Curso de Ficción Narrativa

Aberto o prazo de preinscrición

Escribe a túa novela ou os teus relatos con
Xosé Monteagudo

Para comezar a escribir ou para perfeccionar a arte da escritura; para reforzar os recursos literarios coñecidos ou para iniciarse neles dun xeito práctico, directo e con resultados inmediatos. En definitiva, para axudar e contribuír á formación literaria das persoas que desexan achegarse á escritura ou xa están iniciadas nela e necesitan perfeccionar e ampliar os instrumentos que manexan, desde o LaPLit ofrecemos este Curso de ficción narrativa. Impartido por Xosé Monteagudo, un dos escritores máis prestixiosos da narrativa galega actual, autor de novelas coma Todo canto fomos e Eternity e galardoado, entre outros, co Premio Blanco Amor, o Premio García Barros e o Premio Repsol.

Cada sesión do curso constará de explicacións teóricas sobre as diferentes técnicas narrativas e de exercicios que as persoas asitentes porán en práctica, como unha forma de aprendizaxe integral.

O Curso de Ficción Narrativa vai contar coa colaboración de dúas escritoras convidadas. En dúas das sesións do curso, os participantes han recibir o apoio de senllas narradoras de renome coas que han poder intercambiar opinións e dialogar sobre o oficio de escribir.

As persoas matriculadas no Curso de Ficción Narrativa que amosen unha dedicación especial poderán solicitar gratuitamente un Informe de Lectura sobre un dos seus orixinais de narrativa que escollan. O informe ha ser elaborado por un lector profesional do Gabinete de Orixinais do LaPLit.

Apertura do prazo de preinscrición do 10 ao 22 de decembro de 2021. Infórmese na páxina do curso ou solicite praza directamente: