“Narrativas XXI: o novo paradigma”, por Xosé Monteagudo

Cara a unha renovación da materia literaria

No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (“A montaña máxica”) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.

Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.

A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores.

A potencia da autoficción

A expresión da subxectividade autorial ten unha longa tradición na narrativa mais algún dos elementos que a caracterizan neste século son diverxentes respecto do anterior. A diferenza principal está en que na narrativa actual xa non cómpre a nota do extraordinario para construír o relato literario da experiencia individual. Pola contra, a individualidade, lonxe de expresarse nos feitos excepcionais, procura unha entidade de seu na percepción do cotiá e na conseguinte manifestación do eu. O que importa desde o punto de vista literario non é agora o relato de realidades senlleiras nas que participe o narrador senón a dimensión pública do cotiá, ficcionalizando a singularidade de quen escribe, de xeito que se esvaezan os límites entre a ficción e a realidade. A mestura de ambos os dous planos envolve os elementos da ficción nas roupaxes da realidade (de aí a autoficción), dando como resultado unha novela cuxa verosimilitude está ancorada tamén no carácter real dos feitos relatados. Aínda que é talvez na literatura francesa onde máis abondosamente se están a producir obras propias desta corrente (cos nomes de Annie Ernaux, Christine Angot ou Delphine de Vigan, entre outros), o exemplo se cadra máis ilustrativo desa corrente é o de Karl Ove Knausgaard e a súa voluminosa obra Min kamp (“A miña loita”), composta por seis volumes nos que o narrador (identificable, aparentemente, co autor) conta a súa experiencia vital previa aos coarenta anos. Unha experiencia nada excepcional, agás no que ten de construción da personalidade literaria dentro dun ámbito de feitos correntes pero que converte o común e cotiá en materia literaria de primeiro nivel como resultado da percepción persoal que o escritor manifesta no seu contacto con esa realidade. A autoficción para a ser, así, unha corrente que eleva a categoría literaria o relato do eu autorial. Un eu autorial que, por suposto, está elaborado cos recursos narrativos propios da ficción (reelaboración da experiencia persoal) pero que asemade se proxecta e pretende ser percibido como una expresión fidedigna da realidade fáctica de quen escribiu a novela.

O valor literario da realidade

A outra corrente, a do relato real, emparentada con esta, ten que ver coa forma na que os feitos se converten en materia literaria. Fronte á concepción clásica da literatura (que segue e seguirá a producir abondosos froitos, por outra banda), na que os actos e sucesos constituían só a materia prima desde a cal se elaboraba a ficción pero na que a compoñente ficticia absorbía e integraba nela o elemento real, na concepción última da narrativa o acontecemento ou a persoa que interveu nel toma carta de natureza como elemento primordial do literario. Unha vez máis, non estamos diante dunha novidade absoluta, se consideramos que o precedente máis destacado desta corrente foi escrito hai máis de cincuenta anos (In Cold Blood, “A sangue frío”, de Truman Capote). Mais a preponderancia e a forma de elaboración da materia real na novela do século XXI confírelle unha dimensión e unhas características que non tiña o precedente. Neste novo rumbo da novela, o carácter real do argumento constitúe o principal elemento configurador dunha dimensión literaria que se completa co punto de vista narrativo que vertebra a historia. Sucesos e personaxes do pasado ou do presente transfórmanse en literatura grazas á mirada de quen escribe sobre eles. L’Adversaire (“O adversario”), de Emmanuel Carrère, publicado no ano 2000, quizais sexa o primeiro exemplo desta corrente que, nas dúas décadas seguintes, coñeceu múltiples e variadas manifestacións en toda a xeografía occidental. A separación doutros xéneros coma a reportaxe ou a biografía non sempre resulta nidia (de aí tamén que haxa quen prefire falar de xénero híbrido para encadrar as obras desta corrente) pero a diferencia substancial con aqueles, creo eu, está no enfoque eminentemente ficcional que teñen as novelas deste tipo. Do que se trata non é tanto de ser fiel aos feitos reais, ou á traxectoria toda de quen interveu neles, coma de construír unha realidade autónoma (eis a esencia do literario) que non oculta nin disfraza a orixe do relatado. Máis alá da correspondencia coas datas e os nomes, un acontecemento ou persoa real, na medida en que é sometido a un tratamento novelesco coas técnicas propias da ficción narrativa, é unha creación propia de quen a escribiu. Como ocorre con toda obra literaria, a historia que conta a novela non é unha fonte fidedigna do ocorrido pero pode axudarnos a entender máis profundamente un feito ou a unha persoa, da mesma maneira que calquera outro tipo de obra de ficción contribúe a ampliar a nosa comprensión da realidade circundante.

O punto común compartido por ambas as dúas correntes (a autoficción e a ficción de feitos ou persoas reais) é a recorrencia explícita a unha dimensión extraliteraria. Quen escribe unha obra deste tipo actualiza unha vez máis as técnicas literarias e os temas que forman parte da historia da literatura. Quen a le non se pode desprender da consciencia de que tras o relato está a realidade, outorgándolle a este unha entidade maior ca a dunha simple ficción. Así cabe entender, pois, que desde as dúas marxes do literario, autoría e lectorado, na miña opinión, se estea dando neste comezo do século XXI un paso máis na evolución do paradigma estético da novela como xénero.

Literatura multiformal

Sobre a repercusión da ficción na realidade

En Ferradura en Tránsito II, publica Xosé M. Eyré unha crítica de Ninguén queda, de Brais Lamela, na que tamén dá a benvida á nova xeira da colección Rúa do Lagarto.

O escritor e crítico literario fai unha defensa da literatura multiformal, salientando as relacións entre ficción e realidade, tanto no que se refire á repercusión que a literatura ficcional ten na realidade coma no que da realidade colle a literatura.

“… a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos… é positiva a reflexión a que se nos convida. Sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, a narrativa non só é ficción.”

Nese senso, parécenos esencial non desbotar a ficción como parte da realidade. Cómpre lembrar que, segundo Jeremy Bentham, ficcións coma o Dereito teñen unha considerable potencia na conformación da realidade. Por non falar dos conceptos que, segundo Kant, son representacións dunha representación.

Que Eyré non soamente teña esta cuestión en conta senón que a subliñe resulta unha posición de partida fundamental para tirar a Literatura fóra do dominio da industria cultural e dos intereses unicamente comerciais que a sitúan como elemento subalterno da economía. A defensa da literatura é unha defensa da súa autonomía.

Por outra banda, o crítico literario tamén repara no traballo de edición, no que aquí queremos mencionar o magnífico labor de Berta Dávila como editora e directora da colección. Agradecemos especialmente a Xosé M. Eyré estas palabras:

[…] edición limpa, unha edición moi coidada… a profesionalidade acha acobillo no amor e mimo polo que se está facendo. Toda unha lección.”


Unha obra literaria impura, crebadiza, conmovedora

Publícase “Ninguén queda”, de Brais Lamela

Con esta obra que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, iníciase a nova xeira da colección Rúa do Lagarto con edición e dirección de Berta Dávila.

Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole nor­teamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960.

Trátase dunha obra na que Brais Lamela combina á perfección o relato en primeira persoa coa reflexión e a capacidade especulativa do ensaio sen chegar a desvirtuar o engado que ten a ficción para apreixar a atención da persoa que le. Todo o contrario, Ninguén queda logra erguer dous tipos de recursos e dous espazos ficcionais aparentemente opostos mais que chegan a encaixar dun xeito case inapreciable grazas á potencia dos personaxes, á habilidade para a dosificación da información e a un estilo áxil e fluído que non necesita prescindir das arestas. Unha forma de escribir e concibir a literatura que fai cadrar a actualidade coa penetración na historia pasada, a vida urbana do interior coa vivencia nun medio rural case extinto.

Os pisos de estudantes no estranxeiro e as comunas que, coma na década de 1960, emerxen dos restos da perdida vida comunal das aldeas galegas. Os perso­naxes que acumulan fragmentos de tempo esquecido e aqueloutros que, mesmo en situacións existenciais límite, se negan a deixar de actuar na realidade presente, conflúen nun relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.

Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoas ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Ninguén queda

Col. Rúa do Lagarto 2
182 páxs.
PVP 18 euros