Cartografía da ficción

Francisco Martínez Bouzas publica no seu blogue Novenoites un artigo titulado “Cartógrafos de nós mesmos” no que reflexiona sobre o papel da ficción na sociedade contemporánea. O crítico literario laméntase de que “cada vez existan menos obras de fabulación importantes, obras novas que ofrezan un cambio radical da sensibilidade, perspectivas novas para penetrar a esencia das cousas”, e tamén chama a atención sobre o control da ficción, que, segundo el, leva á “subxugación das formas de creación simbólica heterodoxas”. A partir dese texto, e como resposta ao que el entende como un convite á reflexión, como unha incitación a pensar sobre a función da ficción (literaria e non literaria) na sociedade contemporánea, Carlos Lema escribiu un ensaio no que continúa e matiza a reflexión iniciada por Francisco Martínez Bouzas, retomando a súa proposta de levar a cabo unha “arqueoloxía do relato” e dos seus efectos discursivos.

Con ese texto, iniciamos en Euseino? unha publicación sen periodicidade fixa que, en formato PDF, se pode descargar de balde. Leva unha cabeceira que recolle en parte o subtítulo do noso blogue: Anotacións sobre literatura e filosofía. Dedicarase a textos que, por necesitar unha publicación rápida ou polas súas características formais, non se poidan recoller nun libro, sempre que se dirixan a lectoras e lectores coa intención de incitar ao pensamento e á escritura sobre filosofía e literatura.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Cartografía da ficción“.

Cartografía da ficción

Cita

O poder das historias de sempre

No seu blogue Novenoites, o crítico literario Francisco Martínez Bouzas publica unha recensión de  O Rei Portador e outras historias, o libro de relatos de Beatriz Fraga publicado por Euseino? Editores. Salientamos a enorme importancia do labor que fan os críticos literarios galegos tanto nos xornais coma nos seus blogues. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra “Novenoites“.

Beizóns para Euseino? Editores, este novo selo que debuta cun pequeno pero fermoso libro de Beatriz Fraga […] A autora reescribe estas lendas perdidas nas lañas do tempo e faino para o imaxinario literario de hoxe cunha escritura renovada, á súa maneira, empregando una prosa de gran calidade e perseveranza, que zumega lirismo e unha orixinal imaxinación.

Francisco Martínez Bouzas, Novenoites