No seu blogue Novenoites, o profesor de filosofía e crítico literario Francisco Martínez Bouzas escribe unha recensión de A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra “Novenoites“.
A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista. […] a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.
Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora […] permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.
Francisco Martínez Bouzas, Novenoites