Continúan as “Charlas no Pensatorio”

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Inma Otero Varela

O próximo xoves, día 20 de decembro, ás 19 horas, continúa o ciclo Charlas no Pensatorio organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, a ensaísta e crítica literaria Inma Otero vai falar de:

A emerxencia do real fronte ao texto

Despois de dous séculos nos que primou a epistemoloxía sobre a ontoloxía na filosofía, nos que impuxo o ‘eu penso’ sobre a realidade, están a agromar voces que reclaman unha volta á realidade como elemento do que dependería o coñecemento e non á inversa. Unha destas voces pertence ao filósofo italiano Maurizio Ferraris. Na súa obra Emerxencia achega unha proposta que explicaría como a realidade, aquela formada polos obxectos naturais e sociais, xorde a partir dunha serie de inscricións; dun cúmulo de rexistros que permitiría, coma se se tratase dunha serie de instrucións, que algo novo emerxese.

A autora da Ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, expoñerá as liñas fundamentais do novo realismo, a importancia das inscricións e a súa función como representación.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

O físico e astrónomo Robert Fludd debuxou en 1617 os múltiples e caóticos fogos que emerxen dunha estrutura estelar visible no centro de aneis de fume e pó.

 

Eyré sobre “Emerxencia”

A prol da salvagarda do rexistro electrónico e dixital galego

Saudamos e celebramos a nova etapa de Ferradura en tránsito, a época II desta imprescindible e xenerosa achega do crítico literario Xosé Manuel Eyré. Lamentamos que Blogaliza desapareza e con ela a posibilidade de consultar en acceso aberto centos de críticas, entrevistas e outros textos e obras de grande interese para a cultura galega. Preguntámonos se hai algunha institución que arquive e preserve toda esa riqueza que abrolla nas páxinas webs e nos blogues galegos; se non a hai, deberíase crear o antes posible para que non aconteza que os artigos de páxinas coma Ferradura en tránsito desaparezan e se perda unha parte importante da historia da cultura galega deste século. Xa non abonda con preservar os libros e outras publicacións impresas, é necesario salvagardar a cultura que se expresa a través dos medios electrónicos e dixitais, gardar os rexistros do noso paso polo mundo.

Precisamente, Maurizio Ferraris é un dos autores que máis leva reflexionado sobre a inscrición e o rexistro (véxanse os artigos “Catálogo do mundo, 1″ e “Catálogo do mundo, e 2”). A idea inicial do filósofo italiano coincide con esa necesidade de apreixar todo o existente, esa é a razón de que, segundo Ferraris, se cataloguen exemplares, é dicir, individuos que posúen características xeneralizables.

“Se a meirande parte dos sistemas modernos está elaborada, sobre bases kantianas, a partir dos suxeitos (do Eu puro ou das súas transformacións ata o Ser-aquí de Heidegger ou ata o ser en situación de Sartre), o que propoño é, pola contra, un sistema aristotélico que dá preminencia aos obxectos e que precisamente substitúe o Eu transcendental pola idea do catálogo”. (Maurizio Ferraris, Documentalità. Perché è necessario lasciar tracce, Roma-Bari: Editori Laterza, 2009, p. 8)

Sobre Ferraris e o seu libro Emerxencia escribe Eyré dous artigos: “Crítica de Emerxencia” e “Subliñados de Emerxencia”. No primeiro fai unha recensión pormenorizada e rigorosa do ensaio do autor italiano publicado por Euseino? en tradución de Inma Otero Varela.

“Maurizio Ferraris, un dos principais filósofos europeos, realiza unha posta a punto de filosofía emerxencial nesta obra de 2016, que conta con versión galega antes que castelá. Desde o punto de vista realista propón un emerxentismo metafísico baseándose nun empirismo transcendental e estuda a filosofía trascendental na ontoloxía, na epistemoloxía e na política, que son os tres apartados nos que organiza o libro.”

Co seu rigor habitual, no segundo dos artigos Eyré volve empregar o recurso da cita, recurso que popularizou co carimbo de “subliñados” e que é unha das características sobranceiras deste lector impenitente e coidadoso.

Benvida esta Ferradura en tránsito II, un dos rexistros do pensamento que axudan a que a literatura e a filosofía galega existan.

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave