“Narrativas XXI: o novo paradigma”, por Xosé Monteagudo

Cara a unha renovación da materia literaria

No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (“A montaña máxica”) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.

Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.

A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores.

A potencia da autoficción

A expresión da subxectividade autorial ten unha longa tradición na narrativa mais algún dos elementos que a caracterizan neste século son diverxentes respecto do anterior. A diferenza principal está en que na narrativa actual xa non cómpre a nota do extraordinario para construír o relato literario da experiencia individual. Pola contra, a individualidade, lonxe de expresarse nos feitos excepcionais, procura unha entidade de seu na percepción do cotiá e na conseguinte manifestación do eu. O que importa desde o punto de vista literario non é agora o relato de realidades senlleiras nas que participe o narrador senón a dimensión pública do cotiá, ficcionalizando a singularidade de quen escribe, de xeito que se esvaezan os límites entre a ficción e a realidade. A mestura de ambos os dous planos envolve os elementos da ficción nas roupaxes da realidade (de aí a autoficción), dando como resultado unha novela cuxa verosimilitude está ancorada tamén no carácter real dos feitos relatados. Aínda que é talvez na literatura francesa onde máis abondosamente se están a producir obras propias desta corrente (cos nomes de Annie Ernaux, Christine Angot ou Delphine de Vigan, entre outros), o exemplo se cadra máis ilustrativo desa corrente é o de Karl Ove Knausgaard e a súa voluminosa obra Min kamp (“A miña loita”), composta por seis volumes nos que o narrador (identificable, aparentemente, co autor) conta a súa experiencia vital previa aos coarenta anos. Unha experiencia nada excepcional, agás no que ten de construción da personalidade literaria dentro dun ámbito de feitos correntes pero que converte o común e cotiá en materia literaria de primeiro nivel como resultado da percepción persoal que o escritor manifesta no seu contacto con esa realidade. A autoficción para a ser, así, unha corrente que eleva a categoría literaria o relato do eu autorial. Un eu autorial que, por suposto, está elaborado cos recursos narrativos propios da ficción (reelaboración da experiencia persoal) pero que asemade se proxecta e pretende ser percibido como una expresión fidedigna da realidade fáctica de quen escribiu a novela.

O valor literario da realidade

A outra corrente, a do relato real, emparentada con esta, ten que ver coa forma na que os feitos se converten en materia literaria. Fronte á concepción clásica da literatura (que segue e seguirá a producir abondosos froitos, por outra banda), na que os actos e sucesos constituían só a materia prima desde a cal se elaboraba a ficción pero na que a compoñente ficticia absorbía e integraba nela o elemento real, na concepción última da narrativa o acontecemento ou a persoa que interveu nel toma carta de natureza como elemento primordial do literario. Unha vez máis, non estamos diante dunha novidade absoluta, se consideramos que o precedente máis destacado desta corrente foi escrito hai máis de cincuenta anos (In Cold Blood, “A sangue frío”, de Truman Capote). Mais a preponderancia e a forma de elaboración da materia real na novela do século XXI confírelle unha dimensión e unhas características que non tiña o precedente. Neste novo rumbo da novela, o carácter real do argumento constitúe o principal elemento configurador dunha dimensión literaria que se completa co punto de vista narrativo que vertebra a historia. Sucesos e personaxes do pasado ou do presente transfórmanse en literatura grazas á mirada de quen escribe sobre eles. L’Adversaire (“O adversario”), de Emmanuel Carrère, publicado no ano 2000, quizais sexa o primeiro exemplo desta corrente que, nas dúas décadas seguintes, coñeceu múltiples e variadas manifestacións en toda a xeografía occidental. A separación doutros xéneros coma a reportaxe ou a biografía non sempre resulta nidia (de aí tamén que haxa quen prefire falar de xénero híbrido para encadrar as obras desta corrente) pero a diferencia substancial con aqueles, creo eu, está no enfoque eminentemente ficcional que teñen as novelas deste tipo. Do que se trata non é tanto de ser fiel aos feitos reais, ou á traxectoria toda de quen interveu neles, coma de construír unha realidade autónoma (eis a esencia do literario) que non oculta nin disfraza a orixe do relatado. Máis alá da correspondencia coas datas e os nomes, un acontecemento ou persoa real, na medida en que é sometido a un tratamento novelesco coas técnicas propias da ficción narrativa, é unha creación propia de quen a escribiu. Como ocorre con toda obra literaria, a historia que conta a novela non é unha fonte fidedigna do ocorrido pero pode axudarnos a entender máis profundamente un feito ou a unha persoa, da mesma maneira que calquera outro tipo de obra de ficción contribúe a ampliar a nosa comprensión da realidade circundante.

O punto común compartido por ambas as dúas correntes (a autoficción e a ficción de feitos ou persoas reais) é a recorrencia explícita a unha dimensión extraliteraria. Quen escribe unha obra deste tipo actualiza unha vez máis as técnicas literarias e os temas que forman parte da historia da literatura. Quen a le non se pode desprender da consciencia de que tras o relato está a realidade, outorgándolle a este unha entidade maior ca a dunha simple ficción. Así cabe entender, pois, que desde as dúas marxes do literario, autoría e lectorado, na miña opinión, se estea dando neste comezo do século XXI un paso máis na evolución do paradigma estético da novela como xénero.

Deixar un comentario