Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía
No número 13 de Anotacións publicamos un ensaio do filósofo Brais Arribas sobre unha das cuestións centrais que preocupou a filosofía ao longo da súa historia: o problema da realidade. A cuestión acerca do estatuto da realidade e outra igualmente central que a acompaña: como coñecela, se é que é posible facelo. En “Ontoloxía hoxe? (Somos unha conversa)”, o discípulo galego de Gianni Vattimo fai unha achega sintética a un dos grandes debates da filosofía desde os pensadores gregos.
no contexto de dominio do paradigma científico como vía de exploración do real, cabe formularse a pertinencia da filosofía que o estuda: a ontoloxía. É hoxe necesaria? Pódenos dicir aínda algo interesante? Ou debemos levantar acta da súa defunción e dedicarnos a outra cousa? Non fai falta manter por máis tempo o suspense, xa que neste artigo defenderase non só a necesidade de manter ben viva a ontoloxía senón que cremos ademais que se trata dunha disciplina clave para manter unha relación xusta e saudable tanto no interior das relacións humanas coma nas que establecemos co noso medio.
Velaquí unha contribución pensada para o mellor coñecemento dunha das grandes correntes de pensamento do que actualmente se denomina filosofía continental, fronte á filosofía analítica, de matriz fundamentalmente anglosaxona, e fronte ao realismo especulativo, no que se fai a crítica de ambas e no que tamén se aproveitan achados dos dous anteditos sistemas de pensamento. Nese senso, propoñemos a lectura deste artigo a carón da doutros dous números de Anotacións sobre literatura e filosofía, o número 3, no que se publicou o ensaio “O pulso da fenomenoloxía”, de Michael Marder, e o número 9, no que Graham Harman escribe “Da causación vicaria”.
Establecer unha conversa entre os diferentes xeitos de pensar a realidade, ese efectivamente parécenos un dos labores da filosofía. Como indica Arribas no remate do seu ensaio,
non existe a palabra final, a sentenza última nin o verbo definitivo. Somos unha conversa. […] O real, coma as ideas, non son cousas que se poidan posuír e atesourar, converténdoas en privados obxectos de gozo, suxeitas a un proceso de valoración acumulativo.
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.
Para descargar gratuitamente o ensaio de Brais Arribas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
Ontoloxía hoxe? (Somos unha conversa)