“A ficcionalización do eu”, por Inma Otero Varela

AUTORÍA E PROTAGONISMO DAS MULLERES NA LITERATURA

No número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos un ensaio da crítica literaria Inma Otero Varela arredor de “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura“. Trátase dunha análise da elaboración do eu mediante a literatura e, fundamentalmente, da achega realizada polas escritoras. O cuestionamento do suxeito, levado a cabo polo feminismo contemporáneo, coloca este pensamento e a literatura de hogano nunha situación excepcional para poder propoñer unha nova concepción do eu a partir da reformulación do “eu muller”.

Neste ensaio séguese “a premisa de que, en canto ao xénero, e tendo en conta unha división binaria do mesmo que podería ser tamén discutible, unha protagonista feminina ofrece máis posibilidades [para a elaboración nova do eu], xa que son as mulleres as que están máis obrigadas a construírse. Así, as personaxes femininas, ou as enunciacións femininas, artellan con máis forza algunhas das temáticas literarias actuais”.

Proponse, pois, unha relectura do eu que se basearía nunha nova consideración do individuo. Tras a disgregación absoluta do eu, relegado no postestruturalismo a un segundo plano polo poder do «outro», recuperaríase a relevancia do suxeito como un «continuo» en proceso permanente de transformación, unha mínima base estable con capacidade de metamorfose: o suxeito múltiple.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Inma Otero Varela en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura

Cuberta+lombo

 

“Do materialismo especulativo”: entrevista con Quentin Meillassoux

No ano 2006, o filósofo Quentin Meillassoux publicaba Après la finitude. Essai sur la necessité de la contingence (“Despois da finitude. Ensaio sobre a necesidade da continxencia”), un libro que significaría un novo xiro respecto da filosofía predominante durante a segunda metade do século XX. Fronte a esa tradición recente, volve xurdir o interese polo realismo, desta volta baseado nun pensamento materialista novo, denominado materialismo especulativo.

Neste novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos unha entrevista con Quentin Meillassoux, realizada en 2011 para o libro New Materialism: Interviews & Cartographies, de Rick Dolphijn e Iris van der Tuin. Na entrevista, Meilla­ssoux fai unha exposición sintética da súa obra: aínda que o adxectivo «especulativo» podería suxerir un retorno á filosofía precrítica, coa súa crenza dogmática no poder da razón pura, o materialismo especulativo non rexeita as achegas da filosofía crítica, pola contra, abrolla do recoñecemento das limitacións desta. Nese senso, a filosofía de Meillassoux pretende ir alén do xiro crítico e lingüístico realizado polo pensamento do século XX, tendo en conta o innegable progreso que supuxo o seu labor crítico mais recuperando o senso especulativo da filosofía no que esta ten de posibilidade de pensar o absoluto independentemente da posición do ser humano no mundo.

A singularidade da obra de Meillassoux é que pretende conseguir precisamente aquilo que a filosofía moderna nos aprende como imposible desde hai dous séculos: «saír de si-mesmo, apropiarse do en-si, coñecer que é o que somos ou non somos».

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente a entrevista con Quentin Meillassoux en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Do materialismo especulativo

Cuberta+lombo

Giorgio Agamben: “Elementos para unha teoría da potencia destituínte”

No nº 4 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos un ensaio de Giorgio Agamben baseado nunha conferencia pronunciada en Francia no verán de 2013. Respondendo directamente aos daquela recentes movementos insurreccionais —desde O Cairo e Istambul ata Londres e Nova York—, en “Elementos para unha teoría da potencia destituínte” o autor de Homo sacer desenvolve e clarifica a súa concepción da política e, en particular, a noción de potencia destituínte. En contraste cos intentos de defender un poder constituínte independente da súa relación co poder constituído, posición que para Agamben reproduce a estrutura gobernamental da excepción á vez que representa o cumio da metafísica, a potencia destituínte perfila un pensamento que desactiva o paradigma instituído da exclusión inclusiva, o arkhé fundacional do pensamento occidental moderno.

Ao cabo, Agamben xa non se conforma con apuntar cara a un Ingobernable utópico senón que elabora unha nova teoría do suxeito e, consecuentemente, unha nova teoría da acción: a dunha inoperatividade que non é inercia senón abertura ao posible, a dun ser humano vivente liberado de todo destino biolóxico ou social e de todo obxectivo predeterminado, un ser humano dispoñible para a particular ausencia de obra que estamos habituados a chamar «política» e «arte».

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Giorgio Agamben en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
Elementos para unha teoría da potencia destituínte

Cuberta-Elementos para unha teoría…