Cartografía da ficción

Francisco Martínez Bouzas publica no seu blogue Novenoites un artigo titulado “Cartógrafos de nós mesmos” no que reflexiona sobre o papel da ficción na sociedade contemporánea. O crítico literario laméntase de que “cada vez existan menos obras de fabulación importantes, obras novas que ofrezan un cambio radical da sensibilidade, perspectivas novas para penetrar a esencia das cousas”, e tamén chama a atención sobre o control da ficción, que, segundo el, leva á “subxugación das formas de creación simbólica heterodoxas”. A partir dese texto, e como resposta ao que el entende como un convite á reflexión, como unha incitación a pensar sobre a función da ficción (literaria e non literaria) na sociedade contemporánea, Carlos Lema escribiu un ensaio no que continúa e matiza a reflexión iniciada por Francisco Martínez Bouzas, retomando a súa proposta de levar a cabo unha “arqueoloxía do relato” e dos seus efectos discursivos.

Con ese texto, iniciamos en Euseino? unha publicación sen periodicidade fixa que, en formato PDF, se pode descargar de balde. Leva unha cabeceira que recolle en parte o subtítulo do noso blogue: Anotacións sobre literatura e filosofía. Dedicarase a textos que, por necesitar unha publicación rápida ou polas súas características formais, non se poidan recoller nun libro, sempre que se dirixan a lectoras e lectores coa intención de incitar ao pensamento e á escritura sobre filosofía e literatura.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Cartografía da ficción“.

Cartografía da ficción

Gabinete das fadas, 3

[continuación de “Gabinete das fadas, 2“]

Como única sobrevivente das tres irmás, a preocupación da autora de Jane Eyre era, sobre todo no que atingue a Emily Brontë, que “The immature but very real powers revealed in Wuthering Heights” fosen recoñecidos na súa importancia e que “a natureza da obra non fose malinterpretada”, amais de preservar a identidade da súa autora de todo tipo de especulacións. Para lograr estes obxectivos, Charlotte Brontë fixo unha etopea de Emily na que se axudou da tópica dominante no discurso literario do momento: a da noción de xenialidade como algo concedido por unha instancia transcendente, quer instintiva ou natural quer divina: “an original mind (however unripe, however inefficiently cultured and partially expanded that mind may be)”, reforzando así a idea de que o talento adquirido pola súa irmá para escribir era máis ben unha anomalía debida precisamente á súa suposta xenialidade.

“I have never seen her parallel in anything. Stronger than a man, simpler than a child, her nature stood alone.” “To stand by and witness this, and not dare to remonstrate, was a pain no words can render.”

Sketch_by_Emily_Brontë_sgowing_herself_and_Anne_at_work_in_the_dining_room_of_the_parsonage.

Ao empregar a noción de “natureza” seguida de cualificativos que indican o “extremada” da habelencia literaria de Emily Brontë, Charlotte suxire unha exclusión do común: a da xenialidade case monstruosa ou “enfermiza”. De por parte, isto asegúndao coa interpretación que dá de Wuthering Heights na edición que publica xusto un ano despois da morte da súa autora.

“Emily’s nature the extremes of vigour and simplicity seemed to meet. Under an unsophisticated culture, inartificial tastes, and an unpretending outside, lay a secret power and fire that might have informed the brain and kindled the veins of a hero”.

A enerxía da xenialidade mestúrase coa sinxeleza, isto é, dando como resultado a intelixencia instintiva ou natural, polo tanto non adquirida, das mulleres tal como se lles adxudica convencionalmente. Unha especie de intelixencia non voluntaria, non querida, anormal.

E “inadaptada” á vida práctica, engade Charlotte, co que reforza e parece querer confirmar a separación entre espiritual e mundano, intensificando a idea da arte como unha transcendencia. Trataríase, entón, dunha “sabedoría non mundana”, logo espiritual e recibida como un don divino ou da natureza, como un don transcendente, inhumano; impropio dunha muller. O “lume e a orixinalidade” de Emily Brontë contrasta coas virtudes que se supón pertencen ás mulleres, virtudes que son sempre “tranquilas”, en contraposición á intelixencia, que para elas é algo “natural”, non adquirido e polo tanto que son incapaces de controlar. Un poder que as transcende, que é concedido, non propio.

“Neither Emily nor Anne was learned” […] “they always wrote from the impulse of nature, the dictates of intuition, and from such stores of observation as their limited experience had enabled them to amass” […] “for strangers they were nothing, for superficial observers less than nothing”.

Tocante ao prefacio que Charlotte Brontë escribe para a edición póstuma de Wuthering Heights, nel realiza unha captatio benevolentiae coa que se esforza en compensar todo o dito sobre o carácter de Emily na noticia biográfica que o precede. Coa nova edición da novela, Charlotte semella pretender encarreirar as interpretacións da crítica para que acepten a obra no corpus dominante, acolléndose para iso e avant la lettre á produción de subxectividade ou de diferenza como defensa da literatura e do estatuto autorial das mullleres. Con esa mesma finalidade de adecuación ao discurso literario dominante, leva a cabo un labor de edición no que se expurgan características lingüísticas propias da fala do Yorkshire para asegurarse de que, efectivamente, “her native hills were far more to her than a spectacle”.

Non ha resultar estraño, pois, que a afiliación da cultura, o mesmo que acontece en literaturas clasificadas como “minorizadas”, sempre proceda da “imaxinación”, quer da cultura oral en cuestión quer da autora ou autor do que se trate, e endexamais se lle outorgue o estatuto do elaborado senón, pola contra, quede asimilada e marcada coas características do que non é consciente ou está próximo ao natural. Isto, cando se refire ás mulleres, equivale a privalas de vontade e libre arbitrio, de razón.

Para reforzar esta argumentación, Charlotte Brontë emprega a metafórica da natureza:

“Had she but lived, her mind would of itself have grown like a strong tree, loftier, straighter, wider-spreading, and its matured fruits would have attained a mellower ripeness and sunnier bloom; but on that mind time and experience alone could work: to the influence of other intellects it was not amenable”.

Reclama o estatuto autorial como unha concesión transcendente, non como logro da cultura:

Wuthering Heights was hewn in a wild workshop, with simple tools, out of homely materials”.

Como algo “terrible and goblin-like”, coma se da obra dun trasno se tratase. Compróbase así como o discurso do fantástico, ademais da súa interpretación como marca excluínte do consensus, ofrece unha posibilidade de ampliación da razón como algo non puramente instrumental senón tamén como lógos do progreso. A elaboración retórica realizada nestes textos por Charlotte Brontë rebaixa, por unha banda, o poder de exclusión do discurso literario ao tempo que, pola outra, tamén achega as mulleres ao estatuto de autoras mediante a retórica da subxectividade e da diferenza, encarnada desta volta no tropo da xenialidade transcendente da obra de Emily Brontë:

“the utmost evenness of manner and guardedness of language, will hardly know what to make of the rough, strong utterance, the harshly manifested passions, the unbridled aversions, and headlong partialities of unlettered”.

Novas formas de existir no mundo

No seu blogue Novenoites, o profesor de filosofía e crítico literario Francisco Martínez Bouzas escribe unha recensión de  A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra “Novenoites“.

A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista. […] a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora […] permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.

Francisco Martínez Bouzas, Novenoites