Encontro de pensadores novos

Os días 6, 7 e 8 de xullo celébrase en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Novos Pensadores, organizado polo Proxecto Derriba. O marco teórico establecido para os relatorios e mesas redondas que se han expoñer durante estas tres xeiras defínese na “Xustificación” publicada a canda o programa, onde se indica o seguinte:

“Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña aos intentos de facer pensamento filosófico en Galicia para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico […].”

Díptico-The_Woods_that_Hears_and_Sees_Bosch

Hieronymus Bosch, “A fraga que escoita e o campo que ve” (anverso e reverso), ca. 1470-1516. Inscrición superior: “miserimi quippe est ingenii semper uti inventis et numquam inveniendis”.

Tres autores do catálogo de Euseino? van intervir con cadanseu relatorio. O luns, día 6, Abraham Rubín ha ler unha conferencia sobre “Común vs. Comunidade. O diferendo entre a potencia e o poder”; na tarde dese mesmo día, Beatriz Blanco moderará, entre outras actividades, un debate arredor da “Subalternidade” e o obradoiro sobre “Outra(s) (da) Filosofía: matriarcados imaxinarios e patri-arquivos de facto?”.

Pola súa banda, o martes, día 7, Miguel Penas vai disertar sobre “Filosofías do proceso: cartografía dunha liña menor do pensamento contemporáneo”. Nese mesmo día, á tarde, Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, ha falar arredor de “A edición como potenciación do pensamento”.

Coincidindo con este encontro de pensadores, o xornal dixital Praza pública publica unha noticia titulada “A filosofía a debate” e un artigo de Carlos Lema no que, baixo o título “¿Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)”, se propón un debate crítico sobre a filosofía centrada exclusivamente en pensar a realidade en función da relación humano-mundo para, en concreto, abandonar o que denomina “resistencia correlacional”, concepción situada na resistencia permanente dunha filosofía negativa, ou construtivista.

“Corpos, propiedade e subxectivación”, por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín

NÚMERO ESPECIAL DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Baixo o título “As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación“, publicamos o número 8 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), número especial que inclúe tres ensaios escritos por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín. Trátase dos textos das tres conferencias se leron os días 9 e 10 de abril de 2015 no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, celebrado na Universidade da Sorbona Nova-París 3.

O ensaio de Abraham Rubín desenvólvese arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. Pola súa banda,  Rebeca Baceiredo colabora co ensaio “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que trata sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Por último, Beatriz Blanco titula o seu ensaio “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente os ensaios de Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Corpos, propiedade e subxectivación

Cuberta+lombo

 

As conferencias da Sorbona: “Poéticas e políticas do corpo”

As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?

 

 

Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.