Trece conferencias

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino? convocou no mes de maio o Programa “Filosofía nas Bibliotecas“, destinado a colaborar coas bibliotecas públicas na organización de conferencias de filósofas e filósofos galegos. Rematado o prazo de presentación de solicitudes para participar no antedito Programa, xa está confeccionado un calendario de trece conferencias que se realizarán por toda Galicia, de Narón á Guarda e Ribadavia, de Oleiros e A Coruña a Lugo, pasando por Compostela.

A convocatoria foi un suceso grazas ao apoio de todas as bibliotecarias e bibliotecarios do país, da asociación BAMAD Galicia e mais da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais, que colaboraron co maior dos intereses na difusión do programa de conferencias proposto pola Fundación. Tivemos ademais a fortuna de poder contar coa axuda imprescindible e incondicional das e dos conferenciantes, sen os cales sería imposible levar a cabo o programa. Con este programa, confiamos en poder axudar a difundir o pensamento e, ao tempo, espallar a obra dos nosos pensadores e pensadoras, fomentar o debate e, en conclusión, a concepción non dogmática das ideas.

Queremos rematar estas liñas agradecendo especialmente a Anxos Sumai, escritora e bibliotecaria, o seu asesoramento e entusiasmo, que nos serviron de guía e compaña no desenvolvemento do proxecto. Desde a presidencia da Fundación, queremos agradecer tamén aos membros do Padroado, Beatriz Fraga, Chus Pato e Xosé Monteagudo, o seu apoio e colaboración desinteresada.

Finalmente, sentímonos especialmente orgullosos de poder compartir con vostedes o calendario das trece conferencias.

Detail of Frances Yates’ reconstruction of Giordano Bruno’s memory wheel from De Umbris Idearum (1582), Warburg Institute]peq

Pormenor da reconstrución feita por Frances Yates da roda da memoria do “De Umbris Idearum” (1582), de Giordano Bruno [Warburg Institute]


 

Calendario das conferencias 2016

[Pendente de confirmación]

Setembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Enderezo: Rosalía de Castro, 14, A Guarda. Conferenciante: Miguel Penas¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: venres, 30 de setembro de 2016, ás 20 horas.

Outubro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Roberto AbuínAxeitarse á cerna do —noso— dicirretallos para un pensar galego”. Data e hora da conferencia: xoves, 6 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Lucía Castro“Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: xoves, 13 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Forum Metropolitano. Enderezo: Rúa do Río Monelos, s/n. A Coruña. Conferenciante: Lucía Castro: “Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: mércores, 19 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Miguel Penas¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 20 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Lugo. Conferenciante: Brais ArribasDeixar ser a diferenza: a potencia política da identidade feble”. Data e hora da conferencia: luns, 24 de outubro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Os Rosales. Enderezo: Praza Elíptica 1, 1º. A Coruña. Conferenciante: Abraham RubínCom-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: mércores, 26 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Abraham Rubín: “Com-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: xoves, 27 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Novembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Rebeca BaceiredoA construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Conferenciante: Miguel Penas: ¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia. Enderezo: Avda. de Redondela 1. Ribadavia. Conferenciante: Miguel Penas: ¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: martes, 22 de novembro de 2016, ás 16 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Enderezo: Centro Cultural As Torres. Rúa de Emilia Pardo Bazán 17, Santa Cruz, Liáns (Oleiros). Conferenciante: Rebeca Baceiredo: A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 24 de novembro de 2016 ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Narón. Enderezo: Rúa do 25 de xullo, s/n. Narón. Conferenciante: Rebeca Baceiredo: A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: venres, 25 de novembro de 2016, ás 19:00 h.

 

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino? convoca o Programa Filosofía nas Bibliotecas co obxectivo de fomentar e apoiar a organización de actividades e conferencias para a difusión do pensamento filosófico nas Bibliotecas Públicas galegas.

Seis filósofas e filósofos galegos propoñen senllas conferencias sobre temas diversos, entre eles, a construción do xénero e as súas relacións cos réximes de propiedade, a diferenza como unha posibilidade de chegar ao suxeito despotenciado, a posibilidade dun pensar “galego” non totalizador nin exclusivo, a intelixencia artificial e a súa influencia na vida colectiva humana, outros xeitos de relacionarnos para sobrevivir ás lóxicas dominantes e a idea de comunidade como algo inacabado, que non remata nunca, son algunhas das propostas que desde Euseino? diriximos ás bibliotecas públicas galegas e, através delas, ás lectoras e lectores do país.

Os filósofos e filósofas participantes son Roberto Abuín, Brais Arribas, Rebeca Baceiredo, Lucía Castro, Miguel Penas e Abraham Rubín. Algúns son autores habituais de Euseino? Editores, outras colaboran por primeira vez connosco. Agradecémoslles o seu apoio a esta iniciativa coa que comeza as súas actividades a Fundación Euseino?.

640px-The_Owl's_Nest_Bosch

Estamos certos de que no ámbito da cultura e do pensamento é esencial, ademais da existencia dunha plataforma de publicación de obras, o fomento de actividades coas que difundir na sociedade galega as ideas expostas polos pensadores e pensadoras na súa obra para logo poder debater libremente sobre elas coa finalidade de consolidar un pensamento non dogmático. Ademais, a colaboración coas bibliotecas públicas tamén incentiva a realización de actividades complementarias ao Programa e posibilita a participación de destinatarios de diferentes sectores sociais, culturais e educativos.

Convocatoria de 2016 [aberto o prazo]

Bases

Participantes e sinopse das conferencias

 

Encontro de pensadores novos

Os días 6, 7 e 8 de xullo celébrase en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Novos Pensadores, organizado polo Proxecto Derriba. O marco teórico establecido para os relatorios e mesas redondas que se han expoñer durante estas tres xeiras defínese na “Xustificación” publicada a canda o programa, onde se indica o seguinte:

“Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña aos intentos de facer pensamento filosófico en Galicia para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico […].”

Díptico-The_Woods_that_Hears_and_Sees_Bosch

Hieronymus Bosch, “A fraga que escoita e o campo que ve” (anverso e reverso), ca. 1470-1516. Inscrición superior: “miserimi quippe est ingenii semper uti inventis et numquam inveniendis”.

Tres autores do catálogo de Euseino? van intervir con cadanseu relatorio. O luns, día 6, Abraham Rubín ha ler unha conferencia sobre “Común vs. Comunidade. O diferendo entre a potencia e o poder”; na tarde dese mesmo día, Beatriz Blanco moderará, entre outras actividades, un debate arredor da “Subalternidade” e o obradoiro sobre “Outra(s) (da) Filosofía: matriarcados imaxinarios e patri-arquivos de facto?”.

Pola súa banda, o martes, día 7, Miguel Penas vai disertar sobre “Filosofías do proceso: cartografía dunha liña menor do pensamento contemporáneo”. Nese mesmo día, á tarde, Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, ha falar arredor de “A edición como potenciación do pensamento”.

Coincidindo con este encontro de pensadores, o xornal dixital Praza pública publica unha noticia titulada “A filosofía a debate” e un artigo de Carlos Lema no que, baixo o título “¿Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)”, se propón un debate crítico sobre a filosofía centrada exclusivamente en pensar a realidade en función da relación humano-mundo para, en concreto, abandonar o que denomina “resistencia correlacional”, concepción situada na resistencia permanente dunha filosofía negativa, ou construtivista.

“Corpos, propiedade e subxectivación”, por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín

NÚMERO ESPECIAL DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Baixo o título “As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación“, publicamos o número 8 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), número especial que inclúe tres ensaios escritos por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín. Trátase dos textos das tres conferencias se leron os días 9 e 10 de abril de 2015 no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, celebrado na Universidade da Sorbona Nova-París 3.

O ensaio de Abraham Rubín desenvólvese arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. Pola súa banda,  Rebeca Baceiredo colabora co ensaio “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que trata sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Por último, Beatriz Blanco titula o seu ensaio “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente os ensaios de Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Corpos, propiedade e subxectivación

Cuberta+lombo

 

As conferencias da Sorbona: “Poéticas e políticas do corpo”

As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?

 

 

Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.