Anunciamos a publicación de Corpo-circuítos – Máquinas de subxectivación, de Abraham Rubín, que xa está distribuído nas librerías e tamén se pode conseguir a través desta mesma páxina web: euseino.org. Un título novo da colección Casabranca no que se analiza a subxectivación como alicerce dun réxime de traballo inmaterial e emocional, dunha economía que se constitúe como legalidade única das disposicións e equipamentos colectivos e coa que se acaba por dar forma ao desexo como consumo e ao futuro como débeda. Fronte a ese suxeito endebedado, o autor estuda a subxectivación do común: a diferenza, o desaxuste, a posibilidade imposible do compartido.
Rubín analiza, interpreta e desentraña o mecanismo aparentemente inevitable no que se orixina ese efecto de dominación. Corpos que, como máquinas de subxectivación, imprimen a súa pegada encol da superficie de inscrición chamada capitalismo. A subxectividade como produción.
Cunha gran capacidade para desvelar as consecuencias do mecanismo da subxectivación, o filósofo desenvolve unha argumentación que vai da produción de subxectividade como semiótica á produción de subxectividade como biopolítica pasando pola produción de subxectividade como traballo. Detense nun capítulo no que logra sintetizar e expoñer de forma directa e impresionante os efectos do don e da débeda, da perda e do don imposíbel, da débeda e a culpa. O libro remata cunha achega sobre a subxectivación común, o outro, a cuestión da singularidade e a subxectivación utópica.
Consiga o seu exemplar:
Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)