As conferencias da Sorbona: “Poéticas e políticas do corpo”

As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?

 

 

Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.

“Indagacións sobre a produción do real”, por Miguel Penas

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Publicamos o número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) cun ensaio de Miguel Penas, filósofo galego que comeza a súa colaboración con Euseino? Editores con este texto titulado “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións“.

Neste ensaio, Miguel Penas fai un achega ao debate entre os obxectos, os individuos ou as substancias, por unha banda, e os procesos, os fluxos ou o devir pola outra. A presenza deste debate —un dos máis interesantes da filosofía continental— no seo do novo movemento filosófico coñecido como realismo especulativo é unha proba máis do seu carácter non dogmático e do vizoso que este novo tipo de materialismo pode resultar para o pensamento e a estética actuais.

Penas propón un encontro entre a filosofía orientada aos obxectos de Graham Harman e a filosofía da individuación de Gilbert Simondon. O obxectivo é superar o erro, presente xa nas exposicións académicas do pensamento grego, consistente en supoñer que os procesos e os obxectos, a individuación e o individuo, non poden ser pensados conxuntamente:

“Posto que todos os obxectos teñen o seu particular proceso de individuación, ¿por que unha filosofía orientada aos obxectos debería ter problema para ofrecer unha explicación filosófica do devandito proceso? Da mesma maneira, posto que todos os procesos de individuación producen uns individuos coa súa particular hecceidade, ¿por que unha filosofía do proceso debería ter interese en negala?”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Miguel Penas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesoso e relacións”

 

Cuberta+lombo

Entrevista con Inma Otero

En Praza pública, a xornalista Montse Dopico entrevista a Inma Otero con motivo da publicación do seu ensaio “A ficcionalización do eu” no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía. Salientamos aquí un paso desta conversa sobre ficción, suxeito e xénero que se pode ler completa na ligazón: Entrevista con Inma Otero.

Ultimamente apréciase unha volta ás novelas de protagonistas. Non interesa tanto experimentar co discurso, coa estrutura da novela ou coa tipoloxía de narradores, como centrarse na construción dun personaxe conflitivo, probablemente porque cada vez estamos máis obrigados a construírnos como individuos nun mundo onde se multiplican as opcións de “ser” e “estar”. Ao mesmo tempo, asistimos nos medios de comunicación e nas redes sociais á exposición da vida privada e dos sentimentos, probablemente porque se considera que son as emocións as que nos fan seres máis humanos e únicos, á vez que nos axudarían a empatizar cos outros. A literatura non faría máis que recoller o que se produce fóra dela.

A ficcionalización do eu muller

O pasado día 21 de outubro, o crítico literario Armando Requeixo publicaba no seu blogue unha recensión do ensaio “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura“, de Inma Otero Varela, que saíra en setembro no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía.

Neste devandito artigo de Criticalia, Requeixo incidía en que “Otero Varela reflexiona con lúcida fondura sobre as trampas do que o sistema androcéntrico alcumou como ‘literatura feminina’ ou ‘literatura de muller’ para, indo máis alá, responder cuestións claves como o que se (pre)supón escrita de muller ou mesmo o que é ser muller a través da proxección dos clixés que na escrita se levan desenvolvido e que cómpre superar”.

Finalmente, sen eludir a polémica, Armando Requeixo remataba coa consideración seguinte:

Con independencia da centralidade única que Otero Varela concede á muller facéndoa protagonista primeira dunha actualidade que se reinventa constantemente nesa ficcionalización do eu mutable (aquí os teóricos doutros discursos xenéricos queer e negacionistas terían moito que discutir), non cabe dúbida de que este ensaio é unha contribución máis que suxestiva, que se abre ao diálogo construtivo e á revisitación de lugares comúns para superalos.

Atractiva aposta a destes cadernos de Euseino?, que chegan á media ducia de títulos con este “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura” que, espero, dea moito que pensar.

Propoñemos a lectura do artigo completo, publicado na ligazón: “A ficcionalización do eu muller“.