“A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura”, por Xosé Monteagudo

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 14 de Anotacións publicamos un artigo que reproduce o texto da conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. En A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, o autor de Todo canto fomos pescuda na “orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” coa finalidade de intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”

A preocupación de Xosé Monteagudo neste ensaio céntrase na procura dos motivos, ou das causas, que promoven a relación entre a obra literaria e quen a le:

[…] hai outra realidade […]. Do que estou a falar agora é da recepción, que está indisolublemente unida ao público lector, o cal á súa vez ten un horizonte de espera ante cada obra. Pode parecer contraditorio a primeira vista falar dun horizonte de espera no público ao mesmo tempo que se proclama para a narración un carácter transgresor. Non o é. Entre unha cousa e a outra establécese unha conexión íntima, non visible, e case non previsible. Aínda que, por outra parte, dotada de toda lóxica. Unha obra narrativa que aspire a conquistar novos públicos ten que ofrecer algo diferente ao que o público ten á súa disposición e non proba.

A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un escritor que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Xosé Monteagudo en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura

Para ver o vídeo coa intervención de Xosé Monteagudo, calque na ligazón seguinte:

Vídeo da conferencia

 

“Ontoloxía hoxe? (Somos unha conversa)”, por Brais Arribas

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 13 de Anotacións publicamos un ensaio do filósofo Brais Arribas sobre unha das cuestións centrais que preocupou a filosofía ao longo da súa historia: o problema da ­realidade. A cuestión acerca do estatuto da realidade e outra igualmente central que a acompaña: como coñecela, se é que é posible facelo. En “Ontoloxía hoxe? (Somos unha conversa)”, o discípulo galego de Gianni Vattimo fai unha achega sintética a un dos grandes debates da filosofía desde os pensadores gregos. 

no contexto de dominio do paradigma científico como vía de exploración do real, cabe formularse a pertinencia da filosofía que o estuda: a ontoloxía. É hoxe necesaria? Pódenos dicir aínda algo interesante? Ou debemos levantar acta da súa defunción e dedicarnos a outra cousa? Non fai falta manter por máis tempo o suspense, xa que neste artigo defenderase non só a necesidade de manter ben viva a ontoloxía senón que cremos ademais que se trata dunha disciplina clave para manter unha relación xusta e saudable tanto no interior das relacións humanas coma nas que establecemos co noso medio.

Velaquí unha contribución pensada para o mellor coñecemento dunha das grandes correntes de pensamento do que actualmente se denomina filosofía continental, fronte á filosofía analítica, de matriz fundamentalmente anglosaxona, e fronte ao realismo especulativo, no que se fai a crítica de ambas e no que tamén se aproveitan achados dos dous anteditos sistemas de pensamento. Nese senso, propoñemos a lectura deste artigo a carón da doutros dous números de Anotacións sobre literatura e filosofía, o número 3, no que se publicou o ensaio “O pulso da fenomenoloxía”, de Michael Marder, e o número 9, no que Graham Harman escribe “Da causación vicaria”.

Establecer unha conversa entre os diferentes xeitos de pensar a realidade, ese efectivamente parécenos un dos labores da filosofía. Como indica Arribas no remate do seu ensaio,

non existe a palabra final, a sentenza última nin o verbo definitivo. Somos unha conversa. […] O real, coma as ideas, non son cousas que se poidan posuír e atesourar, converténdoas en privados obxectos de gozo, suxeitas a un proceso de valoración acumulativo.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Brais Arribas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Ontoloxía hoxe? (Somos unha conversa)

 

 

“A detonación estética do común”, por Rubén Salgado

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 12 de Anotacións presentamos un autor novo cunha achega teórica que xorde dunha experiencia concreta. Pensamento sobre a arte, a estética e a súa función social. O común e o réxime da arte. Trátase de Rubén Salgado e o seu ensaio títulase A detonación estética do común. Explorando a emancipación das prácticas estéticas hexemónicas”.

O autor sitúase baixo a seguinte advocación de Paolo Virno: “cando a linguaxe se converte no principio fundamental polo cal se organiza a realidade social, toda a realidade social se converte en estética”.

Polo tanto, o terreo común para a arte e a política nunca é o do contido senón o da forma. Na arte soamente hai política na esfera formal porque “incluso a arte que está afastada da arte comprometida toca de paso a realidade social e política”. Mais as formas artísticas vangardistas foxen de calquera medida proporcional da mesma forma que a produción en masa de bens no neocapitalismo. O estético e o político non teñen nada en común dende o punto de vista substantivo. A resistencia social e a estética encóntranse soamente nunha investigación formal debido a esa desproporción da unidade de medida.

Ademais de Virno, no ensaio de Rubén Salgado cómpre salientar dous pensadores máis: Jacques Rancière, coa súa análise dos réximes estéticos da arte, e Tony Bennett, que polemiza co anterior sobre o conflito existente entre dous usos diferentes da linguaxe. Bennett non entende ese movemento paradoxal de desmedida como algo exclusivo do réxime estético da arte —a desmedida vangardista á cal se refire Virno— senón como unha característica paradoxal do discurso estético tras a revolución estética de dous séculos atrás. Esa é a razón pola que Bennett sitúa a devandita incoherencia como pertencente a un trascendentalismo kantiano que, polo tanto, aínda perduraría no pensamento de Rancière.

Mais, ¿como se pode “subverter” efectivamente a universalización dominante da dinámica neocapitalista? ¿Haberá que asumir o rol de resistencia fóra do terreo institucional, utilizando a estratexia do “éxodo” autonomista, ou haberá —pola contra— que traballar na institución transformando a práctica desde dentro? Así, segundo Salgado, a emancipación terá que pensarse en termos de linguaxe co uso de narrativas diferentes para respectar a natureza heteroxénea dos comúns.

Para elaborar a súa reflexión teórica, Rubén Salgado parte dunha experiencia concreta: o caso do Cluster e o Dialecionario.

O presente artigo non foi en realidade unha investigación iniciada dende un debate teórico particular […] senón que foi desta rede [o Cluster], e da súa práctica subversiva e sen precedentes no panorama cultural da arte contemporánea, de onde xermolou o marco teórico do que parte o debate precedente. […] Entre 2011 e 2013, oito organizacións europeas e de Oriente Medio, dedicadas á arte visual contemporeánea, conformaron unha rede internacional chamada Cluster […]: CAC Brétigny, en Brétigny-sur-Orge, París; Casco – Office for Art, Design and Theory, en Utrecht; CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, en Móstoles, Madrid; The Israeli Center for Digital Art, en Holon, Tel-Aviv; Les Laboratoires d’Aubervilliers, en Aubervilliers, París; P74 Center and Gallery, en Liubliana; The Showroom, en Londres, e Tensta Konsthall, en Estocolmo. Os membros da rede atópanse todos en zonas da periferia destas cidades, as cales posúen poboacións migrantes significativas e nas que se acadan niveis grandes de pobreza e desemprego. A lóxica da que partiu este proceso colaborativo foi a de entender “a maneira na que as organizacións operan en relación cos seus contextos locais e coas expectativas específicas dos investidores e dos medios de comunicación”.

Velaquí un autor novo, un xeito novo de enfrontarse ao fenómeno artístico.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Rubén Salgado en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A detonación estética do común

 

Cuberta+lombo