“Dixen sen máis (1)”, por Hélène Cixous

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal (1900-1905), por Alfons Mucha

Iniciamos unha sección nova encabezada cunha cita de Jacques Derrida e cun título idéntico ao dunha das súas obras. Pódese dicir que se trata dunha homaxe á obra tan admirada por nós deste insigne filósofo, tamén literato, extraordinario lector e escritor. A palabra que marca esa cita é envoi (“envío”), ten varios significados que podemos resumir en dous conceptos contrapostos, ou non, principio e final. As cartas poden iniciar algo, pódeno rematar. As que imos incluír nesta sección non teñen final. Partimos da idea de que toda correspondencia é de todo o mundo para todo o mundo, é mundana, comeza e remata aí, na súa propia literalidade non no suxeito que a escribe nin naquela persoa á que vai destinada. Pódea ler calquera, está fóra de si, no mundo.

Non se trata, entón, de publicar correspondencias entre varias persoas nin tan sequera unha serie de cartas máis ou menos ordenadas. A Carta Postal envíase cun outro fin: deixar constancia dun momento, dunha fulguración, de algo inacabado, tamén daquilo que continuación non pode ter. A sección podería incluír desde unha carta illada a varias cartas de varios remitentes vencelladas ou non por un algo manifesto ou non tan á vista, menos ostensible e, evidentemente, máis mundano, non transcendente.


En 1983, a profesora, filósofa e escritora Hélène Cixous botou a andar un seminario de literatura e pensamento ao abeiro do recentemente inaugurado Collège International de Philosophie, concibido polos seus impulsores (François Châtelet, Jacques Derrida, Jean-Pierre Faye e Dominique Lecourt) como un centro de investigación segundo o modelo das universidades abertas, supoñía unha prolongación da súa experiencia docente no Centre Universitaire de Vincennes.

Case catro décadas máis tarde, o seminario de Hélène Cixous segue a ser un referente na vida intelectual dos campus parisienses. A Maison Heinrich Heine – Fondation de l’Allemagne acolle no seu salón de conferencias os encontros, cunha periodicidade mensual entre mediados do outono e finais da primavera. Durante unhas catro horas, a Cixous crítica literaria, lectora e pensadora tece —na máis pura tradición francesa— unha disertación sobre o tema escollido para cada sesión. James Joyce, Henry James, Jacques Derrida, Ariane Mnouchkine, Michel Foucault atravesan con frecuencia as súas reflexións. Cixous dialoga cos seus referentes ao tempo que o fai coas persoas asistentes.

Cecilia F. Santomé, estudante predoutoral e beneficiaria dunha bolsa Erasmus na Universidade París-Sorbona, foi unha delas no curso 2008-2009. Unha experiencia que tería unha pegada notable tanto nos seus futuros traballos de investigación teórico-literaria coma na súa concepción da escritura.

Década e media máis tarde, os seus camiños volvéronse cruzar cando a pandemia empurrou as autoridades a ordenar o confinamento da poboación. Suspendidos por un tempo indefinido os ritmos cotiáns, instaurado un presente abafante, Hélène Cixous procurou acougo no exercicio da palabra. Palabra dixital, transmitida por correo electrónico, substituta da presenza. Foi así como Cixous volveu forxar na distancia unha relación epistolar unidireccional co seu alumnado. Entre marzo e maio de 2020, a editora desta sección foi unha das centos de persoas que recibiron na súa caixa de correo virtual tres cartas tinguidas de melancolía, incerteza, angustia, esperanza. A última, asinada un ano máis tarde, anunciaba unha metamorfose. Publicámolas en tres entregas traducidas do francés pola propia editora.

Agradecemos especialmente a Hélène Cixous a súa xentilexa e xenerosidade por permitirnos dar a coñecer estas cartas.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé. 

♦

“Dixen sen máis (Carta 1)”, por Hélène Cixous

París, 14 de marzo

Dixen sen máis: vouvos escribir unha carta.

Coido que unha especie de voz interior me ditou estas palabras, que xa eran unha promesa. Un chimpo, tan inspirado e cheo de vitalidade coma o chimpo lóstrego intelixente de Isha ata a campá (enriba da cociña).

Unha carta-chimpo, pois. Acróbata da vida. Agás que non son gato. E pouco despois da idea —cegadora— da carta, veume unha inquietude ben humana, amolada eu pola tarefa, pola aprehensión, por un pequeno remorso, polo temor de decepcionar moitas persoas queridas. Coma sempre, perdín a graza en canto fun tocada por ela.

Cando de min se apoderou a graza, esta debía de ser coma a vella gansa todopoderosa que transporta a Nils Holgersson sobrevoando a pobre terra imperfecta mais que tamén pode deixar caer o ambicioso raparigo.

Aterro aquí. Terra! Carta! Palabra mantida! Eu, que non son Isha, a gata-voadora,1 nin Haia-a-trapecista. Non vou tras delas mais sígoas co corazón e coa cabeza o día enteiro.

Que sexan os gatos! E, se non tedes gatos, entón tede e escoitade os paxaros. E daquela sede paxaros.

Ai, mais isto é unha carta. Un monicreque. E precisa da súa cabeceira bonita. Velaquí vai:

Sábado, 14 de marzo de 2020, ás seis da mañá, a radio-carta divos: ceo aínda escuro pintado cun leito de nubes por riba mais xa

paxaros.

Vedouvides:2 eses, os xenios libres, cumpren a súa misión de anxos, carteiros, modestos filósofos sobrenaturais, sinaturas da inmortalidade. Chi, chi, chi (o chío rechouchío do Vivido).3

Por causa da miña pobre vista, non son quen de os ver. De aí que non lles vexa máis que as voces. É coma se vise coas orellas o fondo mesmo das almas, a lembranza da Vida Enteira: “Deste lado, a ledicia, a continuación, o fermoso despois, é por aquí!”

—Merlo? Merlo. Música por excelencia. E mesmo a voz de Eva, miña nai, que non pode resistir a tentación dun xogo de palabra [sic]: Merlo merlón!4 Cousa que me leva ao dicionario. Como se lle di ao merlo en alemán? Resposta: eine Amsel; e, ademais, é feminino!? Deixo que sigades o voo da Merla de lingua en lingua e que descubrades que a Merla é unha torda de loito.

En tanto que promesa, “o fermoso alén” é sempre un aquí-xa.5

A primeira vez que entrei en contacto co fermoso despois foi en 1940 ou 1941, cando souben que o período de Antes da Guerra, aquela idade dourada que durara uns cantos anos, volvería no futuro baixo a aparencia de Despois da Guerra. Entre ambos os dous, estaba a Guerra, a tebra cos ouveos dos avións e das criaturas mais co ourelo broslado do Ouro de Antes e de Despois.

A propósito disto, velaquí estamos nun Entre ourelado de Ouros. Nós, con esta separación entre nós que non impide, porén, que a carta, calquera carta, nos manteña unidos.

N.

Advirto que me gusta datar; dato ao meu xeito, así: 1940-2020 ou 2020-1940. Tamén me serve de desculpa para lembrar que vou facer oitenta e tres anos, e os que han vir.

O seminario tamén ten varias datas.

Na do 14 de marzo, todo xiraba arredor do Tema da Gaiola. O engaiolamento de Albertine.6 levando canda si todas as gaiolas de Kafka. Para o 14 de marzo, tocaba ler Informe para unha Academia (poñíame dos nervios esta tradución, así que compartín convosco o orixinal: Ein Bericht für eine Akademie).

Quedou patente a través dos barrotes que o 14 de marzo tería lugar a unha altura calquera de abril, co tempo, unha nunca sabe exactamente a hora. Algo que se dá tamén dun xeito delicioso en todo o tocante á literatura, instalada no perpetuo tempo voador.

Así que liamos o que imos ler o… Como nunca o leriamos se só o lesemos o 14 de marzo de 2020.

De onde lle veu o apoxeo repentino a esta carta? Agora seino-síntoo: foi onte á mañá, no intre no que me vin obrigada a escoitar o discurso da Responsabilidade, unha magnífica arroutada de amor. Amor por nós no noso humilde e fiel —e duro— traballo de atención ao texto, esa cociña nosa das palabras, coas especias (velaquí o Merlo intervindo desde a fiestra! Xa son as sete e media da mañá, logo hei deter o bolígrafo e ir agatuñar).

Si, sen máis causa: esta especie de amor mediopaxaro medioanimal7 mediaspalabras, frases, linguas das que nos alimentamos.

Non, non haberá Escaseza.

Imos…

Ata o…

Son as oito. Entrementres, recibín unha chamada de Adel-león-galo-touro-bebé-rir e, naturalmente, de Paxaros, Pombas de guerra

que se traducirá, quizais, un día destes, en iluminación visual.

Aquí volvo. Dicirvos,

P. D.: no 68 (1968), de marzo a outubro-novembro quedamos sen seminario; no canto, o Gran Seminario da Invención da Liberdade.

Houbo semanas nas que non abrimos un libro!

Mais en 2020, de marzo a … … … lemos, alimentáronnos, transportáronnos as nosas respectivas bibliotecas. E, para calquera, Dans le ventre de la baleine et autres essais (1931-1943) [“No ventre da balea”, edición abreviada dos Critical Essays] (Orwell) de sobremesa e Orlando (Woolf), dado que remata cunha Gansa–eira8! Salvaxe. 

P. D.: “Polo que a min respecta, dis, desconfío da palabra ‘fiable’, sobre todo cando vai pegada ao termo ‘fonte’. —Mais, retruco, es quen de distinguir se ti mesmo es fiable ou desconfiable? —Non creo”.

Seguimos

                                                                                                                                          Hélène


1    Quer intencionado quer non, hai un erro de concordancia de xénero entre o substantivo masculino chat, que é o que Cixous emprega aquí, e o artigo e o adxectivo (la, volante) que o modifican. Optamos por harmonizar o sintagma nominal e traducilo como feminino.

2    A miúdo, a autora recorre a termos homónimos ou homófonos para artellar xogos de palabras. Produce así camadas de significado que se superpoñen e multiplican a potencia evocadora do texto. Véxase, neste caso, o uso da forma verbal «v’oyez», inexistente no francés estándar mais que soa coma a segunda persoa do plural do imperativo presente do verbo voir (“ver”) e, na escritura, semella o froito da contracción dun pronome persoal tónico da segunda persoa do plural (vous) e a forma verbal oyez, da segunda persoa do plural do presente de indicativo do verbo ouïr (“escoitar”), hoxe en desuso.

3    Coma se se tratase dunha homenaxe ao seu admirado James Joyce (Hélène Cixous doutorouse cunha tese sobre o Ulises), introduce o termo c.oui (da voz familiar coui, “cocote”?) e crea una estrutura paralelística entre o contido da paréntese (“le c.oui ‒c.oui de la Vie”) e a frase (“oui, oui, oui”) que a precede. O resultado, consideramos, aproxímase á onomatopea dunha voz de ave; por iso, traducimos o fragmento reproducindo vagamente un chiar.

4    En francés, merle refírese ao noso merlo e, con menor frecuencia, a un peixe mariño da familia dos lábridos. En galego, este último recibe o nome de “merlón”.

5    Outra volta, Cixous emprega un neoloxismo para explorar os lindes da linguaxe e engadirlle á carta un pouso poético. Na medida do posible, reproduciranse estes neoloxismos respectando tanto o senso coma a grafía orixinais.

6    Albertine Simonet, personaxe de Á busca do tempo perdido, de Marcel Proust. Presentada no segundo volume desta obra, À l’ombre des jeunes filles en fleur (“Á sombra das raparigas en flor”), é unha das mozas que lle dan título. O narrador pasará da  fascinación inicial por elas a un interese particular por Albertine, que semella alentalo ata que frea en seco os seus avances. Aparecerá de novo en Sodome et Gomorrhe (“Sodoma e Gomorra”), e aquel decidirá casar con ela malia sospeitar as súas inclinacións sexuais. Esa sombra será o eixo de La prisonière (“A prisioneira”), a cuxa atmosfera opresiva fai referencia Cixous nas súas cartas.

7    Con frecuencia, elimínanse signos de puntuación coma puntos e comas. Custa distinguir entre o efecto buscado e o resultado dunha escritura rápida, urxente, non sometida a un proceso de revisión posterior. Á hora de traducir, respectamos no posible a puntuación predominante en cada unidade textual.

8    No orixinal, “Oie-seau”, que viría a ser, literalmente “Ganso-caldeiro” mais que soa coma oiseau (“paxaro”). Para manter tanto a sonoridade coma o referente dese xogo lingüístico, optouse pola solución “Gansa-eira”.

Un outro xeito de escribir filosofía

Publícase “Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas”, de Rebeca Baceiredo

A obra da filósofa e escritora Rebeca Baceiredo, ademais de ser unha das máis orixinais do pensamento galego dos últimos vinte anos, consegue iluminar a filosofía coa capacidade de concreción da literatura e que, ao tempo, a filosofía poña ao descuberto unha faceta da literatura que a despoxa de trucos artísticos banais. Ambas as dúas, literatura e filosofía, deixan de lado o poder do que adoitan estar investidas para, na escritura de Baceiredo, quedar á vista, sen aderezos nin dogmatismos. Como escribe na presentación de cuarta de cuberta Mario Losada, editor de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, nestas páxinas “o exer­cicio da interpretación espállase desde a literatura para resoar no campo da filosofía”.

Temos, pois, a satisfacción de volver presentar ás persoas lectoras unha obra nova desta autora senlleira, coa que iniciamos a colección Casabranca no ano 2013. Sen Rebeca Baceiredo o proxecto de Euseino? Editores non sería o que actualmente é.

O novo libro de Rebeca Baceiredo non é un ensaio filosófico usual. Nel refle­xió­nase sobre conceptos coma deus, o tempo, a morte, o acontecemento e a subxectividade no horizonte da disolución do eu e da pregunta polos límites da linguaxe. O excepcional é o terreo no que se ins­criben estas ideas, que non é o propio do discurso teórico nin da análise fenomenolóxíca senón algún punto interme­dio e bastardo entre a escritura e a vivencia real. A autora extrae o pensamento do relato da experiencia íntima e filosófica que a escritora brasileira Clarice Lispector achegou a través da súa obra e dos seus personaxes. Unha intimidade que, como diciamos, mediante o exer­cicio da interpretación, se espalla desde a literatura para resoar no campo da filosofía.

Algunhas das partes desta obra transitan por mundos nos que as palabras son cousas, onde pensar é viaxar e nos que os desvíos do pensamento literario de Lispector nos achegan á pregunta ontolóxica fundamental: ¿que facer coa vida?

O resultado é unha fascinante dramatización de ideas, unha travesía na que o deus xeométrico de Spinoza asusta, a cousa en si nos dá leccións de vida e as poetas regresan das súas liortas nos límites da linguaxe. E, sobre todo, unha cha­ma­da a outro xeito de escribir filosofía.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas

Col. Casabranca 13
148 páxs.
PVP 19 euros


A poesía como “Principio Esperanza”

Consideracións arredor do poemario “Intimidación”

“Esperanza”, por George Frederic Watts

A cita coa que o Colectivo Maiakovski inicia o poemario Intimidación, cita da que tamén colle o título, procede do poema “O xeito de Freud”, de Carlos Lema. Di o seguinte:

“Intimida non dar previsto o que vai acontecer.”

Falamos co poeta, quen nos comenta empregou recursos propios da poesía modernista, fundamentalmente vencellados ás obras de Allen Ginsberg, John Ashbery e T. S. Eliot, para facer unha crítica da psicanálise como tipo de representación na que se consagra o suxeito en calidade de principio de razón e único dador de senso ao mundo.

Segundo nos conta o propio autor, comezou a escribir o poema despois de asistir a un concerto do Art Ensemble of Chicago, cuxa música percusiva e amelódica se aproximaba moito á dos rituais iniciáticos das culturas que quedaron á marxe da influencia do pensamento grego que fusionou o dionisiaco co apolíneo. Un tipo de música que se podería asociar co intento da psicanálise de dotar de senso experiencias subxectivas ata daquela pouco ou nada asimiladas pola representación racional.

O contexto da cita do “Xeito de Freud”, un poema extenso de 274 versos, está localizado nas súas últimas estrofas e é este:

"[...] ¿Que resposta implica o argumento
que a constitúe? A resposta que un se dá
a si mesmo. Unha acusación verdadeira, 
un roubo da personalidade, un inquérito
para coñecerse e unha posibilidade de negarse
a segunda opción. O efecto é idéntico
a non saber que dicir.

Intimida non dar previsto o que vai acontecer.

Freud está tan preto do lector, de vostede,
coma dun convidado inútil que non se sabe defender.
Organiza o coñecemento, se cadra
despois dunha ou dúas páxinas de texto, avíase
para celebra-las figuras da linguaxe, literariamente,
as imaxes-lingua, algo tan familiar
e antigo, se cadra mesmo sinxelo. Unha morea
de curiosidade aínda non redescrita."

Cómpre clarexar que Carlos Lema non forma parte do Colectivo Maiakovski nin estaba ao tanto de que un verso escrito por el ía encabezar o poemario. Agradece moito, segundo nos prega fagamos constar, que se prestase atención á súa obra e que esta cita servise para dar pé a un proxecto literariamente tan ambicioso.

Manifesto

A continuación da cita inicial de Lema, Intimidación ábrese cun “Manifesto” no que o Colectivo Maiakovski expón que

“non haberá ningunha esperanza se non houbese incerteza e un certo temor a que non se cumpra o esperado. Unha certa expectativa que non se derive nin da experiencia nin do coñecemento.”

Neste breve manifesto, o colectivo de poetas matiza e diferenza entre optimismo, ou pensamento positivo, e esperanza, esta última non tendente a autosatisfacción e que pode recompensar tamén a quen non a ten, contra o que é propio do optimismo, de pulsión egoísta mesmo en caso de colectivos amplos coma as nacións. Polo tanto, o Colectivo Maiakovski renega do “optimismo”, mais afúndese no inesperado.

A poesía defínese así como o territorio do inesperado, a utopía, único lugar onde abrolla a esperanza. Estamos, daquela, perante a identificación da poesía como o Principio Esperanza do que escribiu o filósofo Ernst Bloch nos tres volumes da súa obra máis coñecida.

Spes transcendente

A tríade de Spes, Fides e Fortuna formaba a personificación divina do culto imperial das Virtudes na antiga Roma. A primeira é a Esperanza. Coma Salus (“Salvación, Seguridade”), Ops (“Abundancia, Prosperidade”) e Victoria, Spes era unha potencia que procedía dos deuses, contrariamente aos poderes divinos que residían no individuo, tales coma Mens (“Intelixencia”), Virtus (“Virtude”) et Fides (“Fe, Fidelidade, Fiabilidade”).

O poder da Esperanza é, polo tanto, un poder que emana dos deuses, non dos seres humanos; é importante salientalo aquí porque a proposta poética de Intimidación herda esa procedencia transcendente precisamente ao situar o Principio Esperanza na utopía, nun lugar non mundano, que transcende logo.

Como despois imos ver, Bloch intenta desvencellar a súa concepción transcendente da Esperanza da idea kantiana do transcendental; faino co obxectivo de evitar todo a priori e situar a Spes no territorio do novo. Do mesmo xeito que a poesía moderna se intenta situar fóra da linguaxe, no territorio da Voz, para pretender que un poema é o poema, isto é, algo alleo a un xénero, a un tipo de literatura determinada con antelación por unha categoría (etimoloxicamente, o que se di sobre algo).

A poesía moderna, coma o Principio Esperanza de Bloch, quere ser transcendente mais non transcendental.

O homólogo grego de Spes era a deusa Elpis, que non posuía culto formal ningún na Grecia arcaica. O principal mito no que Elpis ten un papel é a historia de Pandora, á que curiosamente Marx deu considerable importancia. Pola contra, os gregos tiñan sentimentos ambivalentes, mesmo negativos, respecto da “esperanza” e esta idea carece de importancia nos seus sitemas filosóficos, se cadra debido á concepción temporal grega, de tipo circular —se se lle pode chamar así ao aión, máis asimilable, segundo Martínez Marzoa, a unha noción próxima ao “sempre”—, fronte á concepción romana, e logo cristiá, nidiamente liñal e progresiva.

O “Principio Esperanza”

Segundo Bloch, polo tanto, a función utópica é “a única función que pode ser transcendente sen ser transcendental”.

“A luz máis favorable a esa progresión emana da consciencia de Fronte; a función utópica en tanto que actividade abranguida polo afecto de espera, da intuición propia da esperanza, está aliada con todo o que hai de auroral no mundo. […] a súa razón [a da función utópica], sempre válida, é a dun optimismo militante. En conclusión: o contido da esperanza en tanto que acto […] é a función utópica positiva.” (179, vol. 1)

No marxismo, coma na economía cristiá, na que o valor dos feitos está en función de como inflúen na Salvación, todo ten un valor en función desa finalidade. Neste caso, a función do Principio Esperanza é unha función utópica positiva, no senso en que a esperanza dirixe o movemento cara a un lugar inexistente, cara ao utópico ou, en termos poéticos (de poiese, creación), cara ao novo.

Segundo Bloch, despois de Marx, o porvir xa non pode estar pechado á intervención do Novum, que xa non pode aparecer como un material estraño.

Que nos íntimida?

Na presentación de cuarta de cuberta de Intimidación, xorde esa mesma obsesión por unha salvación sempre adiada:

“Que ameaza o futuro, cada intre do futuro? A intimidación converteuse no espírito do século. Sabémolo! Para defendérmonos non temos respostas. Tan só poesía.”

Velaí a poesía como Principio Esperanza, como non saber (sen formas a priori), como único sitio onde a esperanza pode ser parteira dese Novum salvador. A función soteriolóxica da poesía moderna, xa presente en Un Coup de dés. O Libro, o Poema como relixión.

Mais, para que o Poema se sitúe nese lugar medular, antes cómpre evacuar del a quen o ocupa: o poeta moderno. Por iso tamén na cuarta de cuberta está escrito: “Maiakovski oponse ao poeta como epítome do individual. Non hai egos que reclamen a súa escrita, senón un fluír de voces que desemboca noutras voces, formando un magma creativo que abrolla reciprocamente.” [Itálicas engadidas.]

A reciprocidade refírese á lectura como acto cocreador, ese aspecto performativo no que Carlos Lema ve o contrario da poesía como tal, como literalidade. “O xeito de Freud”, o poema, non o resto do libro, é unha crítica á idea de Voz, ou da Voz como maneira de acceder ao senso. A Voz é sempre unha: do Suxeito, do Colectivo, do Poema ou do Pobo.

Falso movemento na literatura

Toda a literatura moderna está concibida arredor do suxeito e da cuestión da súa autorrepresentación verosímil. Velaí os eixos que artellan os xéneros literarios centrados na realidade concibida cartesianamente como unha excrecencia do suxeito. A obra é de quen a escribe, que é quen a asina.

Nese punto, o ethos do Colectivo Maiakoski vencella o novo á evacuación da autoría. Como se postula no libro A monstruosidade moderna, na tardomodernidade Cidadanía e Arte son a mesma cousa: na Idade Moderna, a arte é para todos. Inda máis, a legalidade artística goberna a representación nova do suxeito que se produce e se consome a si mesmo, fenómeno ao que Lema denomina a consunción.

Quen escribe literatura —e a poesía é literatura, son letras que representan sons con significado— necesita actualizar constantemente a forma do xénero que cultiva debido á concepción temporal que rexe a sociedade moderna, na que a novidade —o Novum— é central porque implica a noción de progreso; esa mesma viaxe a Citerea, ou ese soño in spe do que escribe Bloch no segundo volume da súa obra. De aí xorde a continua busca de paradigmas novos, a necesidade de presentar algo que non cambia coma se estivese nun cambio constante.

Obra sen esperanza

Unha obra artística, calquera obra, como obxecto e en tanto que existe no campo de senso da arte, carece de identidade e de intencionalidade. É a súa situación no campo de senso da arte o que a determina, non unha vontade nin unha decisión. Por iso as obras de arte carecen de moral e de responsabilidade; as cuestións morais e a resposabilidade soamente atinguen a quen escribe e a quen le. Á obra non.

Diante deste poemario, preguntámonos se é máis auténtica unha autoría colectiva ca unha autoría individual. En todo caso, preguntámonos se é posible manter o Principio Esperanza se se prescinde da intencionalidade e da identidade, colectiva ou non. A esperanza, por outra banda, é unha idea que só afecta ao suxeito; as cousas carecen da necesidade de ter esperanza aínda que se individúen. Un poemario xorde dun proceso de individuación respecto dunha Obra mais non ten a esperanza de que alguén o lea ou de que o identifique como tal.

Esperanza e fondura: o maternal e a Heimat

No seu libro, Bloch fai unha análise moi intelixente da noción de perspectiva na arte e do seu correlato, a fondura. Na arte medieval, a fondura viña dada pola súa función de representar a Deus; na arte posterior, a fondura é un efecto causado pola perspectiva. É dicir, no medievo a arte facía presente a imaxe de Deus mentres que no Renacemento é a perspectiva a que introduce na pintura o suxeito que contempla. A fondura é a capacidade que ten o suxeito para ver, non a aparición do non visible.

De aí que a posición de Bloch sexa nidiamente correlacionista, para el o mundo é resultado da acción da mente humana. A correlación mundo-pensamento é a que determina toda existencia, por iso defende a progresión dialéctica da historia como algo inherente a esa correlación. A historia guía o porvir cara á salvación que a esperanza amosa; sempre co suxeito como centro consciente ou inconsciente pois é a función utópica do Principio Esperanza a que actualiza na historia ese porvir incluso cando está en estado latente.

“A douta Spes, a esperanza esclarecida revela así o concepto dun principio no mundo, concepto que endexamais o vai abandonar.” (14, vol. 1)

A esperanza, como para o Colectivo Maiakovski a poesía, conduce segundo Bloch o Novum (a poiese) pola “estrada estratéxica” cara á “única cousa necesaria e sen cesar esperada”.

Fondura. Esperanza. Economía. Salvación.

Por iso para Bloch o “tema fundamental” da filosofía é o Fogar (die Heimat) aínda non acadado, “o lugar da identidade consigo mesmo e coas cousas”. A centralidade do suxeito está ben clara e a conseguinte perspectiva utópica xustifícase mediante a “dialéctica-materialista” do Novo e do Antigo.

A critica poética feita no “Xeito de Freud” por Carlos Lema é precisamente a desa concepción na que incluso a aquilo que está reprimido nas sombras do subconsciente sempre lle espera a acción utópica do novo, da creación. A relación determinista entre Novum, esperanza e psicanálise sitúa a razón do mundo sempre fóra del, nunha utópica e necesaria salvación. Cómpre salvarse do mundo ou, o que vén ser o mesmo, buscar o senso nunha transcendencia. Esta posición antimaterialista, a da poesía como utopía, é o que Lema denominaría posteriormente a monstruosidade moderna.

“Unha raiola de esperanza”, por Charles Gilhousen

De por parte, a representación moderna da Esperanza ten dúas versións plásticas que reproducimos neste artigo. A de George Frederic Watts, na que unha figura de muller, sentada no orbe, ten os ollos vendados e colle unha lira coas cordas rotas. Neste cadro, o pintor inglés relaciona directamente a poesía coa esperanza, malia que se trata dunha poesía esgazada, é dicir, nin máis nin menos ca a poesía moderna condenada pola eiva da linguaxe, neste caso unha lira rota.

A segunda versión é a do fotógafo Charles Gilhousen titulada “Unha raiola de esperanza”, na que tamén unha figura de muller, desta volta espida e coa ollada dirixida cara a unha luz que procede do exterior, semella ir acoller a esperanza no colo, coma quen colle unha crianza. O vencello da esperanza coa maternidade e, polo tanto coa creación, coa poiese, tamén queda establecido nesta imaxe na que o maternal se une ao transcendente. A arte moderna, como xa apuntamos, é parteira dun suxeito que se produce e se consome. Que se reproduce ao se representar.

Bibliografía

Bloch, Ernst, Le Principe Espérance, tomos I, II e III, traducido do alemán por Françoise Wuilmart, París: Éditions Gallimard, 1976.

Colectivo Maiakovski, Intimidación, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021.

Lema, Carlos, O xeito de Freud, Culleredo, A Coruña: Espiral Maior, 2008.

“Enxeñería do mundo, artesanía da mente”, unha conversa entre Fabio Gironi e Reza Negarestani

Número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número duplo 27-28 de Anotacións publícase unha conversa entre os filósofos Fabio Gironi e Reza Negarestani. Centrada na obra deste último pensador iraniano, que reside dede hai anos no Reino Unido,  “Enxeñería do mundo, artesanía da mente” é unha extensa entrevista traducida para o galego por Santiago López.

Na conversa, Fabio Gironi percorre os eixos biográfico e bibliográfico de Negarestani, comezando pola súa formación e a súa vida no Irán, continuando coa marcha ao Reino Unido deste pioneiro do xénero da teoría-ficción e impulsor da corrente de pensamento do inhumanismo racional.

Negarestani afirma que o inhumanismo define o humano sen necesidade de recorrer a unha esencia, unicamente en termos da súa capacidade para entrar no espazo das razóns —cognicións teóricas e prácticas—. Na súa obra, o filósofo iraniano explora a posibilidade de que o razoamento se poida desvencellar das limitacións biolóxicas e se poida reinventar en formas diferentes fornecidas polos sistemas de procesamento da información e polos procesos computacionais descubertos.

Gironi comeza a entrevista cun repaso á traxectoria de Negarestani antes e despois da publicación da obra que o daría a coñecer en 2008, a Cyclonopedia, unha novela de ficción-teorética que sería seleccionada pola revista Artforum de arte contemporánea como un dos mellores libros do ano.

En Anotacións nº 27-28, con gran capacidade, Gironi analiza, ao fío da conversa, o pensamento do autor da Cyclonopedia sobre a educación, a política e as correntes de pensamento actuais ata chegar ao seu libro Intelligence and Spirit, unha amálgama sen precedentes dos programas da Intelixencia Artificial Xeral co idealismo alemán.

Durante a entrevista, Negarestani explica deste xeito a súa postura política:

“Abofé que creo na loita de clases que postula a esquerda mais iso non é en realidade unha postura política senón unicamente unha toma de consciencia da realidade socioeconómica. Creo firmemente na tese de Marx e Engels que di que o comunismo ‘non é un estado de cousas que debe de ser alcanzado nin un ideal ao que a realidade ten que axustarse. O comunismo é o movemento verdadeiro para abolir o estado de cousas actual. Os requisitos dese movemento proveñen de premisas xa existentes.’ Iso é o que eu chamaría —de novo seguindo a Mark Fisher— a posibilidade de actualizar aquilo que é posible mais que dende a nosa perspectiva, aquí e agora, semella imposible.”

Matizando esta afirmación do xeito seguinte:

“Mais, outra volta, iso non se pode considerar unha postura política manifesta. Trátase meramente dunha tese filosófica sobre a posibilidade dun mundo diferente e da variedade de accións políticas coas que podemos actualizalo.”

A lectura desta entrevista convértese non soamente nun recoñecemento admirativo da capacidade de Negarestani para reinterpretar a realidade senón tamén nun sorprendente percorrido polo pensamento e a súa relación coa escritura:

“ser un grande escritor non é por si mesmo un sinal de aguda perspectiva ou de profundidade. Ben puidese ser un indicio de alguén que quere pensar mais está afectado por incesantes tics poéticos que son puramente automáticos e non-cognitivos. En contraposición […] [outros] autores pódenlle parecer aburridos ao lector, incluso intolerablemente pedantes. Mais, unha vez que neutralizas os teus prexuízos adquiridos, podes ver que son moito máis fascinantes, subversivos e rebeldes ca aqueles que se gaban de igualitarismo filosófico e de grandes miras de pensamento, sempre coa escusa de estaren batallando contra a ortodoxia, compracidos co seu conformismo, conservadorismo e galbana intelectual.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente a conversa entre Fabio Gironi e Reza Negarestani en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“Enxeñería do mundo, artesanía da mente”

Cuberta+lombo

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave