As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?
Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.
Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.
Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.
A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.