Qualia

En procura da alma con Daniel Dennett

O pasado 19 de abril, finou o filósofo norteamericano Daniel Dennett, que coa súa obra contibuíu sobranceiramente ás ciencias cognitivas, de xeito singular criticando o dualismo cartesiano tan asumido polo psiquismo occidental. As súas investigacións, incuída a súa tese Content and Consciousness, de 1969, e as súas achegas á construción do robot Cog no Massachusetts Institute of Technology (MIT), exploran as implicacións naturalistas da consciencia. O seu naturalismo filosófico, contrario ao pesimismo epistemolóxico, integra as ciencias naturais na explicación da mente consciente e oponse á idea dun punto de vista privilexiado en filosofía. Entre as súas obras, sinalamos Brainstorms: Philosophical Essays on Mind and Psychology (1978) e Consciousness Explained (1991).

Dennett adoptou unha achega instrumentalista da filosofía do espírito, na que a veracidade dunha teoría depende do seu suceso preditivo. Ademais, o filósofo criticaba o modelo do “teatro cartesiano” do espiríto, que presupón un centro unificado de consciencia no cerebro, para propoñer no seu lugar o modelo das “versións múltiples” no que os procesos mentais están distribuídos e son paralelos, sen a necesidade dun punto central de tratamento. Unha concepción que pon en cuestión a idea dun “eu” unificado e subliña a ilusión retrospectiva na atribución dunha consciencia única aos actos mentais.

No artigo que publicamos a seguir, intentamos establecer un diálogo, partindo da súa obra para realizar unha reflexión diverxente ao tempo que admirativa.

Fucus nodosus (1843-1853), cianotipo de Anna Atkins.

A alma é movemento, non acción. A función emotiva marca a necesidade da alma como representación (Ta pathemata en te psykhé, “as impresións na alma”). En tanto que representación, determina ese movemento como identidade a partir da cal o dinamismo representativo vira acción. A acción xa é resultado da intervención da vontade, logo do libre albedrío do suxeito. E de aí xorde a correlación mundo-pensamento.

Como apunta Wilfrid Sellars, as intelixibilidades teñen que ver cunha acción intencional. Para Platón, por exemplo, isto último é o primodial. As intelixibilidades da xeometría converteríanse en pó e cinzas se non houbese cousas coma as intelixibilidades da vida.

Daquela o movemento é o elemento constitutivo da representación, razón pola que, por exemplo, a lingua literaria se caracteriza polo predominio da función poética, unha función centrada na emisión. A poesía épica, centrada na terceira persoa, mormente pon en xogo a función referencial mentres que a a poesía lírica, orientada á primeira persoa, está intimamente vencellada á función emotiva.

O emotivo refírese ao movemento orixinado por unha representación mediada, alude a unha emisión na que o obxecto intencional exerce a función xerárquica pois peneira as sensacións segundo as formas a priori da sensibilidade (as afeccións). O obxecto intencional outorga senso aos movementos que atinguen o suxeito quer por proximidade quer por afastamento, regulando e clasificando as relacións entre as cousas.

O mesmo tamén é verdade para a alma… con esta diferenza, como matiza Sellars: o físico convértese, considerado en abstracto respecto de toda capacidade para dar forma e de toda habelencia ou artesanía, no carácter heraclíteo (ethos ánthropos daímon). É un movemento incesante cara ao ser (para chegar a) e cara a deixar de ser (para deixar de chegar a). As almas, aínda por facer, teñen unha identidade xenuína precisamente por ese cambio. Abofé que son imperecedoiras no senso contundente de que non teñen principio nin final. E o Mundo da Alma é de seu un movemento parecido á eternidade.

Sensacións puras e sensacións elaboradas

O filósofo Daniel Dennett defendía que non ten por que haber unha fronteira fixa entre as explicacións da terceira persoa e a experiencia da primeira persoa… entre, coma quen di, a descrición da molécula do azucre e o seu sabor doce.

En filosofía, qualia (en singular, quale) defínense como as instancias individuais do subxectivo, da experiencia consciente. O termo qualia procede da forma do plural neutro do adxectivo qualis, que significa “desa clase” ou “dese tipo”, por poñer un exemplo concreto: “o que sabe especificamente coma unha laranxa, coma esta laranxa en particular”. Exemplos de qualia inclúen a sensación percibida coma dor no caso dunha dor de cabeza, o sabor do viño ou o roibén do ceo ao empardecer. Como características cualitativas da sensación, qualia contrastan coas afirmacións proposicionais máis focalizadas nas crenzas sobre a experiencia ca no experienciado directamente.

Dennett suxeriu, criticándoo, que qualia era “un termo pouco familiar para algo que pode ser moi familiar para todo o mundo: as maneiras en que as cousas nos parecen que son a cada un de nós”. E identifica catro propiedades que comunmente se lle atribúen a qualia. De acordo con elas, qualia é:

1) inefable; isto é, non se poden comunicar, ou apreixar por medio ningún que non sexa o da experiencia directa.

2) intrínseco; é dicir, non teñen propiedades relacionais, o que tampouco non cambia segundo a experiencia da relación coas outras cousas.

3) particular; ou sexa, todas as comparacións persoais de qualia son sistematicamente imposibles.

4) directa ou inmediatamente aprehensible de xeito consciente; é dicir, experimentar un quale é saber que se ten unha experiencia dun quale e sabelo é saber sobre ese quale.

Se existen qualia dese tipo, argumenta Dennett, daquela unha persoa cunha vista normal que vexa a cor vermella sería incapaz de describir a experiencia desa percepción mentres que un oínte que endexamais experimentase o que é a cor si ha ser quen de saber todo o que cómpre saber verbo da antedita experiencia. Aínda que é posible facer unha analoxía, tal como “o vermello parece cálido”, ou achegar unha descrición das condicións nas que esa experiencia acontece, do xeito “é a cor que ves cando a luz cunha lonxitude de onda de 700 N m se enfoca cara a ti”, quen defende esa concepción de qualia enfróntase a un tipo de descrición que é incapaz de fornecer unha completa descrición da experiencia.

Outra maneira de definir qualia é como sensacións puras ou “crúas”. Unha sensación pura é unha percepción en e por si mesma, considerada absolutamente illada de calquera efecto que poida exercer sobre o comportamento e sobre o modo de ser condutual. Pola contra, unha sensación elaborada, ou “preparada”, é aquela percepción considerada existente no que atingue aos seus efectos. Por exemplo, a percepción do sabor do viño é algo inefable, unha sensación pura, mentres que a experiencia da calidez ou da acidez causada por ese sabor do viño sería unha sensación elaborada. As sensacións preparadas non son qualia.

Unha estética da continxencia

A metáfora das formas na area da praia podería valer para indicar a posibilidade dunha estética como filosofía da percepción, ou mesmo como unha ontoloxía da continxencia. A posibilidade de que a filosofía se volvese asentar na percepción en troques de manterse na sensación; é dicir, que o eu conseguise manterse no plano da función poética, da emisión, isto é, sen que caese baixo un concepto.

Ambas as dúas, percepción e sensación, forman parte do mundo do que temos experiencia mais son dous tipos de representacións diferentes pois a súa continxencia procede no caso da primeira de qualia e, no caso da segunda, da razón. Proceso xenuíno, isto é, un proceso perceptivo, ou estético, no que a aísthesis (sensación), despois de ser tratada en relación co campo de senso da óptica, se despraza ao campo de senso da materia e da súa combinación produtiva, para acabar o proceso estético no campo de senso das artes plásticas. Tendo en conta que a noción de campo de senso é, segundo Markus Gabriel, o acceso ao significado mediante o acceso a un ámbito obxectual potencialmente independente da linguaxe e xeralmente independente da representación. É dicir, o acceso ao senso é independente de calquera elaboración consciente, de calquera representación. Qualia ten senso, logo existe.

Trátase en consecuencia do proceso polo que a materia pura se volve funcional. O motivo radica en que o estadio intencional (qualia) procede da materia, non da mente consciente nin da correlación mundo-pensamento, pois o que fai o suxeito é outorgarlle intención ao representala, ao “preparar” posteriormente a materia para cociñala como representación.

De aí que Sellars atine ao afirmar que o “mundo do corpo” é a materia pura definitiva. Precisamente porque non está elaborada, chega a existir espontaneamente, sen un deseño previo xa que mentres non hai corpo tampouco pode haber mente consciente, aínda que sexa a materia na que logo se orixina o deseño, na que logo se elabora a representación. Non hai, daquela, modelos, aínda que si existen Formas, as formas dos poderes elementais da materia crúa, das potencias.

En toda a súa obra, Dennett teimou en explicar o xeito en que un mundo que carece de alma pode dar pé a que a alma xurda del. Fíxoo poñendo toda a súa atención na formación e na función da mente humana. Nun dos seus últimos libros, From Bacteria to Bach and Back (2017), escribe:

Trátase da cuestión da elaboración da representación a partir de Ta pathemata en te psykhé, das impresións na alma. Un problema que presupón que a mente consciente é coma un interruptor da luz. Dennett afirma que existen máis de tres dimensións e que podemos empregar as matemáticas para demostralo; aínda que haxa que esforzarse para imaxinalo mentalmente, iso non significa que non sexa real. Do mesmo xeito que pensaba que a totalidade do material que forma a alma resulta tamén igualmente difícil de imaxinar.

“Tempo cristalizado, memoria condensada”, por Óscar Pazos

Representación epistemolóxica e materia caótica

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos, coma nos artigos anteriormente publicados Tempo inerte e O tempo e a forma no antropoceno, propón agora unha reflexión sobre como o tempo se incorpora á materia creando un rexistro concreto de sucesos. Non hai materia xeolóxica sen memoria, non hai proceso sen rexistro, e non é posible que o rexistro non se altere.

Mais o tempo queda incorporado das formas máis sutís, mesmo chegando á total condensación da materia na pura forma, coma unha memoria topolóxica. O tempo condesado nas simetrías dos cristais, nas superficies das rochas e nos límites das series e secuencias é un tipo de “memoria” da que collemos a información que nos permite reconstruír un “pasado” xeolóxico. Neste artigo, trátase unha realidade experimental nova, inaudita e apenas comprensible para a maioría de nós: os cristais de tempo. Tentando imaxinar eses cristais de tempo dende a experiencia xeolóxica, o autor bota man do coñecido paradoxo do devir heraclíteo, o da metáfora dun río que nunca é o mesmo río.

Materia caótica dun carballo representada polo tipo de corte ou sección efectuado tecnicamente.

Cristais de tempo

En 2012, o Premio Nobel Frank Wilczek teorizou sobre a existencia de cristais de tempo nos que as simetrías se materializarían na dimensión temporal en troques de facelo no espazo coma os cristais ordinarios que coñecemos. As súas teorías axiña se aprobaron e hoxe eses cristais temporais son realidades experimentais, aínda que fuxidías, apenas faíscas cuánticas criadas nos aceleradores de partículas. Polo de agora, non sabemos de nada diso na realidade, se é que alguén está nesa procura. Sexa como for, o salientable destes cristais de tempo é que, de feito, o tempo non pasa por eles ao ficar pechado na propia simetría coma nun xogo de espellos.

En aparencia, os cristais de tempo poñen do revés o ser-non-ser heraclíteo, compórtanse coma un río en movemento que segue sendo sempre o mesmo río aínda que o temporal non se chega a concretar, non se rexistra, simplemente é. Se puidesemos cruzar un río de tempo, fariámolo sempre no mesmo momento mais, se callar, non da mesma forma. É obvio, os cristais do tempo teñen marabillados os físicos e tamén os teñen preocupados na súa busca de os facer cadrar co segundo principio da termodináica, cousa que non está resolta. Abofé, a sensacional descuberta desafía o ser-non-ser heraclíteo tanto coma a nosa experiencia cotiá, secasí nun sentido distinto.

Contradicir a Heráclito resúltanos unha experiencia trivial amais de necesaria para acadar a continuidade e non sucumbir nun caos cognitivo. O río que cruzamos a diario é sempre o mesmo río, e así ten que ser para saber percorrer o camiño de volta. O seu circunstancial carácter non muda a repetida experiencia de cruzármolo cada día, leve máis ou menos auga, veña cunha enchente ou mansío. Ímolo facer de distinta forma mais sempre cruzamos o mesmo río. O sofisma heraclíteo pon en cuestión esa nosa experiencia cotiá do mundo, que semella máis o que sería un perfecto “cristal de espazo” polo que non pasaría o tempo, sendo sempre perfectamente igual a si mesmo.

Aprender xeoloxía é un xeito coma outro calquera de enfrontar o caos cognitivo para crear unha orde intelixible, secasí a relevancia dos límites na orde xeolóxica é moito máis ca unha necesidade, é unha evidencia sensitiva, visual, mesmo corporal, táctil. Ocórreseme que a música ofrece unha experiencia corporal, nese caso sonora, igualmente sensitiva dos límites metida nos ritmos, acordes, escalas tónicas, etc., mais a música ten lugar esencialmente no tempo e a súa dimensión espacial é problemática. Pola contra, a miúdo os límites xeolóxicos pódense ver, atravesar e apalpar, e as súa xeometría son os dentes de chave que nos abren a dimensión temporal. Velaí que descifrar a orde xeolóxica é, no inicio, unha aprendizaxe dos límites espaciais que envolven os tempos. E aquí a ontoxénese da aprendizaxe persoal reproduce a filoxenia da epistemoloxía da ciencia.

No revoltallo de rochas informes, apenas diferenciables unhas doutras, adoito esmagadas e remexidas, os límites son o abecedario da aprendizaxe xeolóxica. O recoñecemento dos minerais comeza tamén coas caras ben definidas dos cristais máis regulares: a forma xeométrica como manifestación da substancia mais tamén do tempo, por exemplo, nas pátinas, brillantes ou máis deslucidas que notamos nesas superficies. A orde secuencial das camadas sedimentarias definidas por límites ben paralelos e ordenados conforme a un sentido temporal —o máis vello, abaixo, o máis novo enriba— non só é o fundamento da xeoloxía básica que hoxe se aprende na escola, foi tamén a primeira guía xeolóxica dunha ciencia en formación e que, de feito, naquela altura non semellaba poder facer outra cousa que ordenar no tempo a secuencia de sucesos máis ou menos sorprendentes. Mais, unha vez aprendida a orde sedimentaria ideal, a aprendizaxe pasa ás dobras, cortes e crebas, a recoñecer as fallas e as deformacións xeolóxicas e os seus signos, atendendo entón ás puras xeometrías e formas dos obxectos xeolóxicos para resolver a deconvolución do revoltallo de xeometrías pregadas e escachadas outra vez ao estado ideal de camadas sedimentarias superpostas, as novas enriba das vellas.

E así foi como nun ambiente epistémico de aceleración e novidades, o xeito en que James Hutton definiu en 1787 a disconformidade angular que leva seu nome, entre o Silúrico e o Devónico e Carbonífero de Escocia, converteuse nun fito fundacional da ciencia xeolóxica. E aínda hoxe, a resolución dos “cortes xeolóxicos” é unha esixencia curricular case que litúrxica para os estudantes galegos do bacharelato de Ciencias; de feito, por formar parte estes problemas das oposicións do propio profesorado. A episteme actual tende a reproducir a filoxenia da propia ciencia.

Secasí, a definición dos límites xeolóxicos non é un simple constructo epistémico: moito do traballo e da investigación xeolóxica aplicada concrétase na súa pescuda e cartografía. Na investigación xeomineira, por exemplo, todos os esforzos van dirixidos a definir os límites do xacemento e o obxectivo principal da xeoloxía económica é concretar os límites entre recursos probados, posibles e potenciais. Certo que na dificultade temos tamén a evidencia destes limites non seren xa triviais, polo contrario, ben sutís e esquivos.

Procesos formativos e destrutivos

Así e todo, volvendo ao caso simple dos cortes xeolóxicos, a súa deconvolución tampouco ten propósito restaurativo, ou apenas, pois o interese non é tanto recuperar a situación inicial como reconstruír o propio proceso de deformacións que creou o revoltallo. E velaí que, en último termo, o obxecto da xeoloxía non son os sedimentos, non son as rochas vellas, non son os minerais, nin sequera restaurar o pasado, son os procesos que forman as rochas e as transforman, son os procesos formativos e destrutivos do planeta. De non ser así, a xeoloxía non había ser máis ca un simple colecionismo de rarezas e curiosidades naturais, unha busca de tesouros, ou unha simple crónica de sucesos. Ao pasarmos dos obxectos e os sucesos para estudar os procesos é cando entramos, xa de verdade, na xeoloxía.

O sofisma de Heráclito tivo o valor de se formular no intre en que os filósofos gregos pretendían obxectivar o coñecemento. Heráclito facía crítica do idealismo filosófico xusto na súa alborada. Mais, de certo, a súa ontoloxía do ser-río como devir, percurso ou discurso, cadra ben co que son os procesos xeolóxicos que atravesan o espazo e o tempo. Tampouco para a xeoloxía hai un río ideal, unha entidade metafísica ou unha lei matemática necesaria. A xeoloxía non é platónica. A xeoloxía é unha ciencia sen leis nin fórmulas, polo que tampouco ten excepcións, apenas anomalias. Na xeoloxía impera a casuística. Dese xeito, nin hai un río que sexa modelo de todos os ríos nin un rio pode ser modelo de seu. O Miño non é o mesmo río hoxe que hai dez millóns de anos mais tampouco no seu nacemento no Pedregal de Irimia e na súa foz na Guarda ten o Miño moito que ver consigo mesmo. E non quere dicir isto que na xeoloxía impere o relativismo, que moitas veces se confunde co feito de non haber leis fortes: pecisamente, os procesos xeolóxicos non son arbitrarios porque están vencellados a circunstancias e contextos materiais concretos.

E velaí a cuestión. Que un río fique a ser o mesmo río despois de que pase un instante ou dez millóns de anos, malia ser evidentemente outro río, ten que ver coa súa memoria xeolóxica. Un río é o mesmo río que foi en tanto discorre pola sua propia memoria xeolóxica, escrita nas fendas que o abrollaron, labrada nas rochas que erosionou, impresa nos vales que el escavou e acumulada nos sedimentos que amoreou.

Memoria é toda aquela información do pasado incorporada na materia e a partir da cal podemos reconstruír un pasado xeolóxico, facer unha historia xeolóxica. É dicir, toda a forma da materialidade que permite saber do río é memoria xeolóxica do río.

O río encana na súa propia memoria. Toda a xeoloxía do río fala da súa representación, resumida —condensada— nunha paisaxe. A paisaxe do río vai dende as montañas ata o mar, cubrindo toda a bacía fluvial, os vales (non só os leitos) mesmo meténdose baixo terra… Todo iso é a memoria do río, ao que se lle podería chamar ser-do-río en contraposición ao que sería o fluír-do-río. Por tanto, o río na mirada xeolóxica vai alén do río-proceso, do río-fluir, río-devir heraclíteo. A continuidade que non hai neste río-proceso, na auga do río sempre a mudar nin nas pedras que rolan, está na memoria xeolóxica do río: o leito, a bacía, as erosións e sedimentos que acumula… Todo iso forma un continuo co que as representacións humanas dan coherencia ao río no tempo e no espazo. Só desde o punto de vista humano, o ser do río non é a materia instantánea, é a sua memoria xeolóxica.

De aí que o paradoxal cristal de tempo nos debruce nunha contraintuitiva descorrelación entre espazo e tempo, pois se estamos afeitos á ficción dunha paisaxe fixa nun tempo que pasa, nese estraño universo a experiencia sería a de transitarmos o espazo sen pasarmos o tempo. A cuestión que xorde na miña perspectiva xeolóxica, claro, é que clase de memoria deixaría ese devir puramente espacial. Podémolo imaxinar? Podemos, por acaso, ter unha perspectiva da paisaxe deixada por un río remontando o seu propio tempo? Acho que sería unha experiencia onírica, como atravesar unha paisaxe sen mudar a nosa posición relativa, ou revivir unha experiencia sen ter memoria dela, o famoso déjà vu. E este é o tipo de memoria que eu esperaría atopar nas rochas dunha “terra de tempo”, unha memoria onírica, dubitativa, fuxidía, irrepetible e, ao cabo, non moi diferente da nosa memoria humana.

“O filósofo e o literato (2)”, por William e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal da rúa Court con vista do edificio Ames e do Hotel Young, en Boston, ca. 1905.

Continuamos a publicación da selección de cartas entre os irmáns William e Henry James. Despois da primeira entrega (“O filósofo e o literato, 1”) formada por catro misivas do filósofo ao escritor, nesta segunda entrega publicamos outras catro cartas de William nas que opina crítica e abundantemente sobre a concepción e a práctica literaria de Henry, á que contrapón abertamente o seu xeito de escribir filosofía. Curiosamente, a última das cartas endexamais recibiu resposta, aínda que Henry James escribiu o 31 de maio de 1907 o seguinte: “Deberías recibir, despois dun pouquiño de paciencia, unha réplica ás túas ricaces e iluminadoras reflexións sobre o meu libro —unha réplica case tan interesante e bastante máis iluminadora ca a túa propia carta”.

Esta escolma da correspondencia ha rematar proximamente con tres cartas do autor dos Papeis de Aspern. A tradución fíxose a partir da edición The Letters of William James (The Atlantic Monthly Press, 1920). O emprego de puntos suspensivos sinala pasaxes que xa non aparecían recollidas na edición orixinal inglesa.


Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

De William a Henry James

En Chocorua, a 11 de xuño de 1896

A longa carta da túa semana de Pentecostés en Londres chegou onte pola tarde e encargueime de lérllela a Alice e Harry mentres nos dispuñamos a tomar o té sentados no banco da fiestra con tal de aproveitar os últimos raios de sol do domingo. Teimas en ver a correspondencia connosco —e imaxino que con todo o mundo— coma se fose unha obriga. Paréceme que ultimamente —e sempre— vés cumprindo de marabilla e que, por moito que as túas cartas sexan a fête rachada dos nosos días, non me tes “no pensamento” decotío. Ese permanente sentimento teu de non ser quen de cumprir coas túas obrigas éche común na familia pero non deixa de ser malsán. Os horrores de non vivir en América —como moi ben denominas— non son algo que compartamos aqueles que si vivimos aquí. O telégrafo limítase a comunicar acontecementos impactantes; os “fogares felices”, os maridos e pais exemplares, o bo tempo, os homes de negocios honrados, as casas do trinque, as reunións de compromiso que teñen lugar á súa hora e outras tantas cousas que son as que compoñen en esencia o país non aparecen nunca nas comunicacións que se mandan. Obviamente, a desfeita de St. Louis foi arrepiante pero é moi probable que acabe “mellorando” a cidade. O verdadeiro mal aquí é esa parvada de onda que se meteu na cabeza dos que mandan —ese disparate sobre proteccionismo, a prata, o jingoísmo e tal—. É un caso de “mentalidade de colmea”. Calquera país é susceptible de sufrila se as circunstancias se alían na súa contra, e abofé que as do noso o fixeron. E éche moi complicado saír deste carreiro, poida que faga falta outra crise financeira para conseguilo —un método, nin dicir ten, ben caro—. Non sería menos toleada —aínda que considerablemente menos condenable— que a rusofobia de Inglaterra, que parece estar detrás das matanzas en Armenia. E ese é para min o maior crime que se lle pode imputar á nosa “gloriosa civilización”: a complicidade de Inglaterra —xa non digo das outras forzas— é imprescindible para que os turcos sigan ao seu. 

Alugamos a nosa casiña, o inquilino vén pasadomañá. Alice, Tweedie e mais eu levamos unha semana tirando proveito dela e limpando tanto por dentro coma por fóra. Ela traballou igual ca un cabalo. Eu perdín dous días facendo un experimento psicolóxico con mescal, unha bebida embriagante que empregan algunhas comunidades indias nas súas cerimonias relixiosas —unha especie de gromo de cacto que lle subministrou o goberno dos Estados Unidos a algúns médicos, entre os que se atopa Weir Mitchell, que me fixo chegar un chisco para que o probase—. A el, tamén o mandou ao “país das marabillas”. Dáche unha visión das cores espléndida, calquera obxecto que poidas imaxinar adquire o esplendor dunha xoia nunca vista no mundo natural. Revolve algo o estómago pero —segundo di W. M.— iso é o de menos (ben sabes). Tomei un gromo hai tres días, estiven a piques de morrer durante vinte e catro horas e non tiven outro síntoma alén dese e da resaca do día seguinte. Haberá que dar por bo o asunto das visións!

Aquí, enchoupa o chan areento e non fai nada de lama. Esta casiña é unha curiosa mestura de tristeza e gozo. Da tristeza das cousas, pois cada unha delas foi feita coas nosas propias mans ou foi froito da nosa planificación á hora de renovar os mobles vellos. Non hai obxecto nesta casa que non teña conexión co pasado —os veráns de antes, a xente que morreu, a xente que non vai volver nunca etc.—; é incrible como iso lle encolle a un o corazón ao vir abrir a casa logo do seu letargo invernal.

Estiven lendo Idylle tragique, de Bourget, quen tivo o detalle de enviarmo; e, dende aquela, andei con Voïna i mir [“Guerra e paz”] de Tólstoi, que aínda non lera —cousa rara—. Direiche que, ao meu parecer, T. pásalle por riba a B. O marco moral de B. resúltame en certo sentido tan alleo, dunha obscenidade tan forzada que non semella formar parte en absoluto dun argumento de natureza moral. Logo están esas descricións súas, demasiado elaboradas, e as excesivas explicacións. Pero traen aparellados unha honestidade e entusiasmo por expresalo todo da mellor maneira posible, unha abundancia de epítetos e unha calidez que fai que che guste malia a chea de cousas impropias dun home de verdade sobre as que escribe. Entendo que en Francia os homes moi homes ocupan un estrato diferente pero —como di Rosina— el e mais eu non casamos moi ben…

Tólstoi é inmenso!

Ponme ledo que volvas estar inspirado e pretendas subir aínda máis o listón! Por principio, mantívenme á marxe da publicación por entregas da Atlantic, pois a miña intención é conseguila toda xunta. Non vou facer ningunha viaxe, non me dan os cartos para iso. Teño a oportunidade única de dar uns cursos de verán aquí polos que me pagan mil cincocentos dólares. Hei ter moito traballo o curso que vén e é moi probable que xa teña que viaxar o próximo verán. Ha ser, en todo caso, logo dun período máis propicio ca este, así que somme toute queda posposto ata novo aviso. De ir, abofé que me prestaría moito máis verte en Rye ca en Londres, que —hei de admitir— non me chama nada ultimamente. Gústame ver a cidade pero non me cadra pasar tempo alí. O único que me suxire é incomodidade e gasto de cartos… á marxe de verte a ti. Oxalá puideses ver o cómoda que puxemos por fin a nosa casa de Cambridge.

Alice, que está cosendo no cuarto mentres eu che escribo á luz da lámpada e cun bo lume bisbando na lareira, bérrame que che dea as grazas e que che mande todo o seu agarimo…

En Chocorua, a 6 de xuño de 1903

Queridísimo Henry:

A túa longa e interesante á par que emocionante carta escrita a máquina na que falas de vires chegounos onte á casa, e bulo por retractarme dos comentarios cos que pretendía disuadirte agora que coñezo a fondo os motivos. Os únicos que contemplara —medio cego como estou— eran a túa devoción fraternal e o sentido do deber patriótico. Para previrte contra esoutros, considerei que mellor sería presentarchos asociándoos á palabra “ovos” e a conmocións varias, de xeito que cando estas se producisen puidese dicirche que xa estabas avisado. Pero foi entender que o que che pide o corpo é, precisamente, esas conmocións a feixes e que o fin último e o obxectivo da túa viaxe é unha nova vida artística provisional cuxa lámpada máxica estea alimentada polo combustible do estilo de vida americano do século XX e esvaecérense todas esas miserables dúbidas miñas, substituídas polo entusiasmo de ver que aínda te sentes moi novo, receptivo e ávido de materiais en bruto e de experiencias. Dáme moitísimo ánimo e faime sentir a min tamén un pouco máis novo.

Resulta patético oírte falar tanto da túa carreira e de como vai ir costa abaixo mentres non dispoñas de material novo; o caso é que, coas sensacións que tes sobre ese novo material, auguro que has recuperar totalmente os folgos e esa efervescencia túa en canto leves a termo o proxecto. Esquece esas ideas inglesas que tes e pensa en América e nos americanos como o fan eles: sen dúbida, vivirás unha segunda mocidade. Por hoxe, non teño máis que dicirche que a devandita perspectiva nos enche de ledicia.

Agosto de 1904 marcará un excelente comezo. Apuntaríame a ir contigo ao sur —a Cuba, probablemente— pero, no tocante a California, témolles aos gastos.

Envíoche un libro conmovedor que escribiu un mulato que foi alumno meu, Du Bois, é profesor de Historia na facultade para negros de Xeorxia. Podes ler do capítulo VII ao XI para coñecer o ambiente da zona e esas cousas.

Levamos dez días nestas terras do norte. Non hai nada que empate o deleite físico de simplificar. Cada papado de aire é un pracer, por moito que a rexión estea secando por completo e os incendios a consoman. Dá mesmo vergoña estar así de ledo. Levamos cinco días cun fume tan denso que non vemos a outra beira [do lago]. Temos un peón de primeira, unha boa vaca, un cabalo xeitoso, un can, un cociñeiro, unha doncela etc. Vennos facer unha visita en agosto de 1904!

 O teu sempre afectuoso,

W. J.

Na Universidade de Stanford, a 1 de febreiro de 1906

Meu querido H.:

Verdade é que deixei pasar tempo dende a anterior vez que a ti me dirixín pero andei enfrascado en importantes angueiras e ultimamente tiven que escribir moitas cartas por cuestión de negocios, así que non me quedou tempo. A última túa era unha espléndida réplica aos meus comentarios sobre a túa “terceira vía” e nela dicías que —co estridente que é o meu gusto— para a túa cabeciña pelada sería unha deshonra que a min me chegase a gustar algo que ti escribises. Moi ben! Pois limítate a escribir para min e deixa á marxe iso de compracerme! Teño que recoñecer que en The Golden Bowl e The Wings of the Dove lograches adiantarte á moda, aínda que para iso usases un método perverso e unha extensión da que non son o único que se queixa.

Pero imos deixar iso! Permíteme que che relate tamén as miñas aventuras!

Cheguei aquí o día 8 —logo de pasar cinco días pestilentes nun tren sen ventilación e outro máis atrancado no Gran Canón do Colorado— e, polo de agora, deilles nove clases aos trescentos estudantes matriculados e aos cento cincuenta visitantes —parte deles, compañeiros—. Póñolle moito empeño, teño preparado un programa impreso e ben completiño; por primeira vez na miña vida, sinto que estou sendo un bo profesor. Non era sen tempo, logo de trinta anos de práctica! E heille sacar cinco mil dólares se dou aguantado ata o 27 de maio; fóra diso, creo que é un desperdicio de enerxía. Debería estar escribindo ese libro que levo pospoñendo unha eternidade e que, por culpa deste traballo, volve quedar adiado. Non son quen de escribir nin unha liña mentres estou facendo estoutra cousa. (A propósito: pola mañá, recibín un telegrama dese profesor Eliot preguntando se me gustaría dar clase como representante de Harvard na Universidade de Berlín durante o primeiro semestre do ano que vén. Non me deu mágoa rexeitar a oferta pero entendo que non debería rexeitar a de París caso de que ma fagan para o ano.) Está previsto que Alice veña en quince días. Teño collido outro pisiño que non está nada mal nunha das tres rúas comerciais da zona universitaria, perfecto para nós os dous —refírome a que ten equipamento abondo: unha boa cheminea na que dá o sol, un cuarto de baño, unha cociña pequena etc.—. E, tendo a pensión do outro lado para comer, ha ser coma ir de pícnic acabados de casar. Nin que dicir ten que Alice ha agradecer a simplicidade…

Ti xa viches este marabilloso lugar, así que aforro describircho. É un verdadeiro milagre, cunha forma de vida tan sinxela e un clima tan suave que non podo imaxinar un sitio máis exquisito para un profesor novo e ambicioso que pretenda deixar a súa pegada na civilización do Pacífico mentres é aínda maleable ou para calquera que queira ensinar e traballar nas condicións ideais durante oito ou nove meses e que logo poida marchar os outros tres para a costa leste ou para Europa. É utópico, cun tempo perfecto —noites frías, pero sen xeadas; o lume aguántase ben ata as dez da mañá, despois faise molesto—. Resumindo: o que se entende por “vida sinxela”, equipada con elementos básicos pero de primeira e de propiedade compartida. Claro que ten na súa contra a tremenda falta de presenza humana que hai nel —o silencio mítico resóalle a un nos oídos cando pon a orella— e o carácter eslamiado da xente. Alégrome de vir e, se Deus quere, hei saír con ben desta. De todos os xeitos, aló vai un mes xa. Cousa sabes de G. K. Chesterton? Acabo de ler o seu Heretics. Deixando á marxe o seu afectado uso da contradición, é un escritor tremendamente potente e un pensador profundo. O Kipps de Wells está ben.

 Adeus. Claro que ti quedas respirando a néboa de Londres mentres a min me envolve o máis cálido resplandor. Cóidate.

Con agarimo,

W. J.

En Salisbury, Connecticut, a 4 de maio de 1907

Meu queridísimo H.:

… tiven tanto trafego —e a montaña de lecturas pendentes medrou tanto a causa diso— que polo de agora non atopara tempo de poñerme en serio co teu “American Scene” [sic], que, por certo, me parece unha obra absolutamente xenial no seu peculiar estilo. Es ben consciente de ata que punto a túa “terceira vía” formal se opón aos ideais literarios que enchen o meu vulgar peito de estilo “orsonián”1. A miña limítase a expresar un concepto por frase da maneira máis directa posible e a tirar para adiante, mentres que a túa evita chamarlle ás cousas polo seu nome e malla alentando e suspirando arredor delas ata espertar no lector —quen, se cadra, tivo xa unha sensación similar; que Deus o asista se non foi así!— a ilusión de que se atopa diante dun obxecto físico elaborado —coma no caso da “pantasma” da Polytechnic— en exclusiva con materiais intanxibles, aire e interferencias luminosas en forma de prisma proxectadas con moito enxeño coa axuda de espellos que sobrevoan o baleiro. O caso é que o consegues, cousa estraña! E o urdido de insinuacións e de referencias veladas que ti manexas de xeito exponencial ármalle tan ben o asunto ao lector que acaba facendo que calle —limitándose a engordar o antedito proceso— esa sensación semellante que leva tendo dende o principio. Coma o aire, a forza de sumarlle volume, chegará a pesar igual que un corpo de carne e óso. Así, a vaga sensación inicial que aquel ten —envolta nas vendas dun ambiente suxestivo— vai medrando igual que un xerme ata se converter en algo inmensamente maior, con máis substancia. Éche ben curioso empregar ese método da maneira sistemática en que ti o fas. Ti saberás. Nesta época nosa, ateigada de lecturas a fume de carozo, as páxinas que esixen un nivel tal de atención quedan sen ler e pasan sen pena nin gloria. Seica non podes saltar nin unha coma para non arruinar o efecto, e dezanove de cada vinte lectores rebélanse contra iso. O método resulta perverso. E eles suplican: “Dío xa, polo amor de Deus, e morra o conto”. Eu digo o mesmo: ofrécenos algo naquel estilo teu de antes, máis directo, para demostrar que —malia o paradoxal éxito que tes con este método nunca visto polo de agora— aínda es quen de escribir segundo os canons literarios. Ofrécenos esa especie de interludio e, logo, segue sendo esa “rareza da literatura” na que te converteches. Non hai quen cha empate en canto a brillos, frases veladas e lucidos rodeos verbais, pero a esencia da literatura ha de ser sólida. Preséntanola outra vez! O aroma das cousas, en bruto, non pode soster a existencia, e ese efecto de solidez que ti consegues non é máis que aroma e finximento.

Que nin se che ocorra contestar estas observacións, pois tan só son —como dicía con frecuencia o tío Howard sobre os escritos de Pai— os arrotos peristálticos do meu organismo que se rebela. O teu relato de América corresponde maiormente ao das súas lagoas, silencios e baleiros. Modélalos coma se fosen algo físico, e falo para eses lectores que xa son quen de percibilos aínda que sexa intuitivamente. Aos outros, resúltaslles totalmente incomprensible. Ía lendo e dicindo para min: “Canto máis meritorio sería se, no canto de obcecarse dese xeito coa falla de substancia americana, fose quen de facer suxestións en positivo sobre que podemos atopar en ‘Europa’ e Asia para compensala”. Iso sería moi estimulante para unha morea de lectores americanos, cuxos espíritos están desexosos de aceptar unha boa proposta pero, a día de hoxe, carecen de experiencia para saber que significa ese efecto de contraste sobre o que se alicerza o teu libro. Se foses quen de proporcionarlles algo de contexto sobre esa oposición en termos máis positivos e xenerosos… Tal e como está, vese limitada ao termo xeográfico abstracto “Europa”. Claro que ese tipo de cousas son excesivamente complicadas e ti dirás que xa llelo dás dentro das túas novelas. Pois has de saber que eses espíritos animais e cheos de brío cos que podes seguir mantendo dunha maneira ou doutra o teu estilo en todas esas páxinas impresas son algo marabilloso, e que non me cabe dúbida de que aí hai algunha destinada á inmortalidade —como, por exemplo, as que lle dedicas aos “tamborileiros” ao comezo do capítulo “Florida”—. Son dignas de Rabelais, no mellor sentido da expresión.

Imos decretar unha tregua, veña! Cando me puxen con isto, non contaba con botarche por riba tal morea de reflexións persoais. Perdón! Perdón! E non me contestes —moito menos para defenderte—. Faino só para atacarme se cho pide o corpo. Rematei agora o borrador dun libriño titulado “Pragmatism” que poida que ata che guste ler. É unha declaración moi “sincera” e, dende o punto de vista das convencións do ensino filosófico, nada convencional aínda que en absoluto resulte orixinal; con todo, dentro da literatura sobre o pensamento en que se enmarca, posúe a dose xusta de berros e estridencias na súa voz para que o libro pida —cousa que outros non fan— que o destaquen sobre os seus iguais e chegue a ser considerado “representativo” nun futuro. De feito, non me había sorprender que en dez anos dixesen del que “marcou época”. Non teño a menor dúbida de que esa maneira de pensar será a que se impoña e estou convencido de que está á altura da reforma protestante.

Non sabes que feliz son por verme libre dese pesadelo que era a “docencia”. Sempre me sentín unha fraude na pel do “profesor”, con esa obriga que se lle marca de ser unha enciclopedia andante do saber. Agora, teño a liberdade para existir por fin; e non hai palabras —literalmente— para explicar o reconfortante que me resulta ser eu mesmo logo de trinta e cinco anos de estar nas mans doutros. Agora, podo vivir dedicado á verdade pura e simple e non á verdade feita á medida das máis peregrinas esixencias que outros marcaron…

Con agarimo,

W. J.


[1] Posible referencia a Orson Lowell, ilustrador de revistas americanas que, precisamente, acadou un suceso notable en 1907 grazas aos seus traballos para a revista Life.