Continúan as “Charlas no Pensatorio”

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Inma Otero Varela

O próximo xoves, día 20 de decembro, ás 19 horas, continúa o ciclo Charlas no Pensatorio organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, a ensaísta e crítica literaria Inma Otero vai falar de:

A emerxencia do real fronte ao texto

Despois de dous séculos nos que primou a epistemoloxía sobre a ontoloxía na filosofía, nos que impuxo o ‘eu penso’ sobre a realidade, están a agromar voces que reclaman unha volta á realidade como elemento do que dependería o coñecemento e non á inversa. Unha destas voces pertence ao filósofo italiano Maurizio Ferraris. Na súa obra Emerxencia achega unha proposta que explicaría como a realidade, aquela formada polos obxectos naturais e sociais, xorde a partir dunha serie de inscricións; dun cúmulo de rexistros que permitiría, coma se se tratase dunha serie de instrucións, que algo novo emerxese.

A autora da Ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, expoñerá as liñas fundamentais do novo realismo, a importancia das inscricións e a súa función como representación.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

O físico e astrónomo Robert Fludd debuxou en 1617 os múltiples e caóticos fogos que emerxen dunha estrutura estelar visible no centro de aneis de fume e pó.

 

Charlas no Pensatorio

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Carlos Lema

O próximo xoves, día 15 de novembro, ás 19 horas, comeza o ciclo Charlas no Pensatorio, organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, o filósofo, poeta e editor Carlos Lema vai falar de:

Cidadán e artista: as consecuencias ontolóxicas dunha reificación

“O asunto central desta charla, na que se vencellan filosofía e estética, é realizar unha defensa da igualdade ontolóxica a través da idea de que, na Idade Moderna, a arte é para todos. Os conceptos chave serían as nocións de arte e liberdade, a de cidadán común como artista (por exemplo, o caso do escritor Karl Ove Knausgaard e a súa sextaloxía “A miña loita”) e as de cousa e suxeito cousificado (autopoiese).”

O autor da Música das esferas, expoñerá as ideas centrais do que vai ser o seu próximo libro “A monstruosidade moderna”.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

 

“Homenaxe a Delacroix” (1864), por Henri Fantin-Latour. Sentados: Louis Edmond Duranty, Henri Fantin-Latour, Jules Champfleury e Charles Baudelaire. De pé : Louis Cordier, Alphonse Legros, James Whistler, Édouard Manet, Félix Bracquemond e Albert de Balleroy. No centro, un autorretrato de Eugène Delacroix.

 

O ciclo continuará o día 20 de decembro cunha charla de Inma Otero Varela, que vai falar de “A emerxencia do real fronte ao texto”.