Boas tardes a todas e todos. Quixera dar a benvida en nome da Fundación Euseino? a este encontro con Din Matamoro e María Infantes arredor do seu libro Mondas.
Agracecer de antemán a Juan Gallego, polo excelente traballo de deseño gráfico e maquetación do libro. Polo entusiasmo, paixón e coidado posto en cada páxina. Ao director do MARCO, Miguel Fernández Cid, por cedernos o local para realizar este acto, e a Marta Viana, pola súa axuda. A Librouro e a Amparo, por estar hoxe aquí e axudarnos á difusión deste e doutros libros da Fundación.
Mondas é un álbum ilustrado que está publicado na serie Onocrótalo. Esta serie, dedicada a álbums ilustrados está dirixida a todas as idades, incluídos os primeiros lectores. A súa finalidade é achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. Onocrótalo sérvese da sorpresa e a admiración perante a arte para provocar a reflexión e estimular o pensamento. Son libros elaborados por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos. Libros para gardar… no papo.
Permitídeme que vós presente a Din e a María.
Din Matamoro é membro da Academia de Belas Artes de Galicia desde o ano 2015. Buscador de novos sensos da creación artística, ten obra en destacadas coleccións e museos coma a colección Banco de España, a colección de arte da Deputación de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a colección na Deputación da Coruña e a colección Abanca.
Estudou na Facultade de Belas Artes de Madrid, onde recibiu as bolsas Fullbright (Nova York, 1988-1989) e da Academia Española de Historia, Arqueoloxía e Belas Artes (Roma, 1991-1992).
María Infantes é licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid. Mergullada no mundo da cultura desde hai trinta anos, comeza con Mondas a súa andaina na escritura mentres traballa na que será a súa primeira novela.
Os debuxos naturais do pintor Din Matamoro son o motivo de Mondas. Compostos con restos de alimentos —tona de froita, cascas de legumes, peles de cebola—, dese refugallo sen valor artístico aparente xorde inadvertidamente, coa axuda de quen os contempla, a forma de algo recoñecible, engaiolador e real.
A esas figuras familiares, coas que a imaxinación pode xogar dunha maneira creativa e dinámica, María Infantes engádelles un conto rimado no que a asociación de ideas e a sonoridade das verbas fai espertar situacións inesperadas.
♦
Gustaríame contar como Din Matamoro e María Infantes, ou María Infantes e Din Matamoro, chegaron a Euseino?
O punto e o obxecto máis pequeno no espazo. O punto de inicio desta historia ten nome, chámase Lola, unha nena abofé ben pequena que ía ao Colexio García Barbón, onde eu dou clase. Os seus pais, Din e María, acompañábana a diario a ela e as súas irmás. Os nove anos que Lola estivo no García Barbón deron lugar a moitos encontros e charlas informais onde se mesturaban a pintura, as cores, a arte, a música e, como non,… a vida, o cotiá.
Despois de publicarse Lica, o primeiro título da serie Onocrótalo, un segundo álbum ilustrado daba voltas na miña cabeza, esta vez non como autora e si como editora. Estaba segura de que quería que Din formase parte do proxecto.
Nun encontro fortuíto nesta mesma rúa [rúa do Príncipe, onde se encontra o MARCO, en Vigo], iniciamos a conversa sobre o libro. Eu coñecía a súa curtametraxe na que as bolsas de plástico se converten en coellos e tamén as fotos realizadas con restos de alimentos. Ocorréusenos que podía facer un libro a partir dese material.
Tiñamos a parte gráfica pero había que buscar unha historia que lle dese un fío conductor. Foi unha sorte que María vivise na mesma casa que Din. Rapidamente transformou as fotografías nunha historia imaxinativa, con ritmo e sentido de humor, na que os personaxes escapan da bolsa do lixo e exploran o chan da cociña. O que queda do que noutrora foi gorentoso e sabedor ten agora unha vida nova grazas á arte das formas e á forza lúdica das palabras.
♦
Quixera pechar cun último apuntamento. Cando escoitamos a palabra “monda”, imaxinamos a cuberta máis ou menos grosa dalgúns froitos. Este libro non trata diso, este libro trata da semántica das mondas, da descuberta de imaxes, do poder e da maxia do simple.
O washi, papel xaponés, ou papel do Xapón, é un fino papel feito a man coa folla da moreira, bambú, cánabo e flores. Semella ser, na súa gramaxe máis fina, as ás dun insecto… Nunca imaxinei que a pel amalfí do allo, nado da terra, daría lugar a unhas fermosas e sutís ás de mosca. Por certo, se non o credes só tedes que abrir o libro.
Para rematar, quero agradecerlles a Din e a María que me confiasen a edición deste libro.
Grazas de novo pola vosa presenza e boa acollida.