O pulso da fenomenoloxía

Euseino? Editores publica o nº 3 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), no que incluímos por primeira vez traducións de textos escritos noutras linguas. Desta volta trátase dun ensaio de Michael Marder, filósofo canadense que actualmente é profesor na Universidade do País Vasco.

Cun estilo punzante e suxestivo, Marder expón en “O pulso da fenomenoloxía” a súa concepción dunha filosofía crítica coa que reavivar os latexos dos sistemas de pensamento mortos (sedimentados). Trátase dunha achega ao que o autor de Plant-Thinking: A Philosophy of Vegetal Life denomina fenomenoloxía crítica. Pois esta corrente de pensamento, que marcou gran parte da filosofía do século XX, de Husserl e Heidegger a Derrida, ábrese neste ensaio a unha busca, a da “razón do infrarracional”, que implica o desacougo do eu dividido, a inquedanza que non deixa descansar.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Michael Marder en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
O pulso da fenomenoloxía

O pulso da fenomenoloxía

Das identidades alternas ás alternativas: saír dos corpos programados

Euseino? Editores publica o número 2 de Anotacións sobre literatura e filosofía, desta volta cun ensaio de Rebeca Baceiredo sobre a cuestión do xénero no que a pensadora trata, entre outros temas, o réxime de norma heterosexual e as relacións de poder, as regresións contemporáneas das figuras de muller (a esposa e a puta) e a xestión da violencia, para rematar cunha proposta que a autora de A revolución non vai ser televisada sitúa “fóra dos corpos programados”.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Rebeca Baceiredo en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Das identidades alternas ás alternativas:  saír dos corpos programados“.

Das identidades alternas

Cartografía da ficción

Francisco Martínez Bouzas publica no seu blogue Novenoites un artigo titulado “Cartógrafos de nós mesmos” no que reflexiona sobre o papel da ficción na sociedade contemporánea. O crítico literario laméntase de que “cada vez existan menos obras de fabulación importantes, obras novas que ofrezan un cambio radical da sensibilidade, perspectivas novas para penetrar a esencia das cousas”, e tamén chama a atención sobre o control da ficción, que, segundo el, leva á “subxugación das formas de creación simbólica heterodoxas”. A partir dese texto, e como resposta ao que el entende como un convite á reflexión, como unha incitación a pensar sobre a función da ficción (literaria e non literaria) na sociedade contemporánea, Carlos Lema escribiu un ensaio no que continúa e matiza a reflexión iniciada por Francisco Martínez Bouzas, retomando a súa proposta de levar a cabo unha “arqueoloxía do relato” e dos seus efectos discursivos.

Con ese texto, iniciamos en Euseino? unha publicación sen periodicidade fixa que, en formato PDF, se pode descargar de balde. Leva unha cabeceira que recolle en parte o subtítulo do noso blogue: Anotacións sobre literatura e filosofía. Dedicarase a textos que, por necesitar unha publicación rápida ou polas súas características formais, non se poidan recoller nun libro, sempre que se dirixan a lectoras e lectores coa intención de incitar ao pensamento e á escritura sobre filosofía e literatura.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Cartografía da ficción“.

Cartografía da ficción