A crítica recomenda “Tempo sen devir”

Tres críticos literarios galegos seleccionan este mes Tempo sen devir, o libro de Quentin Meillassoux e Anna Longo publicado na colección Casabranca, entre os recomendados na Tabela dos Libros do blogue Criticalia. Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela e Armando Requeixo sitúan este libro nos postos quinto, cuarto e quinto, respectivamente, das súas preferencias como lectores. A característica principal da “Tabela dos Libros” é que se elabora a través dunha votación pública, isto é, que os votos recibidos por cada un dos títulos seleccionados polos cinco críticos literarios que participan nesta sección da bitácora de Armando Requeixo se publican a carón do resultado final da votación. Dese xeito pódense saber as preferencias de cada crítico e, polo tanto, comparar entre si os distintos títulos seleccionados e as escollas de cada un dos críticos e críticas participantes, ou mesmo contrastalas coas doutros lectores ou lectoras.

No libro Tempo sen devir reúnense o ensaio de Quentin Meillassoux que lle dá título e o textoContinxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental“, do que é autora Anna Longo. O ensaio de Meillassoux é unha síntese eficaz da súa estratexia filosófica, denominada polo autor materialismo especulativo; pola súa banda, no ensaio de Anna Longo proponse unha comparación entre ese mesmo materialismo especulativo e a ciencia contemporánea.

Ambos os textos amosan a importancia da filosofía actual na súa estreita vinculación co pensamento científico.

L'Assiette au berre-6

Debuxo de Poulbot publicado no semanario satírico “L’Assiette au beurre”, París, maio de 1903.

 

Ilustrar durante a Secesión

Antes de falar de Heinrich Lefler e de Joseph Urban como ilustradores cómpre falar do final dunha época que, en Viena, deu paso ao inicio da modernidade.

A Secesión vienesa formou parte dun movemento coñecido como modernismo. Xestado no lexendario Café Griensteidl en 1897, lugar de encontro de numerosos artistas, naceu como un proxecto de renovación da Arte para tratar de rachar co ilusionismo estético das Academias de Belas Artes, para abrirse ás artes “primarias” (os obxectos) e ás artes gráficas, inspirados por William Morris e o movemento inglés Arts&Crafts.

cartel secesion vienesa

Baixo o acubillo de Gustav Klimt, o seu presidente e principal figura do escenario artístico do momento, dezanove artistas trataban de reinterpretar estilos do pasado ante o auxe da produción industrial. Entre eses “inxurxentes” estaban Koloman Moser (cofundador dos Obradoiros de Viena), os pintores Carl Moll e Max Kurzweil, o arquitecto Otto Wagner, Alfons María Mucha (coñecido como “O checo de París”), Heinrich Lefler e o seu cuñado, o arquitecto Joseph Urban.

Estilisticamente, a Secesión foi erroneamente vista como sinónimo do movemento Jugendstil, a versión alemá do Art Nouveau. Aínda que incorporou moitos elementos do Art Nouveau, a Secesión desenvolveu o seu propio estilo, centrado en torno á simetría e a repetición, sendo recorrentes motivos xeométicos coma o damero e o enreixado, influencia do escocés Charles Rennie Mackintosh.

Aínda que a Secesión se inclúa no modernismo, presenta algunhas diferenzas cos movementos da época e respecto doutros países, xa que predominan o equilibrio e a xeometrización formais. Os integrantes do movemento, recoñecidos arquitectos, pintores e escenógrafos dan á tipografía unha grande importancia como elemento compositivo.

O cartel da primeira exposición da Secesión foi realizado por Klimt, convertido tamén en grafista e ilustrador. En realidade foron dúas versións dun mesmo cartel xa que tivo que modificar a primeira proposta debido á censura, que obrigou ao artista a ocultar o espido de Teseo detrás dunhas árbores.

En 1903, Josef Hoffmann e Koloman Moser, co apoio do empresario Fritz Wärndorfer, forman a Wiener Werkstätte, unha agrupación integrada por artistas visuais, arquitectos e deseñadores que tiña como finalidade a formación en diferentes disciplinas artísticas. Oskar Kokoschka e Egon Schiele participarían nestes obradoiros, nos que chegaron a colaborar máis de medio cento de artistas. En 1909 e 1910, tamén se abrirían obradoiros dedicados á arte téxtil. Despois da Primeira Guerra Mundial, a falta de materias primas daría paso á experimentación con materiais menos duradeiros e menos custosos.

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

Heinrich Lefler e Joseph Urban

A obra do artista vienés Heinrich Lefler (Moravia, 1863- Viena, 1919) está unida profesionalmente á do seu cuñado, o tamén vienés Joseph Urban (Viena, 1872-Nova York, 1933).

Destacados artistas do Jugendstil, ambos os dous eran tamén escenógrafos e pintores. O equipo formado por Lefter e Urban realizou murais e carteis promocionais para empresas e escenografías teatrais tanto para adultos coma para nenos, figurando entre os fundadores do Hagenbund, que traballa case durante unha época ao abeiro da Secesión.

Urban estuda arquitectura na Academia de Belas Artes de Viena baixo a tutela do arquitecto historicista Karl von Hasenauer. En 1912, emigra aos Estados Unidos para exercer de director artístico da Compañía da Ópera de Boston. Máis tarde, mudaríase a Nova York, onde realizaría produccións para Ziegfeld Follies e para o Metropolitan.

Heinrich Lefler estudou tamén na Academia de Belas Artes de Viena entre 1880 e 1884, amais de na Academia das Artes de Munich.

O primeiro contacto entre os dous artistas foi o seu amigo en común, o cantante e tenor moravo Leo Slezak. En 1904 realizan para a editorial Munk unha serie de doce ilustracións baseadas nos temas dos contos dos irmáns Grimm, ilustracións que ían acompañadas de versos do poeta e escritor alemán Ludwig Fulda e que serían reeditadas como calendario en 1905.

Ilustraron tamén o conto Marienkind, dos irmáns Grimm, conto que, pese a ter unha temática relixiosa, está considerado como conto de fadas. A versión recollida polos irmáns Grimm ten certo parentesco con  Facce de crapa (“Cara de cabra”), que figura no Pentamerón de Giambattista Basile e trata dunha rapaza criada por unha fada.

Aínda que non sempre era así, Lefler realizaba as ilustracións e Urban encargábase do enmarcamento decorativo das mesmas.

Moitos dos debuxos recordan os de Iván Bilibin tanto na elegancia dos seus traballos coma nos ornamentos. Destaca neles tamén o coidado posto na concepción escenográfica da ilustración, herdanza do seu traballo para o teatro.

“Indagacións sobre a produción do real”, por Miguel Penas

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Publicamos o número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) cun ensaio de Miguel Penas, filósofo galego que comeza a súa colaboración con Euseino? Editores con este texto titulado “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións“.

Neste ensaio, Miguel Penas fai un achega ao debate entre os obxectos, os individuos ou as substancias, por unha banda, e os procesos, os fluxos ou o devir pola outra. A presenza deste debate —un dos máis interesantes da filosofía continental— no seo do novo movemento filosófico coñecido como realismo especulativo é unha proba máis do seu carácter non dogmático e do vizoso que este novo tipo de materialismo pode resultar para o pensamento e a estética actuais.

Penas propón un encontro entre a filosofía orientada aos obxectos de Graham Harman e a filosofía da individuación de Gilbert Simondon. O obxectivo é superar o erro, presente xa nas exposicións académicas do pensamento grego, consistente en supoñer que os procesos e os obxectos, a individuación e o individuo, non poden ser pensados conxuntamente:

“Posto que todos os obxectos teñen o seu particular proceso de individuación, ¿por que unha filosofía orientada aos obxectos debería ter problema para ofrecer unha explicación filosófica do devandito proceso? Da mesma maneira, posto que todos os procesos de individuación producen uns individuos coa súa particular hecceidade, ¿por que unha filosofía do proceso debería ter interese en negala?”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Miguel Penas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesoso e relacións

 

Cuberta+lombo