Curso de Ficción Narrativa

Aberto o prazo de preinscrición

Escribe a túa novela ou os teus relatos con
Xosé Monteagudo

Para comezar a escribir ou para perfeccionar a arte da escritura; para reforzar os recursos literarios coñecidos ou para iniciarse neles dun xeito práctico, directo e con resultados inmediatos. En definitiva, para axudar e contribuír á formación literaria das persoas que desexan achegarse á escritura ou xa están iniciadas nela e necesitan perfeccionar e ampliar os instrumentos que manexan, desde o LaPLit ofrecemos este Curso de ficción narrativa. Impartido por Xosé Monteagudo, un dos escritores máis prestixiosos da narrativa galega actual, autor de novelas coma Todo canto fomos e Eternity e galardoado, entre outros, co Premio Blanco Amor, o Premio García Barros e o Premio Repsol.

Cada sesión do curso constará de explicacións teóricas sobre as diferentes técnicas narrativas e de exercicios que as persoas asitentes porán en práctica, como unha forma de aprendizaxe integral.

O Curso de Ficción Narrativa vai contar coa colaboración de dúas escritoras convidadas. En dúas das sesións do curso, os participantes han recibir o apoio de senllas narradoras de renome coas que han poder intercambiar opinións e dialogar sobre o oficio de escribir.

As persoas matriculadas no Curso de Ficción Narrativa que amosen unha dedicación especial poderán solicitar gratuitamente un Informe de Lectura sobre un dos seus orixinais de narrativa que escollan. O informe ha ser elaborado por un lector profesional do Gabinete de Orixinais do LaPLit.

Apertura do prazo de preinscrición do 10 ao 22 de decembro de 2021. Infórmese na páxina do curso ou solicite praza directamente:

Euseino? no Culturgal

Os libros de Euseino? pódense atopar no posto 23 do Culturgal grazas á colaboración de Rodolfo e Priscila. O catálogo completo ao dispor das persoas lectoras o sábado 27 e domingo 28 de novembro en Pontevedra.

E axiña imos ter os libros de Rodolfo e Priscila na sede de Euseino? en Vigo. Para quen os queira ler e mirar. A poesía como arte insurxente, Lawrence Ferlinghetti, publicado por primeira vez en 2007 e que chega agora ao galego na tradución de Daniel SalgadoPequeno álbum de Nova York en inverno, escrito por Carlos Meixide con debuxos de Berta Dávila.



Un lugar para as persoas que escriben e len

Continúan as actividades en Euseino? Social

No mes de novembro, continuamos as actividades en Euseino? Social, na rúa de México 37 de Vigo, cunha programación que combina encontros con escritoras, coloquios e presentacións. Nesta ligazón Localice a sede da Fundación Euseino?

  • 23 de novembro, 19,30 horas

    As duelistas: escrituras enfrontadas.

    Anxos Sumai en diálogo con Rosa Aneiros.

    Dúas concepcións da novela se cadra diferentes, se cadra non tanto. Dúas estratexias narrativas a xogaren o mesmo xogo da ficción.

Anxos Sumai

A autora de A lúa da colleita e Así nacen as baleas ha falar do paso da escritura dun diario á elaboración dunha novela, de como a vida cotiá pode inspirar unha narrativa que profundiza a partir das imaxes, cunha simboloxía implícita. ¿Como lograr que quen le absorva o espírito de quen escribe? ¿Como facer para que a novela, un tecido de letras, se transforme nunha rede que capta o presente máis oculto dun ser humano?

Rosa Aneiros

Quen escribiu Eu de maior quero ser e Sibila vai achegar a literatura ao actual. Na compartición entre realidade e ficción, ¿de que lado se sitúa a persoa que escribiu Resistencia? ¿É posible empregar metáforas e analoxías para contar feitos? ¿Cal é o lugar da ficción na realidade? A alianza entre actualización —a virtude do xénero novelesco— e imaxinación —a combinación do real dun xeito inesperado—, ¿pode facer da narrativa unha arte do desvelamento?


Dúas autoras, dúas formas se cadra non tan diferentes de escribir e entender a literatura. Da intimidade trasladada a imaxes nada explícitas á imaxinación que asolaga a historia recente. ¿Cal delas pode esclarecer máis e mellor a arte narrativa?

Reserve a súa praza

Se o desexa, pode reservar a súa praza facendo unha achega de 3, 5 ou 10 euros, ou acceder de xeito libre con preinscrición mais sen reserva de praza. As achegas hanse empregar exclusivamente para atender os gastos das participantes e do local. O acceso libre está limitado ás prazas vacantes que queden sen achega.

  • Próximas actividades

    9 de decembro, 19,30 horas.

    Presentación do libro Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá. Co poeta Luís Valle e o editor Henrique Alvarellos.

    23 de decembro, 19,30 horas.

    Encontro arredor do cómic Aventuras de T e Ronni, de Maks. Con Federico Fernández, debuxante; Beatriz Fraga, directora da colección Onocrótalo, e o autor.