A escritora cede cadernos de notas e obra inédita
Este venres, día 1 de abril, Anxos Sumai entregou á Fundación Euseino? a documentación autorial que vai formar parte do Fondo desta autora depositado no Arquivo Euseino? No acto de entrega, Beatriz Fraga e Carlos Lema, vicepresidenta e presidente da Fundación, acompañaron á escritora.
O Fondo Anxos Sumai consta de catro cadernos manuscritos dos anos 1982, 1985 e 1986 contendo apuntamentos e debuxos, cadernos aos que se engaden relatos inéditos da década de 1980 e unha carpeta con apuntamentos da novela inacabada “Raíña de corazóns”, de finais de da década de 1980 e principios da de 1990. Ademais doutra carpeta contendo anotacións soltas das décadas de 1980, 1990 e 2000.
A cesión de orixinais manuscritos e mecanoscritos, de gran valor documental para os estudos de crítica xenealóxica da obra narrativa de Anxos Sumai, complétase con documentos dixitais, entre eles todas as publicacións literarias feitas pola autora en Facebook e as fotografías que as acompañaban; relatorios, conferencias e vinte e tres narracións escritas na década de 2010 para fins diversos, como exposicións e outro tipo de intervencións da autora da Lúa da colleita.








Trátase dun Fondo senlleiro, tanto pola calidade gráfica de manuscritos e debuxos coma por constituír unha das achegas máis interesantes das realizadas por autoras a arquivos galegos debido a se tratar de obras inacabadas e inéditas, de extraordinaria utilidade para a crítica xenealóxica da literatura contemporánea. A diversidade de temas, entre eles o tema das fadas, o proceso de elaboración dun estilo persoal, a expresión iconográfica a carón da calidade caligráfica dos manuscritos, as correccións nos orixinais mecanografados, as notas persoais e as decisións explícitas sobre algúns dos relatos manuscritos, xunto con expresións que traslocen a dificultade e os atrancos á hora de determinar a súa publicación e a alta esixencia estilística e literaria da autora, fan do Fondo Anxos Sumai unha das achegas máis xenerosas e interesantes dunha autora galega contemporánea.
Deste xeito, o Arquivo Euseino? convértese nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato e de Anxos Sumai, ao que se lles vai engadir este mesmo mes de abril o Fondo Berta Dávila.