“De rapaz soñaba con non ter cara”, por Maurice Olender

Despois de publicar no ano 2017 o libro Un fantôme dans la bibliothèque en Éditions du Seuil, na colección La Librairie du XXIe siècle que el mesmo dirixe, Maurice Olender escribiu estes fragmentos inéditos, editados por Michel Deguy e Martin Rueff (revista Po&sie, nº 177-178, 2021), que agora publicamos en galego.

Unha cuestión fundamental xorde neles, a cuestión do arquivo. Fundamental para o seu autor, que dispón dun fondo de 380 caixas de arquivos e 2610 impresos no Institut mémoires de l’édition contemporaine (IMEC), e cuestión cerna para a Fundación Euseino?, que dispón dun arquivo de documentación autorial cos fondos de Chus Pato, de Carlos Lema e de Euseino? Editores, aos que o próximo día 1 de abril se vai sumar o Fondo Anxos Sumai, no que se recollen cadernos de notas, orixinais inéditos e inacabados, relatorios e narracións da autora da Lúa da colleita, e ao que posteriormente se vai engadir o Fondo Berta Dávila, con varios cadernos, entre eles o que deu orixe á súa última novela, Os seres queridos.

Olender escribe sobre unha biblioteca que xorde dun feito incontestable mais escasamente asumido, que “a suma de significacións posibles de todo libro resulta dunha fabricación colectiva de lectores —non de autores singulares”.

“O ‘arquivo’ é un teatro íntimo no que os rapaces xogan ás escondidas coas lembranzas dos adultos; unha escena escura na que se constitúen, nunha memoria de porvir, algunhas reservas arqueolóxicas para o presente.” Mais tamén, “A creación de arquivos nace dunha elección: a de asociar, nun conxunto determinado, documentos que poderían non estar alí nunca”.

Traducidos do francés por Emilio AraúxoAgradecemos ao autor e e ao tradutor a súa xenerosidade por permitirnos difundilos en galego e a xentileza coa que atenderon a nosa proposta de publicalos.

De rapaz soñaba con non ter cara

Arquivos dun fantasma

Para F .V.

A biblioteca do Fantasma desvela un segredo que ninguén quere ver nin saber: non se trata dunha biblioteca. Máis ben dunha instalación de libros “depositados” na tumba dun vivente. Un espazo pechado do que o único móbil sería o de ser arquivo en devir improbable.

Nada aquí está feito para facilitar a lectura. Esta biblioteca ten o mesmo estatuto ca un billete de metro coidadosamente clasificado entre dous documentos dun depósito de arquivos: o título dunha viaxe que podería (ou puido) ter lungar sen que ninguén nunca puidese adiviñar o traxecto.

Arquivo conceptual, esta biblioteca nunca tivo por vocación ser unha ferramenta de traballo para calquera que fose —a non ser para “o traballo na amizade”. De entrada, era unha instalación potencial: cómo explicar a compra de vellos volumes en grego, en latín, cando non se le nin un nin outro. Potencialidade espida, sen outro contido có seu propio devir, sen propósito providencial.

É por iso polo que se pode dicir que esta biblioteca serve de arquivo conceptual. Non é o resultado de ningunha ordenación (ou case) sistemática de libros e non incita a ningún uso apropiado dos volumes que se atopan alí. Catalogalos non serviría dalgunha maneira máis que para desviar a atención cara a contidos que non se atopan alí: pois a suma de significacións posibles de todo libro resulta dunha fabricación colectiva de lectores —non de autores singulares.

Este conxunto chamado “biblioteca”, ou “colección de libros”, é antes de nada unha instalación visual: o seu único tratamento posible sería arqueolóxico. Non o da catalogación (de biblioteca) senón o dun rexistro, fílmico,  fotográfico, poderíase mesmo debuxala (debuxo de arqueólogo epigrafista) ou mesmo extraer —abstraer— os seus contornos esculpíndoa. 

No principio dunha tal biblioteca a idea dun arquivo potencial. Non é imposible que a súa soa e única intención fose, desde sempre, o inverso dun music-hall antropolóxico: “espectacular” (“Que golpea a vista, a imaxinación polo seu carácter notable, as emocións, as reflexións suscitadas” –Trésor de la Langue Française).

O “arquivo” é un teatro íntimo no que os rapaces xogan ás escondidas coas lembranzas dos adultos; unha escena escura na que se constitúen, nunha memoria de porvir, algunhas reservas arqueolóxicas para o presente.

Das nosas existencias, só queda o que non fixemos. É por iso sen dúbida polo que o Fantasma, a miúdo a pesar seu, tenta captar o que hai de imposible, quizais mesmo de “non lexítimo”, na escritura dun mesmo e dos outros.

As páxinas do Fantasma tentan descubrir algo do escuro nunha infancia rebelde á lectura, á escritura, a toda inscrición no tempo e no espazo. Como se o debuxo dos signos do alfabeto puidese ferir a vida, quizais mesmo matar os mortos —“matarte morto”.

A infancia está aquí sen nostalxia. Ela ha ser un punto de fuga, que en inglés se di vanishing point: horizonte de desaparición. Unha infancia semellante, da que se foxe para correr o máis rápido posible cara a un ningures no que nada estaría asegurado salvo precisamente que non hai alí ningunha perda da infancia, leva a marca do Inasimilable.

A afirmación dunha obra non ten outro resorte cós xogos entre un mesmo e unha recepción imposible. Sen escusas.

A creación de arquivos nace dunha elección: a de asociar, nun conxunto determinado, documentos que poderían non estar alí nunca.

O destino supón a ausencia de toda liberdade: a marca do que se sofre sen poder elixir, unha determinación sen fin.

Afirmar unha pluralidade de existencias posibles, na que, arrimada ao que foxe, toda vida se exercitaría en sobrevivir, infiltrándose entre innumerables Destinos de arquivos, permite xogar co que escapa a toda creación: coma se unha desorde imaxinaria, lugar dunha fábrica de arquivos, compuxese unha partitura na que o visible inscribiría formas de ausencia.  

Raramente somos contemporáneos do noso presente. Fabricar arquivos, como a arte contemporánea o fai desde hai moito, supón tácticas estéticas que renovan as significacións, económicas, políticas, mesmo morais e relixiosas. Numerosos son os mortais que soñaron coa eternidade —e con renacementos.

Outros, adeptos da finitude, debuxaron un recanto de historia sobre unha praia penedosa.

Estraño este vencello á cousa escrita —da que eu desconfío desde sempre.

É por e na palabra escrita, na súa pasta semántica, como todo se xogou na existencia do mozo adulto cando descubrín que a mirada, a humidade dos beizos e a traza escrita podían significar o ser na súa totalidade: coma se a sinatura dunha sentencia de morte puidese asegurar a vida.

Cómo dicir o que o nacemento lle debe á morte, a memoria ao esquecemento, a representación á ausencia de presenza. E, por riba de todo, o que a escritura lle debe ao imposible deber de aprender a ler e a escribir. 

Chegado a unha idade avanzada comprendeu tardiamente que lle cumpría en diante asumir que non se trabucara realmente nunca. A propósito de nada nin de ninguén.

Se cadra sinxelamente porque vivira, cada intre, sen protexerse, nos límites de todo e de todos os límites mesmo. Como a certeza de que a loucura, única ordinaria do humano, o convencera de escapar diso volvendo sobre si, a partir do exterior. Ou máis ben, burlándose da pirueta, para mirar ao lonxe, collera o costume paradoxal de expor a súa interiodidade a todos —revestindo as aparencias dun silencio profundo para que non o puidesen identificar: consideralo arrestado. Convertérase nun interior sen exterior. Era, pensaba el, polo exterior polo que estaría máis ameazado. Cando a un o agreden, cando o matan, é pola pel do pescozo por onde vos agarran —non pola alma que, se existe, impalpable, encárnase pola súa mobilidade que sempre foxe. Se “alma” hai, sería unha estética sen contido: unha forma “plástica”, modificable ata o infinito, inabordable, fóra de alcance.

El imaxinara poder resolver a complexidade de toda existencia reducíndoa a un só lugar. Moi novo, conseguira, por unha alquimia da que nada sabía, catalizar o magma das dificultades que lle impedía respirar, pensar e gastar, transformándoo nun precipitado. Esta combustión parecíalle estar no principio de todo asunto humano. Como non sabía nomear esta imposibilidade para o humano de se humanizar designáraa a través da súa propia “loucura”. A que lle serviría para avanzar: unha especie de asento portátil que atravesa os desertos.

Non sabía nada do autorretrato. Sen embargo, cada intre da súa existencia testemuña unha sede de encontrarse, de coñecerse —coma se verdadeiramente non tivese outra existencia máis cá que cruzaba ás veces, furtivamente, esquecéndoa inmediatamente, a da súa propia mirada na mirada do outro que el sabía cega a toda memoria. Non podía respirar sen se debuxar, non para mirarse, nin para verse, senón coma se soamente  se puidesen deixar as trazas dun autorretrato na area negra. Nunca tentou esbozar a súa imaxe, que lle era invisible. Desapiadada mirada sobre si.

De onde vén esta existencia en fragmentos que tenta sen cesar escapar de si, dos outros, imprimíndose sen embargo coma no espello dunha tea que sería incapaz de pintar: el sabía a súa identidade porosa, indiscernible. Non podía ser captado por ningunha mirada —nin sequera a súa— que tivese un desexo de representación. É esa cara, retratada, a que non quería ter. A súa identidade non lle supuña ningún problema coa condición de sabela sen imaxe. 

De rapaz soñaba con non ter cara.

Para non ser recoñecido —nin sobre todo identificado como facies para machucar.

A súa pel, as súas mans, as enrugas dunha infancia inmemorial marcaban a súa fronte ata o punto de que todos o recoñecían: é el… había que atrapalo antes de que escapase ao odio inmaculado dunha visión do mundo que o expulsaba.

Convertido en mozo adulto, xa non precisaba perder a súa identidade: era móbil, ata o punto de que todos recoñecían que el non tiña nin nome, nin forma particular.

Acubillábase debaixo de palabras impalpables herdadas do ordinario das metafísicas que se arrastraban debaixo de todas as mesas desde había miles de anos… alí era cuestión de nada par dicir todo.

Para non poder ser nunca atrapado por tal ou cal interpretación da realidade —que el sabía ignorar. Mais os cazadores do día estaban resentidos con el por afirmar sen cesar a ignorancia de todos. E todos pensaban que el afirmaba un pensar oco, inapelable, que non axudaba nin a vivir nin a morrer, nin mesmo a amar.

Doce e violento, o seu sorriso irritaba. A sedución da súa cara ausente era insostible.

Nacemos nenos – sen palabra pero con voz.
Escribir é volver estar “sen palabras” precisamente
porque están inscritas: perdidas para a voz.

Un neno oe todo.
Mesmo se pode non comprender foi collido polo dito:
“Tiveron que recomezar todo.
Mercar un coador para facer o té”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s