Incorpórase como coordinador da col. Casabranca
O filósofo Mario Losada é o novo coordinador e editor da colección Casabranca. Continuando a liña iniciada con Iván García Campos, coordinador e editor dos Decálogos, e con Berta Dávila como directora da colección Rúa do Lagarto, Losada incorpórase a Euseino? Editores como colaborador encargado da edición da colección de filosofía.
O autor de A orde dos obxectos vaise facer cargo da coordinación e edición das obras de filosofía publicadas na colección Casabranca, introducindo no seu catálogo novas liñas de filosofía continental e filosofía norteamericana e facéndoo, tal como xa é característico desta colección, a través de autores e filósofas galegos aos que se han sumar traducións puntuais de pensadores estranxeiros.
Dese xeito, a Fundación Euseino? amplía e diversifica a súa liña de publicacións coa achega deste filósofo que reside en Berlín e é especialista en A. N. Whitehead.
Anteriormente, e dentro do programa de Persoas Voluntarias, xa se integraran na liña de publicacións a tradutora e poeta Alba Doval e a editora e novelista Cecilia F. Santomé xunto con Enma Pérez Bouzó en Euseino? Social. Pola súa banda, Beatriz Fraga continúa sendo a editora de Anotacións sobre literatura e filosofía e a directora da colección de álbums Onocrótalo.
Carlos Lema, quen polo de agora se encargaba da dirección da colección Casabranca, hase dedicar en diante ao desenvolvemento do Arquivo Euseino? e á Fundación Euseino? mentres que Xosé Monteagudo é o coordinador do Laboratorio de Produción Literaria e director do Gabinete de Narrativa e Chus Pato dirixe o Gabinete de Poesía xunto coa sección Urania.
A colección Casabranca inicia así unha etapa nova cun ritmo de publicación de dous títulos por ano e unha maior capacidade para abranguer liñas de pensamento variadas sen deixar de atender aquelas nas que é pioneira coma o realismo especulativo e a filosofía do proceso.