“Alteracións correlativas”, por Abraham Rubín

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 20 de Anotacións publicamos Alteracións correlativas. Sobre o suxeito moderno, a ficción científica e a alteridade radical, de Abraham Rubín. Neste ensaio, o autor de Corpo-circuítos realiza unha exploración do intento omnicomprensivo do coñecemento:

“O anhelo de transparencia significa, así, a eliminación de todo atranco ou barreira que dificulte o afán de coñecer aquilo que nos rodea e asemade o que verdadeiramente somos, é dicir, alcanzar (ou retornar a) a totalidade. Dese xeito, a relación co outro procura ser transparente, resolvendo os recantos escuros, as sorpresas, pois a alteridade nada é senón un obxecto para ser pensado (ou usado) polo suxeito que somos. Tal sería o proceso de asimilación do outro, a construción da totalidade, a fuxida do in­quietante, a súa aniquilación.”

Desde o punto de vista de Rubín, do que se trata neste ensaio “é precisamente da relación co outro”. Se se pensa a alteridade baixo a categoría de representación, ¿segue esta sendo tal? ¿Como determinar que é o estraño, o alleo, o que escapa á igualdade? “Ao nos achegar a algo estraño, ¿debemos tentar comprendelo, ou simplemente respectar a súa singularidade? ¿Somos quen de facelo? ¿Estamos en todo caso condenados a pensar o outro desde categorías omniabarcantes? ¿É unha ilusión toda tentativa de totalización, de fusión sen fisuras? ¿É posíbel un retorno á orixe?”. Son preguntas que se formulan neste número de Anotacións, preguntas todas elas propias da filosofía moderna e das que o autor tira unha serie de desen­volvementos teóricos que non sempre han posibilitar unha resolución senón tamén desvíos, difericións e inquedanzas.

Un deses desvíos para achegarse ao estraño é a ficción científica. Logo de facer unha descrición do correlacionismo kantiano, no que o suxeito impón mediante o coñecemento os seus propios límites ao mundo, ou aos mundos, Rubín subliña o carácter esclarecedor dese xénero literario:

“¿Que propón a ficción científica que a distingue do resto de literatura? Nun principio empregar a mentalidade moderna, representada no científico, para formular as súas pretensións e aquilo que pode pasar se estas son desmedidas, pois ¿padece a ciencia dos mesmos problemas que a filosofía moderna? Se cadra, nalgúns aspectos si. “

A ficción científica implica unha apertura ao inesperado, é dicir, “trata de non apreixar directamente os temas dos que se ocupa senón de facelo indirectamente, a partir de suxestións, mostras, deformidades e desenvolvementos non conceptuais.” ¿Como o consegue facer? Personificando o outro, a cousa, o obxecto “nunha figura incomprehensible, case irrepresentable, á cal un só pode acceder parcialmente como parte do desenvolvemento da trama narrativa”.

O artigo de Abraham Rubín que incluímos neste número de Anotacións sobre literatura e filosofía continúa facendo unha exposición do que Quentin Meillassoux denominou “ficción dos mundos fóra da ciencia”, unha cuestión á que os lectores de euseino.org se poden achegar, desde outro punto de vista, no artigo “Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia”. Para rematar expoñendo unha interpretación do realismo especulativo coa que se achega á teoría deleuziana das ensamblaxes.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Abraham Rubín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Alteracións correlativas

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s