Eyré sobre “Filosofía da individuación”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré publicou este agosto pasado unha recensión de Filosofía da individuación, de Miguel Penas, no seu blogue Ferradura en tránsito. Co título de Seguindo a Simondon, Eyré fai unha análise descritiva do contido do libro e pregúntase:

Pero que son as filosofías do proceso? En que consiste a filosofía da individuación? Para dar resposta a estas preguntas, Miguel Penas segue fundamentalmente ao filósofo francés Gilbert Simondon cando denuncia que a metafísica occidental “concede un privilexio ontolóxico ao ser xa constituído”.

Co seu rigor habitual e facendo unha lectura pormenorizada do libro do filósofo da Coruña, Eyré emprega o recurso da cita, recurso que popularizou no seu blogue co carimbo de “subliñados” e que é unha das características sobranceiras deste lector impenitente e coidadoso ao que lle temos que agradecer varias décadas de compartir o seu interese polos libros cos lectores (e lectoras) galegos. Beizón desde euseino.org ao Xosé Manuel Eyré pola súa dedicación á crítica literaria e pola súa axuda na difusión das publicacións de filosofía.

Non importa se a realidade é inerte ou animada, pensante ou non, o que importa é que proceso e produto son pensados ao mesmo tempo.

 

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

Publícase “Filosofía da individuación”, de Miguel Penas

A colección Casabranca chega ao seu sétimo título coa publicación de Filosofía da individuación, primeiro libro de Miguel Penas. Coñecido entre os lectores de euseino.org desde a publicación en 2015 do seu ensaio “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións”, o filósofo da Coruña achéganos agora unha obra fundamental para introducirse nas novas correntes do pensamento, nas que ciencia e filosofía se combinan, enriquecen e complementan para facernos comprender máis axeitadamente a realidade.

A termodinámica do non-equilibrio, as estruturas disipativas físico-químicas, os individuos físicos —un cristal, por exemplo— e o pampsiquismo serven ao autor para botar luz sobre os modos de inventividade da materia, sobre a inesgotable capacidade coa que dá lugar a todo tipo de realidades, vivas e inertes, humanas e non humanas, conscientes e ­inconscientes. O proceso de individuación como unha relación entre ­elementos heteroxéneos no que xa non hai un interior dotado de identidade e un exterior que introduce accidentes nel. O individuo é relación: a planta como lugar de comunicación entre o sol e as sales minerais do chan.

Algúns dos temas arredor dos que se artella o libro de Penas son o real como proceso e como produto e o problema da relación entre a materia e a vida, ademais do realismo construtivista e a relación como orixe e ser dos individuos. O autor dedícalle un capítulo final, especialmente novidoso no horizonte intelectual galego, á cuestión do pampsiquismo: os afectos, o pensamento e o sentir da materia.

Cunha gran capacidade de síntese e de exposición da argumentación, Filosofía da individuación é unha achega fundamental e anovadora no pensamento galego actual. Unha reflexión sobre a realidade, as relacións e os individuos que ha suscitar e satisfacer a curiosidade intelectual de quen percorra as súas páxinas. O pensamento galego na primeira liña da filosofía internacional.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

 

 

“Indagacións sobre a produción do real”, por Miguel Penas

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Publicamos o número 7 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) cun ensaio de Miguel Penas, filósofo galego que comeza a súa colaboración con Euseino? Editores con este texto titulado “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións“.

Neste ensaio, Miguel Penas fai un achega ao debate entre os obxectos, os individuos ou as substancias, por unha banda, e os procesos, os fluxos ou o devir pola outra. A presenza deste debate —un dos máis interesantes da filosofía continental— no seo do novo movemento filosófico coñecido como realismo especulativo é unha proba máis do seu carácter non dogmático e do vizoso que este novo tipo de materialismo pode resultar para o pensamento e a estética actuais.

Penas propón un encontro entre a filosofía orientada aos obxectos de Graham Harman e a filosofía da individuación de Gilbert Simondon. O obxectivo é superar o erro, presente xa nas exposicións académicas do pensamento grego, consistente en supoñer que os procesos e os obxectos, a individuación e o individuo, non poden ser pensados conxuntamente:

“Posto que todos os obxectos teñen o seu particular proceso de individuación, ¿por que unha filosofía orientada aos obxectos debería ter problema para ofrecer unha explicación filosófica do devandito proceso? Da mesma maneira, posto que todos os procesos de individuación producen uns individuos coa súa particular hecceidade, ¿por que unha filosofía do proceso debería ter interese en negala?”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Miguel Penas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesoso e relacións

 

Cuberta+lombo