —xa insurmontable— feita ao correlacionismo e logo da caracterización do pensamento antirrealista, a filosofía actual vai fornecer posibilidades novas de pensar a realidade sen necesidade de continuar na militancia antirracional e antirrealista, ou se se vai limitar a transformar a crítica da metáfísica e do suxeito nunha filosofía que pode devir nunha metafísica da resistencia.

Se cadra o realismo transfinito de Markus Gabriel, coa súa ontoloxía hiperrealista, poida dar unha resposta coa que pensar un absoluto non dogmático, ou unha ampliación infinita da razón, que consiga non desbotar ningunha destas opcións filosóficas completamente. Segundo Gabriel, non existe un mundo, ou totalidade omnicomprensiva, senón campos de senso (Sinnfelder) que se individualizan “a través das súas condicións de obxectividade”, é dicir, cando “son posibles asercións sobre os obxectos que aparecen no seu interior, asercións que son verdadeiras ou falsas independentemente do feito de que adiantemos premisas especificamente humanas ou mentais”; de aí que os campos de senso non teñan que ser necesariamente resultado “da nosa organización do mundo, dos nosos modelos clasificatorios ou categoriais” [Markus Gabriel, Il senso dell’esistenza. Per un nuovo realismo ontologico, páx. 59].

Dese xeito, constitúese unha realidade transfinita na que o senso xa non depende exclusivamente da relación humano-mundo senón do “acceso a un ámbito obxectual potencialmente independente da linguaxe e xeralmente independente da representación” [ibid., páx. 69], isto é, “unha modalidade de organización pola cal calquera cousa vén ser presentada dun modo particular”; tendo en conta que esa presentación non ten por que estar sempre relacionada cun suxeito, coa subxectividade, cunha linguaxe ou con calquera outro sistema de representación, “aínda que, de feito, por iso mesmo [o senso] debe ser representado, dun xeito ou doutro, para poder existir (por si mesmo)” [ibid., páxs. 77-78].

Na realidade transfinita, cada obxecto pode estar e, de feito, está, en múltiples campos de senso. “Todos os dominios de obxectos son, de feito, campos de senso. Polo tanto, calquera cousa ten unha particular, e por iso non privada de alternativa, modalidade de aparición. Sobre ese fondo, podemos comprender o senso como a modalidade do aparecer de calquera cousa” (ibid., p. 137).

Apuntamentos sobre o materialismo especulativo

  1. O pensado non se afasta do mundano, kósmos noetós non está nunha posición xerárquica máis elevada ca kósmos aisthetós porque ambos os dous son continxentes. O novo materialismo especulativo artella o pensamento a partir de dúas nocións principais: a continxencia e a factualidade.
  1. Enfatízase a continxencia da materia e diríxese o interese a pensar prescindindo dun correlato, isto é, dun transcendente ou un inmanente que estableza a dominación do que pensa sobre o pensado. Pensar será, en diante, acceder a un mundo non-dado. O continxente non é necesariamente verdadeiro nin necesariamente falso.
  1. A idea, como acción do pensamento, é unha acción do corpo. A mente non pensa o corpo como separación entre materia e espírito, o que non quere dicir que o corpo determine o pensamento, do mesmo xeito que o pensamento tampouco non determina os movementos do corpo. O corpo é ontoloxicamente anterior ao pensamento, xa que constitúe o lugar da irrupción deste.

 

Geological_magazine_(1905)_(14781892364)

A foto reproduce parte dunha placa calcárea cuberta con restos de fósiles de Trilobites da época Cámbrica Superior (algúns sinalados con números), de Yen-tsy-yai, Shantung, China. Obtida polo Rev. Samuel Couling, M.A. The Geological Magazine, déc. V, vol. II, 1905.

 

  1. Materia non é identificable con “natureza”. Como sinala Quentin Meillassoux, a natureza é unha orde determinada por constantes específicas que determinan, no seu interior, un conxunto de posibles ou “potencialidades”. Polo tanto, a materia é unha orde ontolóxica primordial; trátase do feito polo que debe existir algo e non nada: velaí os seres continxentes. Pódense imaxinar infinidade de mundos materiais gobernados por leis diferentes, que serían “naturezas” diferentes, todas elas igualmente materiais.
  1. Segundo Meillassoux, a segunda característica da materia é negativa, designa os seres continxentes non-vivos e non-pensantes. No seu mundo, vida e pensamento constitúense a partir dunha base de materia inorgánica á que eles retornan. Toda materia pódese destruír a si mesma mais non se pode destruír a posibilidade do ser continxente nun estado materialmente puro.
  1. O ser non depende do pensamento, logo non está necesariamente vencellado ao suxeito; os atributos do suxeito non son os atributos do ser. De aí que a ausencia do pensamento preceda o pensamento. É posible pensar o ser, isto quere dicir que o materialismo é un racionalismo in sensu lato; a razón non son os seus límites, xa que a posibilidade de establecelos tamén abre a posibilidade de amplialos. Isto sitúa o racionalismo na crítica das concepcións transcendentes e da limitación do coñecer.
  1. O cogito domina todo o pensamento da Idade Moderna, incluído o máis decididamente anticartesiano. Esa dominación establécese a partir do correlato. A crítica do correlato é o punto de partida do materialismo especulativo.
  1. Desde a irrupción do ser humano, é posible pensar o absoluto. A crítica do correlato supón considerar subxectividade e obxectividade non dependentes entre si. O pensamento racional sobre algo xorde da observación da súa representación.
  1. Non unha crítica do ser senón unha crítica do suxeito cognoscente. O “transfinito” ou a “pluralización inclausurable das calidades infinitas” (Meillassoux, Quentin, Après la finitude. Essai sur la necessité de la contingence, París: Éditions du Seuil, [2006] 2012, páx. 154).

 

***

Escolio

A) Da materia.— O acto de significación como un xesto real alleo ao dominio do signo. A materia compón complexos obxectuais, o modo de acción do xesto é enactivo, exterior a calquera modalidade de presentación previa.

B) Do suxeito.— Nos campos de senso efectúase o final do proceso estético xenuíno, isto é, dun proceso perceptivo no que a aísthesis (sensación) se despraza ao campo de senso da materia e da súa combinación produtiva. Tendo en conta que a noción de campo de senso (Sinnfeld) é, segundo Markus Gabriel, o acceso ao significado mediante “o acceso a un ámbito obxectual potencialmente independente da linguaxe e xeralmente independente da representación” (Gabriel, Markus, Il senso dell’esistenza. Per un nuovo realismo ontologico, Roma: Carocci Editore, 2012, páx. 69).

C) Da existencia.— O ser dáse coa súa irrupción nun campo de senso. A noción de irrupción é o comezo da Aufhebung, ou modulación, no transfinito.