Elexía

O lamento na edición literaria

Nos últimos meses, finaron tres grandes editores que deixaron boa pegada nas publicacións literarias da segunda metade do século XX: Maurice Olender, Philippe Sollers e Robert Gottlieb.

Xa vedraños, os derradeiros tempos da súa vida tráennos á memoria unha entrada do “Abecedario” de Gilles Deleuze na que fala da elexía e da vellez. Trátase da entrada “Joie” (Alegría), a partir do minuto 12,33 (https://youtu.be/xyXMmx2Ofgs).

Non moito antes faleceu Roberto Calasso, editor que nos fixo lembrar mestres auténticos coma Jérôme Lindon e Maxwell Perkins.

Porque o que se pensa ao editar literatura ten que ver con ese mesmo lamento que Deleuze describe de forma maxistral: “En certo xeito, é a alegría en estado puro mais un ten a prudencia de ocultalo […]. Así que cómpre ocultalo mais o lamento non só é alegría, esa especie de lamento é asemade unha inquedanza tola, realizar unha potencia se cadra, mais, ¿a que prezo?”. Un lamento, a ledicia que agocha realizar algo con consecuencias.

Editar é facer algo público, que deixe de ser propio de alguén para ser de toda a xente, de todo o mundo. Iso conleva un lamento duplo, o dunha potencia que deixa de selo para se converter en obra feita, acabada, inmutable, e o da súa consecuencia: quen edita é a primeira persoa que, ao ler, lle quita o inédito a quen o escribiu. A literatura non ten dono. Esa é a alegría que abrolla do lamento.

L’Abécédaire de Gilles Deleuze é un documental que se rodou en 1988 e 1989, consiste nunha serie de entrevistas entre o filósofo e a súa alumna, a xornalista Claire Parnet. Transcribimos directamente da película, traducimos e extractamos respectando o contexto.

Introdución e tradución de Carlos Lema.

De esda. a dta., Philippe Sollers, a cuberta das memorias de Robert Gottlieb e Maurice Olender.

“A elexía”, por Gilles Deleuze

A elexía, ¿que é? Eu creo que é a expresión de quen, temporalmente ou non, xa non ten estatuto social, por iso é interesante.

Un vello quéixase, … mais non é unha tristeza, é algo diferente, é a reivindicación. Hai algo no lamento que resulta sorprendente. Hai unha adoración no lamento. O lamento é coma unha oración. O lamento é sublime. […] Son os excluídos sociais os que están en posición de queixa. […] O lamento ascende… é unha arte.

E logo hai un aspecto un pouco pérfido que quere dicir “Non vos compadecer de min, non me toquedes”. É coma a xente moi educada, “non me toquedes”, “non vos compadezades de min que xa me hei encargar eu diso”.

Mais, ao encargarse un mesmo, o lamento transfórmase. Outra volta trátase de que o que me ocorre é grande de máis para min, iso é o lamento. Así que non me custa dicir todas as mañás: “O que me pasa é grande de máis para min”, porque iso é alegría. En certo xeito, é a alegría en estado puro mais un ten a prudencia de ocultalo porque hai xente á que non lle gusta nada que os demais estean ledos. Así que cómpre ocultalo mais o lamento non só é alegría, esa especie de lamento é asemade unha inquedanza tola, realizar unha potencia se cadra, mais, ¿a que prezo? ¿Non vou deixar a pel niso? No momento en que un efectúa unha potencia —falo tamén de cousas aparentemente tan sinxelas coma un pintor que se enfronta á cor—, ¿seica non vou deixar a pel no intento?

Mais, literalmente, despois de todo, non creo que sexa facer literatura dicir que a maneira en que Van Gogh se internou na cor está máis vencellada á súa loucura ca as historias de psicanálise. De todos os xeitos, son as relacións coa cor as que tamén interveñen. Ao cabo, algo pode acabar por romperme. “É grande de máis para min”. Velaí o lamento: “é grande de máis para min”. Desgrazado ou feliz, por regra xeral desgrazado, mais, en fin, só é un detalle.

O Club de Escritura remata a temporada

A próxima xeira de sesións hase iniciar o 1 de setembro

Este sábado, día 17, remataron as actividades do Club de Escritura da Fundación Euseino?, que se han reiniciar o vindeiro 1 de setembro.

Ao remate desta última sesión, o seu director, o novelista Xosé Monteagudo, fixo un balance moi positivo das sesións do Club desenvolvidas de setembro de 2022 a xuño deste ano. Pola súa banda, Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, agradeceu ás persoas asistentes a constancia e bo facer na práctica da escritura literaria narrativa e salientou a importancia que para a Fundación Euseino? ten a súa participación nas actividades do Club, que representa unha parte fundamental de Euseino? Social ao conseguir que, efectivamente, a sede da Fundación en Vigo se converta no “lugar de encontro para as persoas que escriben e len”.

Mediante a práctica de diferentes técnicas narrativas e coa escritura de orixinais que son valorados e comentados polo novelista Xosé Monteagudo, este Club de Escritura ten como finalidade que as persoas participantes nel descubran e perfeccionen o seu estilo literario, permitíndolles acadar a seguridade necesaria para tirar a máxima eficacia ao seu talento narrativo.

Baseado na participación en grupos reducidos. Con xuntanzas presenciais unha vez ao mes (sábado, ás 10 horas da mañá) que teñen lugar na sede da Fundación Euseino? en Vigo. Complementadas con recursos e permanente contacto informático entre os membros de cada grupo e co coordinador.

A próxima temporada de sesións hase iniciar o vindeiro 1 de setembro. Para a inscrición, na que teñen preferencia as persoas que xa participaron esta temporada, calquera outra persoa interesada pode consultar a ligazón

Créase o Fondo Numax do Arquivo Euseino?

A Cooperativa Numax asina un Acordo de Colaboración coa Fundación Euseino?

Este mércores, día 26 de abril, Mariña de Toro Cuns, en representación da Sociedade Coopertiva Galega Numax, e Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, asinaron un acordo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes galegas. Mediante este acordo, o Arquivo Euseino? comprométese a conservar e custodiar a documentación fotográfica e videográfica que recolle a importante actividade cultural desenvolvida pola Cooperativa nos seus locais de Santiago de Compostela. Esta nova alianza ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, aumentando a súa difusión e incidencia social alén do ámbito literario.

A documentación cedida vai formar parte do Fondo Numax depositado no Arquivo Euseino? No acto de sinatura, tamén estivo presente Beatriz Fraga, vicepresidenta e cofundadora de Euseino?

O Fondo Numax vai constar das copias íntegras en soporte dixital dos documentos videográficos e fotográficos obxecto do Acordo. Tanto os realizados antes da data de sinatura coma aos que se vaian realizar con posterioridade a el. Con ese motivo, a Cooperativa Numax ha informar expresamente as persoas que interveñan nos actos gravados e fotografados.

A cesión desta documentación ten gran valor documental para o estudo da difusión da cultura e, especialmente, da literatura galega, das intervencións públicas das autoras e autores e para o debate sobre a función dos libros na sociedade actual.

A sinatura do Acordo de Cesión de Documentación ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, polo que se sitúa nun marco máis amplo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes para o estudo, difusión e arre­quentamento da cultura en idioma galego.

O Fondo obxecto da cesión vai pasar a formar parte dun repositorio dixital que facilite a súa consulta a través de euseino.org coa finalidade de apoiar a investigación e difusión deste tipo de material, de gran valor porque recolle imaxe fílmica e voces das autoras e autores galegos.

Tanto pola súa actualidade e renovación constante coma polas características da librería de Numax, especialmente dedicada a literatura, arte e pensamento, os vídeos e fotografías que integran o este fondo documental representan momentos senlleiros da difusión social e do debate no ámbito cultural galego. Neles recóllense os actos, coloquios e presentacións de novidades bibliográficas gravados en directo e fotografados polo equipo da Cooperativa.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, desta volta videográfica e fotográfica, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial e a súa proxección na sociedade, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que se lles vai engadir proximamente o Fondo Rebeca Baceiredo.

A poesía como “Principio Esperanza”

Consideracións arredor do poemario “Intimidación”

“Esperanza”, por George Frederic Watts

A cita coa que o Colectivo Maiakovski inicia o poemario Intimidación, cita da que tamén colle o título, procede do poema “O xeito de Freud”, de Carlos Lema. Di o seguinte:

“Intimida non dar previsto o que vai acontecer.”

Falamos co poeta, quen nos comenta empregou recursos propios da poesía modernista, fundamentalmente vencellados ás obras de Allen Ginsberg, John Ashbery e T. S. Eliot, para facer unha crítica da psicanálise como tipo de representación na que se consagra o suxeito en calidade de principio de razón e único dador de senso ao mundo.

Segundo nos conta o propio autor, comezou a escribir o poema despois de asistir a un concerto do Art Ensemble of Chicago, cuxa música percusiva e amelódica se aproximaba moito á dos rituais iniciáticos das culturas que quedaron á marxe da influencia do pensamento grego que fusionou o dionisiaco co apolíneo. Un tipo de música que se podería asociar co intento da psicanálise de dotar de senso experiencias subxectivas ata daquela pouco ou nada asimiladas pola representación racional.

O contexto da cita do “Xeito de Freud”, un poema extenso de 274 versos, está localizado nas súas últimas estrofas e é este:

"[...] ¿Que resposta implica o argumento
que a constitúe? A resposta que un se dá
a si mesmo. Unha acusación verdadeira, 
un roubo da personalidade, un inquérito
para coñecerse e unha posibilidade de negarse
a segunda opción. O efecto é idéntico
a non saber que dicir.

Intimida non dar previsto o que vai acontecer.

Freud está tan preto do lector, de vostede,
coma dun convidado inútil que non se sabe defender.
Organiza o coñecemento, se cadra
despois dunha ou dúas páxinas de texto, avíase
para celebra-las figuras da linguaxe, literariamente,
as imaxes-lingua, algo tan familiar
e antigo, se cadra mesmo sinxelo. Unha morea
de curiosidade aínda non redescrita."

Cómpre clarexar que Carlos Lema non forma parte do Colectivo Maiakovski nin estaba ao tanto de que un verso escrito por el ía encabezar o poemario. Agradece moito, segundo nos prega fagamos constar, que se prestase atención á súa obra e que esta cita servise para dar pé a un proxecto literariamente tan ambicioso.

Manifesto

A continuación da cita inicial de Lema, Intimidación ábrese cun “Manifesto” no que o Colectivo Maiakovski expón que

“non haberá ningunha esperanza se non houbese incerteza e un certo temor a que non se cumpra o esperado. Unha certa expectativa que non se derive nin da experiencia nin do coñecemento.”

Neste breve manifesto, o colectivo de poetas matiza e diferenza entre optimismo, ou pensamento positivo, e esperanza, esta última non tendente a autosatisfacción e que pode recompensar tamén a quen non a ten, contra o que é propio do optimismo, de pulsión egoísta mesmo en caso de colectivos amplos coma as nacións. Polo tanto, o Colectivo Maiakovski renega do “optimismo”, mais afúndese no inesperado.

A poesía defínese así como o territorio do inesperado, a utopía, único lugar onde abrolla a esperanza. Estamos, daquela, perante a identificación da poesía como o Principio Esperanza do que escribiu o filósofo Ernst Bloch nos tres volumes da súa obra máis coñecida.

Spes transcendente

A tríade de Spes, Fides e Fortuna formaba a personificación divina do culto imperial das Virtudes na antiga Roma. A primeira é a Esperanza. Coma Salus (“Salvación, Seguridade”), Ops (“Abundancia, Prosperidade”) e Victoria, Spes era unha potencia que procedía dos deuses, contrariamente aos poderes divinos que residían no individuo, tales coma Mens (“Intelixencia”), Virtus (“Virtude”) et Fides (“Fe, Fidelidade, Fiabilidade”).

O poder da Esperanza é, polo tanto, un poder que emana dos deuses, non dos seres humanos; é importante salientalo aquí porque a proposta poética de Intimidación herda esa procedencia transcendente precisamente ao situar o Principio Esperanza na utopía, nun lugar non mundano, que transcende logo.

Como despois imos ver, Bloch intenta desvencellar a súa concepción transcendente da Esperanza da idea kantiana do transcendental; faino co obxectivo de evitar todo a priori e situar a Spes no territorio do novo. Do mesmo xeito que a poesía moderna se intenta situar fóra da linguaxe, no territorio da Voz, para pretender que un poema é o poema, isto é, algo alleo a un xénero, a un tipo de literatura determinada con antelación por unha categoría (etimoloxicamente, o que se di sobre algo).

A poesía moderna, coma o Principio Esperanza de Bloch, quere ser transcendente mais non transcendental.

O homólogo grego de Spes era a deusa Elpis, que non posuía culto formal ningún na Grecia arcaica. O principal mito no que Elpis ten un papel é a historia de Pandora, á que curiosamente Marx deu considerable importancia. Pola contra, os gregos tiñan sentimentos ambivalentes, mesmo negativos, respecto da “esperanza” e esta idea carece de importancia nos seus sitemas filosóficos, se cadra debido á concepción temporal grega, de tipo circular —se se lle pode chamar así ao aión, máis asimilable, segundo Martínez Marzoa, a unha noción próxima ao “sempre”—, fronte á concepción romana, e logo cristiá, nidiamente liñal e progresiva.

O “Principio Esperanza”

Segundo Bloch, polo tanto, a función utópica é “a única función que pode ser transcendente sen ser transcendental”.

“A luz máis favorable a esa progresión emana da consciencia de Fronte; a función utópica en tanto que actividade abranguida polo afecto de espera, da intuición propia da esperanza, está aliada con todo o que hai de auroral no mundo. […] a súa razón [a da función utópica], sempre válida, é a dun optimismo militante. En conclusión: o contido da esperanza en tanto que acto […] é a función utópica positiva.” (179, vol. 1)

No marxismo, coma na economía cristiá, na que o valor dos feitos está en función de como inflúen na Salvación, todo ten un valor en función desa finalidade. Neste caso, a función do Principio Esperanza é unha función utópica positiva, no senso en que a esperanza dirixe o movemento cara a un lugar inexistente, cara ao utópico ou, en termos poéticos (de poiese, creación), cara ao novo.

Segundo Bloch, despois de Marx, o porvir xa non pode estar pechado á intervención do Novum, que xa non pode aparecer como un material estraño.

Que nos íntimida?

Na presentación de cuarta de cuberta de Intimidación, xorde esa mesma obsesión por unha salvación sempre adiada:

“Que ameaza o futuro, cada intre do futuro? A intimidación converteuse no espírito do século. Sabémolo! Para defendérmonos non temos respostas. Tan só poesía.”

Velaí a poesía como Principio Esperanza, como non saber (sen formas a priori), como único sitio onde a esperanza pode ser parteira dese Novum salvador. A función soteriolóxica da poesía moderna, xa presente en Un Coup de dés. O Libro, o Poema como relixión.

Mais, para que o Poema se sitúe nese lugar medular, antes cómpre evacuar del a quen o ocupa: o poeta moderno. Por iso tamén na cuarta de cuberta está escrito: “Maiakovski oponse ao poeta como epítome do individual. Non hai egos que reclamen a súa escrita, senón un fluír de voces que desemboca noutras voces, formando un magma creativo que abrolla reciprocamente.” [Itálicas engadidas.]

A reciprocidade refírese á lectura como acto cocreador, ese aspecto performativo no que Carlos Lema ve o contrario da poesía como tal, como literalidade. “O xeito de Freud”, o poema, non o resto do libro, é unha crítica á idea de Voz, ou da Voz como maneira de acceder ao senso. A Voz é sempre unha: do Suxeito, do Colectivo, do Poema ou do Pobo.

Falso movemento na literatura

Toda a literatura moderna está concibida arredor do suxeito e da cuestión da súa autorrepresentación verosímil. Velaí os eixos que artellan os xéneros literarios centrados na realidade concibida cartesianamente como unha excrecencia do suxeito. A obra é de quen a escribe, que é quen a asina.

Nese punto, o ethos do Colectivo Maiakoski vencella o novo á evacuación da autoría. Como se postula no libro A monstruosidade moderna, na tardomodernidade Cidadanía e Arte son a mesma cousa: na Idade Moderna, a arte é para todos. Inda máis, a legalidade artística goberna a representación nova do suxeito que se produce e se consome a si mesmo, fenómeno ao que Lema denomina a consunción.

Quen escribe literatura —e a poesía é literatura, son letras que representan sons con significado— necesita actualizar constantemente a forma do xénero que cultiva debido á concepción temporal que rexe a sociedade moderna, na que a novidade —o Novum— é central porque implica a noción de progreso; esa mesma viaxe a Citerea, ou ese soño in spe do que escribe Bloch no segundo volume da súa obra. De aí xorde a continua busca de paradigmas novos, a necesidade de presentar algo que non cambia coma se estivese nun cambio constante.

Obra sen esperanza

Unha obra artística, calquera obra, como obxecto e en tanto que existe no campo de senso da arte, carece de identidade e de intencionalidade. É a súa situación no campo de senso da arte o que a determina, non unha vontade nin unha decisión. Por iso as obras de arte carecen de moral e de responsabilidade; as cuestións morais e a resposabilidade soamente atinguen a quen escribe e a quen le. Á obra non.

Diante deste poemario, preguntámonos se é máis auténtica unha autoría colectiva ca unha autoría individual. En todo caso, preguntámonos se é posible manter o Principio Esperanza se se prescinde da intencionalidade e da identidade, colectiva ou non. A esperanza, por outra banda, é unha idea que só afecta ao suxeito; as cousas carecen da necesidade de ter esperanza aínda que se individúen. Un poemario xorde dun proceso de individuación respecto dunha Obra mais non ten a esperanza de que alguén o lea ou de que o identifique como tal.

Esperanza e fondura: o maternal e a Heimat

No seu libro, Bloch fai unha análise moi intelixente da noción de perspectiva na arte e do seu correlato, a fondura. Na arte medieval, a fondura viña dada pola súa función de representar a Deus; na arte posterior, a fondura é un efecto causado pola perspectiva. É dicir, no medievo a arte facía presente a imaxe de Deus mentres que no Renacemento é a perspectiva a que introduce na pintura o suxeito que contempla. A fondura é a capacidade que ten o suxeito para ver, non a aparición do non visible.

De aí que a posición de Bloch sexa nidiamente correlacionista, para el o mundo é resultado da acción da mente humana. A correlación mundo-pensamento é a que determina toda existencia, por iso defende a progresión dialéctica da historia como algo inherente a esa correlación. A historia guía o porvir cara á salvación que a esperanza amosa; sempre co suxeito como centro consciente ou inconsciente pois é a función utópica do Principio Esperanza a que actualiza na historia ese porvir incluso cando está en estado latente.

“A douta Spes, a esperanza esclarecida revela así o concepto dun principio no mundo, concepto que endexamais o vai abandonar.” (14, vol. 1)

A esperanza, como para o Colectivo Maiakovski a poesía, conduce segundo Bloch o Novum (a poiese) pola “estrada estratéxica” cara á “única cousa necesaria e sen cesar esperada”.

Fondura. Esperanza. Economía. Salvación.

Por iso para Bloch o “tema fundamental” da filosofía é o Fogar (die Heimat) aínda non acadado, “o lugar da identidade consigo mesmo e coas cousas”. A centralidade do suxeito está ben clara e a conseguinte perspectiva utópica xustifícase mediante a “dialéctica-materialista” do Novo e do Antigo.

A critica poética feita no “Xeito de Freud” por Carlos Lema é precisamente a desa concepción na que incluso a aquilo que está reprimido nas sombras do subconsciente sempre lle espera a acción utópica do novo, da creación. A relación determinista entre Novum, esperanza e psicanálise sitúa a razón do mundo sempre fóra del, nunha utópica e necesaria salvación. Cómpre salvarse do mundo ou, o que vén ser o mesmo, buscar o senso nunha transcendencia. Esta posición antimaterialista, a da poesía como utopía, é o que Lema denominaría posteriormente a monstruosidade moderna.

“Unha raiola de esperanza”, por Charles Gilhousen

De por parte, a representación moderna da Esperanza ten dúas versións plásticas que reproducimos neste artigo. A de George Frederic Watts, na que unha figura de muller, sentada no orbe, ten os ollos vendados e colle unha lira coas cordas rotas. Neste cadro, o pintor inglés relaciona directamente a poesía coa esperanza, malia que se trata dunha poesía esgazada, é dicir, nin máis nin menos ca a poesía moderna condenada pola eiva da linguaxe, neste caso unha lira rota.

A segunda versión é a do fotógafo Charles Gilhousen titulada “Unha raiola de esperanza”, na que tamén unha figura de muller, desta volta espida e coa ollada dirixida cara a unha luz que procede do exterior, semella ir acoller a esperanza no colo, coma quen colle unha crianza. O vencello da esperanza coa maternidade e, polo tanto coa creación, coa poiese, tamén queda establecido nesta imaxe na que o maternal se une ao transcendente. A arte moderna, como xa apuntamos, é parteira dun suxeito que se produce e se consome. Que se reproduce ao se representar.

Bibliografía

Bloch, Ernst, Le Principe Espérance, tomos I, II e III, traducido do alemán por Françoise Wuilmart, París: Éditions Gallimard, 1976.

Colectivo Maiakovski, Intimidación, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021.

Lema, Carlos, O xeito de Freud, Culleredo, A Coruña: Espiral Maior, 2008.